Paredes de Coura 2018. Día I: King Gizzard, Linda Martini, The Blaze

Cada ano que pasa xorden novos festivais ao longo de toda a península ibérica e cada ano semella que se están a converter nunha experiencia cada vez máis precaria para o público. Atoparse con espazos abarrotados ou campings con instalacións deficientes xa non sempre é unha sorpresa. Ante este panorama xeralizado, o festival Vodafone Paredes de Coura posiciónase como un oasis no que converxen tanto a boa música como o obxectivo de ofrecer unha experiencia única a todos os seus asistentes. Promocionado pola organización como “o hábitat natural da música”, esta definición non podería resultar máis axeitada para este evento celebrado na Praia Fluvial do Taboão. O recinto situado nunha ladeira conforma un anfiteatro natural que permite que a visibilidade do seu escenario principal sexa total tanto dende a súa primeira fila como dende praticamente a entrada ao espazo do festival, sen renunciar a unha acústica envidiable. Asimesmo, o espazo de acampada sitúase nunha ubicación privilexiada á beira do río Coura, que luce cheo de bañistas e pequenas lanchas permitindo fuxir do calor do mes de agosto.
Pedro Silva

Como xa é habitual, a primeira xornada do Paredes de Coura foi un exercicio de quentar motores, cun menor número de concertos programados, todos eles ubicados no escenario principal. A primeira gran actuación do festival chegou da man dos portugueses Linda Martini. O cuarteto formado por André Henriques, Cláudia Guerreiro, Hélio Morais e Pedro Geraldes presentou as cancións do seu quinto disco nas que continúan a explorar o post-hardcore e o rock alternativo máis enérxico. A pesares das constantes disonancias e ritmos complexos, a banda logrou manter unha relación de complicidade total co público ao longo do concerto nun recital que foi enérxico e emotivo a partes iguais.

© Hugo Lima

Os australianos King Gizzard & The Lizard Wizard voltaron ao Paredes de Coura soamente dous anos despois da súa actuación anterior no festival, pero fixérono con cinco novos discos baixo o brazo. O setlist da banda consistiu case na súa totalidade en material novo, dende o rock enérxico do ‘Murder of the Universe’ ás polirritmias de ‘Polygonwanaland’ pasando por cancións como ‘Rattlesnake’ do ‘Flying Microtonal Banana’, coreada polo público de todo o festival, ou ‘Muddy Water’, do seu último disco ata a data. Mesturando como poucas bandas na actualidade os sons psicodélicos, a complexidade e a accesibilidade, o concerto de King Gizzard & The Lizard Wizard foi todo o que cabería esperar desta banda, unha sucesión de cancións tocadas practicamente sen pausas entre elas e cargadas de enerxía que converteron toda a parte frontal do escenario do recinto practicamente nun pogo constante que durou toda a actuación, dende a apertura con ‘Digital Black’ ata o peche con ‘People Vultures’. Sen lugar a dúbidas foi o mellor concerto da primeira xornada e un dos máis memorables desta edición do festival.

© Hugo Lima

Sen embargo os cabezas de cartaz do primeiro día do Paredes de Coura eran os franceses The Blaze. Esta elección resultaba sorprendente dende o comezo, xa que o dúo conta ata o de agora únicamente cun EP de seis cancións. Esperábanse algúns temas novos e así foi, sen embargo esto non evitou que se tratase dun concerto demasiado breve para tratarse da actuación máis destacada da xornada. A posta en escea de The Blaze foi moi cinemática, cun escenario cuberto de varias pantallas que rodeaban aos músicos. No apartado musical, o concerto foi correcto en todo momento, a banda desenvolveu seu estilo electrónico minimalista con pianos melancólicos e voces procesadas con total solvencia a pesares de non chegar a alonxarse desta fórmula en ningún momento. O resultado final non distou en absoluto do que podemos atopar nas versións de estudio destas cancións. Se ben o directo dos franceses non tivo verdadeiros problemas, en certa maneira semella non ter sido a elección máis axeitada para ser promocionada como cabeza de cartaz do primeiro día do Paredes de Coura.

© Hugo Lima
Déixanos contarcho!
Mantente ao día das nosas novidades uníndote agora á nosa lista de suscriptores.