Porridge Radio non soan novos, pero si sorprenden con ‘Every Bad’

Release Date
13 Marzo, 2020
Discográfica
Secretly Canadian
Xénero
Rock Alternativo
Our Score
9.1

Moitas veces, sen darnos conta, valoramos a innovación musical por riba do son que se está a crear. Resulta difícil, como pouco, buscar o que de verdade é algo revolucionario sen basearse verdadeiramente no que funciona. Isto fai que moitas veces semelle que é mellor simplemente o novo, con cincuenta sintetizadores e produción dixitais, deixando as guitarras a un lado como algo caduco, que xa non funciona. Discos como o de Porridge Radio fan ver o equivocada que é unha afirmación así.

Porridge Radio non levan pouco nisto. Formados en 2015, a banda de Brighton ten xa nas súas costas catro álbumes. Dise pronto, pero realmente este é o primeiro dos seus álbumes que consegue un recoñecemento xa non só internacional, senón tamén nacional. De ser unha banda máis, agora resulta inevitable non fixarse nela. Poucas son as revistas musicais que non recoñecen o interesante que é este álbum, e en Balea Cultural tampouco queremos ser menos.

Every Bad dura 40 minutos, onde once temas son máis que suficientes para mostrar unha das obras de máis interese dos últimos anos. Os instrumentos? Voltamos a un clásico: guitarra, baixo, batería e teclados. E todo, absolutamente todo, funciona de maneira excelente.

O álbum está cheo de guitarras que loitan por destacar ante os gritos da vocalista, Dana Margolin, quen non dubida nin dous segundos en deixarse a gorxa en cada tema. A orde chega mediante baixo e batería, as cales se ben semella que non destacan resultan esenciais para darlle forma a todos os temas que compoñen o álbum.

Pero iso non é todo o importante, e é que Porridge Radio teñen en todo momento algo que contar, sempre dende un sarcástico ton que se move á perfección entre a desesperación, a comedia e a ansiedade que evocan as letras.

Dende o primeiro tema, Born Confused, evócase unha visión do mundo pesimista, pero tamén e sobre todo dun mesmo. Anímase á contradición interna, e os sentimentos xiran en todo momento. Así, ese “I was born confused. I don’t know what’s going on. Maybe nothing’s going on” (Nacín confundida. Non sei que está a pasar. Tal vez nada estea a pasar.) contraponse dende un primeiro momento co “Thank you for leaving me. Thank you for making me happy” (Grazas por deixarme. Grazas por facerme feliz.) que, pesimista, avista un futuro prometedor.

En todos os temas que continúan o álbum é sinxelo atoparse unha  contradición sentimental, que se repetirá en temas como Pop Song, onde un “I’ve got nowhere to be. I’m lonely” (Non teño onde estar. Estou soa.) choca coa saída dos sentimentos dun mesmo cun decidido “You’ll miss me when I’m gone but I’m never coming back” (Botarasme de menos cando marche, pero non vou volver xamais).

Non existen os puntos medios nos temas, e moito menos os acordos. En todo momento verase auto-odio, pero tamén moito amor propio e egocentrismo. Ao  mesmo tempo, mostrarase unha visión pesimista do mundo e unha promesa dun futuro mellor. Non procura ser cálido, pero conségueo, mais ao mesmo tempo tamén logra causar frialdade en nós.

A maxia das letras non podería existir, con todo, se non fose por esa familiaridade e rabia que só as guitarras son capaces de evocar en nós. Tal vez, con diferencia, sexa o instrumento que máis acostumados estamos a escoitar. Agora teremos aquí ritmos rockeiros compartindo escenario con ritmos de post-rock, mesturándose nalgo que de por si non é innovador, pero é aí onde está a maxia.

Every Bad consegue algo fantástico, e é o feito de que recollendo o que xa todo o mundo sabe, conseguen utilizalo como algo que pode chegar ao persoal con sinxeleza. Cantan sobre sentimentos e emocións, sobre tristezas amorosas e soidades, pero ao mesmo tempo deixando un punto positivo ao que agarrarse, todo mediado por unhas guitarras que conseguen ser cálidas e frías cando é o momento de cada unha das cousas.

Porridge Radio ofrecen un carrusel de emocións tan atrevido como familiar. Abren os seus corazóns ante nós, quen soamente poderemos atopar as nosas propias inquedanzas naquilo que nos berrarán unha e outra vez, ás veces de maneira irónica, ata quedarse sen voz, como ás veces tamén nos gustaría a nós. Unha aperta de sentimentos para a que aquelo que xa que coñecemos faise necesario á hora de transmitir a mensaxe, que sería incapaz de funcionar doutro modo. Demos ás gracias ás guitarras por continuar nas nosas vidas

9.1
Déixanos contarcho!
Mantente ao día das nosas novidades uníndote agora á nosa lista de suscriptores.