Paredes de Coura 2018. Día IV: O reencontro con Arcade Fire

O Paredes de Coura é xa un festival veterano. Cunha primeira edición celebrada en 1993, organizada en nove días por un grupo de amigos, este evento foise consolidando ano a ano ao combinar unha atractiva proposta musical e un entorno natural envidiable. Cun cartaz composto exclusivamente por bandas portuguesas durante os primeiros catro anos, a partires do 1997 pasaronse por Paredes de Coura bandas de todas das partes do mundo. Nomes como P. J. Harvey, Nick Cave, Pixies, Nine Inch Nails, Foo Fighters, Queens of the Stone Age, LCD Soundsystem ou Coldplay son unha mostra do nivel que mantivo este festival durante as súas 26 edicións.

O público que asiste a este festival acostuma a ser un público fiel, dese que repite ano tras ano sempre que lle é posible, e en certa maneira semella que moitas das bandas que se achegaron ata Paredes volven a facelo ao cabo duns anos. Por exemplo, Queens of the Stone Age actuaron na praia fluvial da vila nos anos 2001, 2003 e 2005, nas xiras dos discos ‘Rated R’, ‘Songs for the Deaf’ e ‘Lullabyes to Paralyze’. Nesta edición tamén houbo varias bandas que repetían, como por exemplo Slowdive, que xa se pasaran polo festival no 2015, antes de publicar seu último disco. Sen embargo o caso máis sorprendente é o de Arcade Fire. Os canadenses formaran parte do cartaz do Paredes de Coura no ano 2005, durante a xira de presentación do seu disco debut ‘Funeral’, publicado ese mesmo ano. Daquela, todavía como unha nova promesa do indie rock, a banda comandada por Win Butler e Régine Chassagne actuou a media tarde. Máis dunha década despois Arcade Fire voltaron ao Paredes de Coura reconvertidos en estrelas e sendo os protagonistas absolutos desta edición.

Xa dende o primeiro momento se percibiu no recinto unha afluencia de público moito maior nesta última xornada mostrando o enorme tirón que teñen os canadenses a día de hoxe. Durante o concerto de Big Thief, a cantante Adrianne Lenker mostrouse enormemente sorprendida por esto, asegurando que se trataba da audiencia máis grande que tiveran nunca. O indie rock con tintes de folk dos estadounidenses soou sincero e emocional. A combinación desta música tan intimista nun ambiente tan masivo é algo que soamente podería ter funcionado así de ben neste festival.

Foto; © Hugo Lima

O concerto de Dead Combo e Mark Lanegan partía como unha das propostas máis destacadas do cartaz do Paredes, unha actuación única na que a música instrumental dos portugueses con ese son desgastado, caracterizada por unha revisión do blues aderezada con toques de folk e en momentos mesmo de fado, podería acompañar a voz única do cantante estadounidense. Tras a publicación do disco ‘Odeon Hotel’, producido por Alain Johannes no que Mark Lanegan colaboraba poñendo voz a unha canción, este concerto semellaría unha oportunidade para escoitar parte da música deste disco así como outras cancións do repertorio do estadounidense tanto da súa carreira en solitario como da súa etapa en Screaming Trees. Sen embargo o concerto non puido estar a altura das expectativas. Cunha aparición de Mark Lanegan máis que fugaz, que se limitou a un total de tres cancións, a música de Dead Combo foi a protagonista absoluta do concerto, mais foi incapaz de brillar por completo debido a unha pobre mistura de son.

O seguinte concerto no escenario principal foi o de Arcade Fire. Co recinto xa abarrotado, a banda arrancou co seu último éxito, ‘Everything Now’, convertida xa nun himno máis da súa discografía, coreada por todo o público. Seguida por ‘Neighborhood #3 (Power Out)’, ‘Rebellion (Lies)’ e ‘No Cars Go’, os canadenses puxeron sobre a mesa toda a súa enerxía e vitalidade. O concerto todavía acababa de comezar e Arcade Fire xa amosaron no escenario que eran a banda máis grande que formaba parte desta 26 edición do Paredes de Coura, tanto por repertorio como polas súas interpretacións. ‘The Suburbs’ soou especialmente emocional, ‘Afterlife’ con máis ritmo que no disco e ‘Cars and Telephones’ permitiu inesperadamente lembrar os primeiros pasos de Arcade Fire.

Foto: © Hugo Lima

Tampouco se debe negar que algúns dos temas novvos como ‘Electric Blue’ soaron directamente mal, ‘Put Your Money on Me’ fíxose algo longa, mentres que ‘Creature Comfort’ mellora en directo. O peche ao concerto foi, como non, con ‘Wake Up’. Todavía a día de hoxe a canción máis memorable da banda. A mesma coa que arrancaron a súa actuación en Paredes no ano 2005, desta volta coreada por todos os asistentes concentrados no escenario principal, evidenciando o longo percorrido de Arcade Fire durante a última década.

Déixanos contarcho!
Mantente ao día das nosas novidades uníndote agora á nosa lista de suscriptores.