Paredes de Coura 2018. Día II: Fleet Foxes, Jungle, Japanese Breakfast

A segunda xornada do Vodafone Paredes de Coura partía con Fleet Foxes e Jungle como principais protagonistas, sen embargo a programación musical dos dous escenarios contaban con propostas atractivas que encenderon ao público xa dende a primeira hora da tarde. Os británicos Shame actuaron nun horario pouco favorecedor para o seu estilo, todavía de día mentres que moitos dos asistentes todavía se atopaban bañándose no río. Sen embargo seu concerto foi o máis intenso da xornada. ‘Songs of Praise’, o primeiro disco dos ingleses e sen lugar a dúbidas un dos mellores debuts do ano, que fixo sentir ao post punk de novo cheo de vitalidade e enerxía. A fórmula que funcionou nas gravacións de estudo estivo presente no seu directo cunha forza todavía maior nun concerto no que o público do escenario principal non deixou de saltar e facer crowdsurfing dende o principio ata o fin incitados polo frontman Charlie Steen.
 
© Hugo Lima

Xusto ao remate de Shame comenzaba o concerto de Japanese Breakfast, a primeira actuación da banda en Portugal. Arrancando con ‘Diving Woman’ e as súas guitarras ruidosas próximas ao shoegaze, quedou claro dende o primeiro segundo que o directo de Michelle Zauner e compañía é un dos seus puntos fortes. Zauner, visiblemente emocionada e feliz asegurou que o concerto estaba sendo perfecto e definiu ao Paredes de Coura como “o único festival ao que me gustaría ir”. Un dos principais atractivos de Japanese Breakfast é a súa capacidade de mesturar xéneros musicais diferentes dunha maneira completamente natural, esto quedou patente co peche do concerto cunha versión guitarreira de ‘Dreams’ de The Cranberries seguida do pop electrónico e con autotune de ‘Machinist’.

© Hugo Lima

Tamén no escenario Vodafone FM, a portuguesa Surma desenvolveu un set de electrónica minimalista controlando ela soa sintetizadores pads e mesmo a guitarra dunha maneira similar á da artista canadense Grimes. A pesares do seu estilo musical moi intimista, unha Surma visiblemente emocionada logrou atraer a atención dun público moi numeroso.

Á hora do concerto de Fleet Foxes boa parte de público xa se concentraba no escenario principal para escoitar o indie folk do quinteto norteamericano. Sen alonxarse en ningún momento dos sons clásicos deste xénero, Fleet Foxes son capaces de sorprender e de explorar instrumentacións complexas e sofisticadas en cancións que son en todo momento moi sinxelas de escoitar. As cancións do seu último traballo, o xenial ‘Crack-Up’ foron interpretadas á perfección tanto nas harmonías como nos seus arranxos dando como resultado un concerto pausado pero redondo, que puido ser disfrutado moito mellor no marco natural do recinto do Paredes de Coura que en calquera dos outros macrofestivais polos que se pasaron os de Seattle este verán.

© Hugo Lima

A principal sorpresa da xornada foi o concerto de Jungle. Se ben xa partían como os segundos cabezas de cartaz do día, o que ofreceron os británicos sobre o escenario distou moito do que se percibe ao escoitar as súas grabacións de estudo. Cun formato de banda de sete músicos, o funk e a música disco do seu debut homónimo publicado hai xa catro anos soaron con moita máis forza e cun son máis orgánico e variado. Cancións como ‘Time’ ou ‘Busy Earnin’ puxeron a bailar a todo o público do escenario principal do Vodafone Paredes de Coura. E aínda por riba o concerto dos británicos foi unha oportunidade privilixiada de dar unha escoita anticipada a varios dos temas que compoñerán o segundo disco de Jungle, todavía por estrear.

Déixanos contarcho!
Mantente ao día das nosas novidades uníndote agora á nosa lista de suscriptores.