Poppy reinvéntase de novo con ‘Flux’

Release Date
24 Setembro, 2021
Xénero
Rock Alternativo
Discográfica
Sumerian
Our Score
7.5

En 2021 a figura de Poppy segue a ser tan desconcertante como cando comezou a subir seus primeiros vídeos a YouTube. A día de hoxe parece xa claro que Moriah Rose Pereira, a estadounidense detrás deste personaxe de internet, está máis interesada na súa carreira musical que nas micro pezas audiovisuais surrealistas.

Durante os últimos anos Poppy explorou cada vez en maior profundidade a xustaposición de xéneros que moitos considerarían completamente incompatibles. Unha proposta que levou ao seu máximo expoñente a comezos do ano pasado no disco ‘I Disagree’, onde os retrousos sacados dunha pista de pop azucarado daban paso a estrofas con guitarras cheas de distorsión e baterías frenéticas perfectamente interpretadas, cunha produción natural e máis dinámica do habitual en moitos discos de metal.

Se ben en ‘I Disagree’ todos estes sons compartían espazo nunha mesma canción, resultaba sinxelo identificar as distintas seccións destas pezas onde cada un dos estilos dominaba por completo a estética. As fronteiras moi marcadas nestas cancións dotábanas dunha sensación case psicótica, como se estiveran compostas polo dr. Jekyll e mr. Hyde.

Porén, no novo disco de Poppy, titulado ‘Flux’, todas estas barreiras esvaecéronse. Todos os elementos que definían á súa música nos últimos anos seguen a estar presentes pero desta vez non hai transicións bruscas e o resultado é un son moito máis coherente. ‘Flux’ é un disco que podería ser catalogado facilmente dentro da etiqueta do rock alternativo. Se ben esto pode parecer que a proposta sexa menos única ou sorprendente desta vez, a calidade das cancións, da gravación e das interpretacións fai que o novo traballo de Poppy volva a destacar de novo.

Os primeiros momentos da primeira canción, que da título ao disco, semellan apuntar a que escoitaremos un novo asalto sonoro na liña do seus últimos traballos. Porén, entre o ruído e o caos das guitarras aparece unha melodía delicada que estoupa nun retrouso onde o pop e a distorsión van da man sobre un ritmo case bailable. Sen lugar a dúbidas unha boa canción de rock alternativo, pero onde Poppy se diferencia de moitas outras bandas e artistas deste xénero é coa intensidade á que leva a súa música nunha ponte máis escura onde leva a súa interpretación vocal moito máis lonxe.

‘So Mean’, parece unha canción sacada directamente da década dos anos 90, alternando a disonancia e as letras recitadas con algúns dos momentos máis pegadizos do disco na que é unha das pistas que mistura de maneira máis clara as melodías pop que xa aparecían en traballos anteriores de Poppy cunha produción diferente. Unha estética que continúa en pezas como ‘On the Level’, quizais cunha instrumentación máis interesante a pesar de non contar cun retrouso menos memorable.

Por outra banda, en cancións como ‘Hysteria’ e ‘As Strange As It Seems’ Poppy utiliza o ruído e as guitarras dunha forma diferente, moito máis ambiental, que acercan seu son ao de estilos como o shoegaze e o dream pop, mentres que ‘Never Find My Place’ contén algúns dos momentos máis pausados de todo o disco á vez que finaliza cunha enorme descarga de enerxía.

Para aqueles que botan de menos a cara máis agresiva da música de Poppy, a estadounidense tamén publicou este mesmo ano o EP, ‘EAT’, unha colección de cinco cancións entre as que se atopan algúns dos cortes máis desgarradores de toda a carreira de Moriah Rose Pereira. Se ben ‘Flux’ pode parecer menos sorprendente e atrevido que outros traballos de Poppy, trátase dunha renovación máis da paleta sonora da artista que resulta exitosa, e xa van unhas cantas. Con esta colección de cancións Poppy reafírmase como unha forza musical en constante evolución, sen medo a risco e ao mesmo tempo capaz de deixar pezas especialmente memorable. A nena no ordenador converteuse nunha artista de carne e oso que deixa cada vez máis atrás o meme e o viral.

7.5
Déixanos contarcho!
Mantente ao día das nosas novidades uníndote agora á nosa lista de suscriptores.