Joe Talbot, de Idles, durante a súa actuación no Paredes de Coura 2022 (Pedro Silva)

Paredes de Coura 2022: A forza de Idles e o ritmo de BADBADNOTGOOD

Probablemente a volta da música en directo ao anfiteatro natural da praia fluvial do Taboão servise a moitos portugueses e tamén galegos para deixar atrás definitivamente tres anos de parón cultural sen festivais masivos. O festival Paredes de Coura voltou este mes de agosto por primeira vez dende 2019 e a con unha expectación máxima, como demostrou que as tendas comezaran a aparecer no recinto do campismo mesmo dez días antes do inicio do festival.

A pesar da longa espera dende os últimos concertos, esta nova edición do Paredes de Coura tivo lugar case como se nada tivese ocurrido nos últimos anos. O recinto, o ambiente e o conxunto do festival mantívose fiel á súa esencia e formato e á hora de manter conversacións sobre antigos concertos vividos neste espazo era fácil perder a conta sobre cando fora a última vez que se viviron, xa que de súpeto semellaba que todo voltaba a estar no seu lugar e, coma sempre, esta volta a Coura era só un ano despois da anterior.

Porén, houbo cambios este 2022 e dende o primeiro momento. Ademáis dos xa habituais catro días de concertos de artistas internacionais, desta volta o recinto abriu un día antes cunha programación íntegra de artistas portugueses. En total foron unha vintena de propostas musicais as que soaron nesta primeira xornada dende as dúas da tarde ata a madrugada congregando a un amplísimo público. Entre elas, nomes xa habituais no festival outros anos como Linda Martini e tamén outras sorpresas como as de Bruno Pernadas e Moullinex.

Dana Margolin, de Porridge Radio no Paredes de Coura 2022 (Pedro Silva)

Pola contra, a segunda xornada do festival reuniu xa algúns dos principais nomes internacionais do cartel. As británicas Porridge Radio levaron seu cru e ansioso indie rock ao escenario pequeno de festival presentando as cancións do seu último traballo ‘Waterslide, Diving Board, Ladder to the Sky’, aínda que algúns dos momentos máis intensos da actuación chegaron coas pezas do seu anterior disco ‘Every Bad’. O directo de Porridge Radio confirmou a banda liderada por Dana Margolin como unha das propostas emerxentes máis interesantes dos últimos anos, aínda que todavía transmite a sensación de que a banda aínda pode crecer máis nas súas actuacións.

BADBADNOTGOOD voltaron ao Paredes de Coura nesta edición 2022 (Pedro Silva)

Tras unha actuación máis “noise” do esperado do estadounidensde Alex G, o palco principal recibiu de novo cinco anos despois a BADBADNOTGOOD. Tal e como xa acontecera por aquel entón, o cuarteto canadense foi capaz de poñer a máis de 20.000 persoas a bailar e moverse con unha proposta de jazz instrumental. As pezas máis orquestrais do seu disco ‘Talk Memory’ foron interpretadas con arranxos máis minimalistas, enlazándoas con temas de traballos anteriores. A banda finalizou a súa actuación cunha homenaxe ao rapeiro MF Doom falecido en 2020, co que colaboraron na canción ‘The Chocolate Conquistadors’, proxectando súa icónica máscara na pantalla do escenario, pechando un dos mellores concertos do festival.

O público durante a xornada do mércores no Paredes de Coura 2022 (Pedro Silva)

Tan só unha hora despois, Idles subían ao mesmo escenario cun dos concertos máis enérxicos desta edición. Os británicos atópanse nun dos mellores momentos da súa carreira e eso deixouse notar sobre o palco do Paredes de Coura e tamén entre o público, ao ser unha das bandas das que máis camisetas se deixaron de ver. As súas afiadas guitarras e letras sociais fixeron saltar as decenas de miles de persoas que ateigaban o recinto durante toda a súa duración. Pero a presenza de bandas da nova onda do post-punk non rematou aquí, xa que ademáis de Idles tamén actuaron este día The Murder Capital e Viagra Boys, capaces de poñer patas arriba o escenario pequeno do festival.

Idles durante a súa actuación no Paredes de Coura 2022 (Pedro Silva)

Con todo, a programación no palco principal da xornada finalizou co concerto de Beach House, que permitiu baixar as revolucións despois do golpe sobre a mesa que supuxo a actuación de Idles. O dúo estadounidense centrou a súa actuación no material do seu último disco ‘Once Twice Melody’ que supuxo prácticamente a metade do seu ‘setlist’. Por algúns momentos as interpretacións resultaron algo planas, pero o anfiteatro natural de Coura xa amosou en varias ocasións que se presta especialmente ben ao dreamp pop e desta vez ocorreu o mesmo con cancións como ‘Space Song’ ou ‘Myth’.

Déixanos contarcho!
Mantente ao día das nosas novidades uníndote agora á nosa lista de suscriptores.