Paredes de Coura 2018. Día III: Slowdive, Skepta, DIIV

O terceiro día do Vodafone Paredes de Coura 2018 arrancou cos sons exóticos de Imarhan no escenario Vodafone FM. O estilo deste quinteto alxeriano enmárcase no desert rock touareg. Subidos ao escenario vestidos con roupas tradicionais, a música que interpretaron Imarhan moveuse en todo momento entre o rock máis clásico e o foráneo, con guitarras que seguían estructuras do blues acompañadas por melodías e percusións da áfrica occidental. O resultado foi sen lugar a dúbidas interesante e divertido, cun público entregado ao ritmo das cancións xa dende a primeira hora da tarde.
 
Hai veces nas que sintes que estás no lugar axeitado no momento axeitado. O concerto de Kevin Morby no escenario principal do Paredes de Coura foi unha desas ocasións. Mentres o Sol comezaba a poñerse detrás das árbores e boa parte do público se atopaba sentado na ladeira que conforma o anfiteatro natural deste escenario, o indie rock do cantautor estadounidense soou mellor ca nunca. Acompañado por Meg Duffy á guitarra, Cyrus Gengras ao baixo e Nick Kinsey á batería, Morby demostrou que detrás da aparente sinxeleza das súas cancións hai moita beleza e sofisticación, a cal saíu a relucir por completo neste concerto.
.
 
Pedro Silva
 
.
Liderados por Zachary Cole Smith, DIIV déronse a coñecer no 2012 co seu disco debut ‘Oshin’, no que o dream pop e o noise rock atopaban un estrano punto de encontro entre ritmos krautrock. O segundo disco da banda ‘Is the Is Are’, o cal continuando unha fórmula moi semellante á do primeiro lanzamento pasou moito máis desapercibido que o anterior. Dous anos despois, DIIV subíronse ao escenario principal do Paredes, tras voar directamente dende os Estados Unidos ata Portugal para dar únicamente este concerto en Europa. A banda soou tan ben coma sempre, repasando as súas cancións xa publicadas e mesmo interpretando un tema novo que foi quizáis o mellor de toda a actuación. A banda mantivo en todo momento unha actitude moi desenfadada e moito sentido do humor, Remarcando en varias ocasións o contentos que estaban por tocar xusto antes que Slowdive, quenes así mesmo retransmitiron o concerto dos estadounidenses no seu perfil de Instagram dende o lateral do escenario.
 
.
Arrancando coa pausada ‘Slomo’, como xa é habitual, Slowdive non tardaron moito en etregar ese muro de sonido tan único e impactante ao interpretar ‘Catch The Breeze’. O concerto dos británicos foi sen lugar a dúbidas un dos mellores de todo o festival. A pesares de non tocar ningunha canción que non figurase no setlist do seu paso por Galicia a comezos de ano, ver a Slowdive nun espazo pechado é unha experiencia moi diferente a escoitalos ao aire libre, e en especial se a acústica acompaña, como o fixo no anfiteatro natural de Paredes de Coura. Repasando os mellores temas do ‘Souvlaki’ así como do seu último disco, a banda deu un concerto perfecto no que a música estivo por enriba de todo. O peche coa versión de ‘Golden Hair’ de Syd Barret foi emotivo, épico e impactante a partes iguais. Sorprende todo o que esta banda pode conseguir facer nos directos con poucas palabras e sen moverse moito no escenario.
Foto: © Hugo Lima

O concerto de Skepta foi radicalmente distinto, pero non por eso menos interesante. O rapeiro británico puxo en evidencia mediante a súa música grime potente e agresiva os enormes cambios que viviu o mundo hip hop nos últimos vinte anos. Acompañado polas bases de DJ Maximum, que en directo soaron todavía máis enérxicas que nas versións de estudo, toda a parte frontal do escenario converteuse nun pogo que durou practicamente a totalidade do concerto. Houbo un pequeno momento de tensión no que Skepta se retirou do escenario para pedir ao público que non se lanzasen obxectos ao escenario ou tería que dar por concluído o concerto, pero afortunadamente quedou niso, unha advertencia.

Foto: © Hugo Lima

Déixanos contarcho!
Mantente ao día das nosas novidades uníndote agora á nosa lista de suscriptores.