Kelly Lee Owens no Paredes de Coura 2022 (Pedro Silva)

Paredes de Coura 2022: A maxia de Kelly Lee Owens

Despois do éxito da xornada exclusiva de música portuguesa e de actuacións de algúns dos grandes nomes internacionais do cartel do festival como Idles ou Beach House, a programación do Paredes de Coura continuou o xoves 18. Os estadounidenses Parquet Courts levaron seu indie rock ao anfiteatro natural coincidindo co décimo aniversario do seu segundo disco ‘Light Up Gold’, co que se deron a coñecer ao mundo e que centrou boa parte do setlist no tramo final da actuación, mentre que o inicio repasou algúns dos cortes dos seus traballos máis recentes. O resultado foi un concerto no que o público cantou, bailou e saltou en todo momento.

Parquet Courts durante a súa actuación no Paredes de Coura 2022. (Pedro Silva)

Tamén dende América, Turnstile tomaron o palco principal días despois de que seu guitarrista e membro fundador Brady Ebert abandonase oficialmente o grupo, porén esto non se deixo notar durante a atuación na que estiveron acompañados polo guitarrista Greg Cerwonka de Take Offense para suplir esta baixa. De feito, o hardcore punk dos de Baltimore soou mellor en directo que dende o estudo de gravación impulsado pola enerxía dun público que deixou algún dos maiores pogos de todo o festival.

Franz Lyons e Brendan Yates, de Turnstile no Paredes de Coura 2022. (Pedro Silva)

Neste momento era preciso baixar algunha marcha no escenario principal e os franceses L’Impératrice ofreceron precisamente isto. Perfectamente uniformados interpretaron as súas composicións que beben de maneira directa da música disco dos anos 70, desta volta acompañada de arranxos máis modernos. O sexteto francés amosou unha enorme capacidade técnica sobre o escenario para reproducir as pezas dos seus dous álbumes de estudio e puxeron a bailar a boa parte do anfiteatro de Coura. Con todo, o excesivo coidado de cada un dos elementos desta actuación deixou pouca marxe para a improvisación deixando consigo un concerto sen grandes sorpresas.

O público durante a segunda xornada do Paredes de Coura 2022. (Pedro Silva)

Na xornada do venres a electrónica fíxose un oco no palco principal. A británica Kelly Lee Owens ofreceu probablemente o mellor concerto desta edición do festival e fíxoo ante unhas circunstancias difíciles. Despois da cancelación de King Gizzard & The Lizard Wizard por motivos de saúde e o cambio de data de BADBADNOTGOOD, Kelly Lee Owens pasou de actuar no escenario pequeno do Paredes a facelo no grande, as 21:45 horas, un momento no que parte do público aínda non esperaba unha proposta deste estilo, algo que se deixou notar nos primeiros minutos da actuación.

Con todo, o directo de Kelly Lee Owens non decepcionou mesmo durante as últimas horas do día ante un dos seus públicos máis masivos. A británica abriu seu set cunha versión instrumental e aos sintetizadores de ‘Weird Fishes/Arpeggi’ de Radiohead para seguir cun set que repasou tanto os temas máis rítimicos, abstractos e próximos ao tecno do seu último traballo ‘LP.8’ coas composicións máis minimalistas, melódicas e ambientais do seu anterior disco, ‘Inner Song’. O resultado foi un concerto máxico onde cada son e frecuencia estivo coidado ao milímetro, capaz de xogar coa dinámica e ofrecer algúns dos momentos máis silenciosos neste palco en todo o festival seguidos de enérxicos baixos electrónicos e mesmo rematando co ruido absoluto.

Kelly Lee Owens e os seus sintetizadores durante seu concerto no Paredes de Coura 2022. (Pedro Silva)

Este mesmo escenario tamén recibiu esta xornada aos franceses The Blaze, que chegaron a Paredes de Coura coa mellor produción do festival. O dúo comezou a súa actuación escondido tras unha serie de pantallas que pouco a pouco se foron despregando sobre o escenario permitindo ao público finalmente ver aos artistas. Un acompañamento audiovisual para a música de The Blaze, que como xa ocorrera en 2018 soou perfecta a nivel técnico, conectando especialmente co público en temas como ‘Territory’.

Porén, a uniformidade estilística do seu son e tamén a rixidez de moitos dos seus ritmos fixo que o concerto semellara algo monótono cando se alonxaba das cancións máis destacadas. Tratouse do mesmo que aconteceu durante a actuación de Ty Segall, acompañado da súa Freedom Band, que aportou as maiores doses de solos de guitarra eléctrica de todo o festival, máis sen amosar a cara máis experimental dalgúns dos seus discos, ofrecendo a cara máis clásica do seu rock.

Ty Segall sobre o escenario do Paredes de Coura. (Pedro Silva)
Déixanos contarcho!
Mantente ao día das nosas novidades uníndote agora á nosa lista de suscriptores.