Run The Jewels volven máis duros ca nunca en ‘RTJ4’

Release Date
3 Xuño, 2020
Discográfica
BMG
Xénero
Hip hop
Our Score
9

A carreira de Killer Mike en solitario comezou alá polo 2001, coa saída dun álbum chamado Monster que, aínda a día de hoxe, e a pesar do apadriñamento de Big Boi (OutKast), resulta difícil de tragar. Soaba xenérico, sen ningunha chicha, e máis destinado a caer no esquecemento que como unha verdadeira carta de presentación. Melloraría a cousa para 2008, co seu cuarto disco I Pledge Allegiance to the Grind II, e para entón xa tiña un público fixo e que o trataba con cariño ao poder sentirse identificado coas súas letras, que falaban sobre todo dos problemas nos barrios pobres e, e isto é importante, sobre que se podería facer para mellorar a vida neles.

Por outra banda, a carreira de El-P sempre estivo rodeada dun cariño da crítica que Killer Mike tardou en conseguir. Dentro da Company Flow, procedente de Queens, publicara alá por 1997 Funcrusher Plus, un álbum que aínda a día de hoxe se segue a considerar un dos precursores do hip hop progresivo estadounidente dos 2000, sendo considerado o mesmo El-P un dos pais fundadores deste xénero coa saída de Fantastic Damage, en 2002. Tratábase dun son agresivo e abstracto, diferente ao son tosco que o hip hop viña coñecendo na década anterior de man dos últimos vestixios do que foran Nas (co impresionante Illmatic á cabeza), The Notorious B.I.G., Dr. Dre, e bandas como Outkast, Wu-Tang Clan ou A Tribe Called Quest.

A década cambiaba, e as preocupacións e sentimentos da sociedade xa non eran as mesmas que en 1994. Debido a isto, a cultura cambiaba, e existía agora un espazo no rap máis agresivo e consciente que alguén debería ocupar. Neste senso, con todo, a década dos 2000 é estraña e non existe ningún artista que conseguira facerse co seu lugar como representante da etiqueta. Non se trata tanto dunha falta de artistas capaces —aí estaban Common, Cannibal Ox…—, senón como un esgotamento da fórmula que rodeaba ao rap, establecida sen case cambios dende finais dos oitenta. E, existindo artistas coma os que mencionamos anteriormente aos quen lle poderiamos engadir Tupac ou N.W.A. … Quen querería escoitar o mesmo pero peor?

Que a música de moitos destes artistas se fixera popular non é casual. Non só se trataba de música na un rapaz que vivise nun barrio pobre de Estados Unidos se podía ver identificado, senón que era música especificamente feita para eles ou, por suposto, por eles mesmos. Falábase de pobreza, de racismo, de brutalidade policial, de inxustiza e de rabia e fatiga. Con todo, aquelo que trataban nos temas nunca viu un cambio social pertinente e suficiente, senón que en moitos casos —e vémolo por movementos coma o actual Black Live Matters— as tensións só creceron.

A nostalxia musical, por dicilo dalgún modo e definindo esta como a falta da procura social de renovación cultural na música porque o xa coñecido era suficiente para calmar as necesidades sociais, non duraría moito máis. Entran aquí de novo aqueles dos que falabamos antes, El-P e Killer Mike, a partir de agora Run The Jewels. O seu primeiro traballo xuntos, aínda non baixo este nome, fora o disco de Killer Mike R.A.P. Music (2012), e que serviu para establecer as bases dunha relación que parecía casual nun momento e que, a día de hoxe, completa a súa cuarta colaboración en catro anos tras pausar as carreiras musicais en solitario de ambos artistas.

RTJ4 chegou o pasado 3 de xuño deste 2020, en plena corentena e unha semana despois do asasinato de George Floyd pola policía de Minneapolis. Nunha coincidencia que xamais se tería que ter dado, o “I can’t breathe” de ​walking in the snow (sexta pista do álbum) lanzado ao final dunha estrofa na que se criticaba a violencia policial a Eric Garner, asasinado da mesma maneira que Floyd en 2015.

A estrofa completa, con todo, non se trataba dunha crítica á violencia policial de maneira directa. O tema ​walking in the snow é moito máis, ao igual que o resto do disco. En síntese, o tema sería unha metáfora dun mundo de clases e racismo, onde a realidade colonial do imperialismo segue a ser o pan noso de cada día da poboación dos Estados Unidos.

Killer Mike, El-P e Gangsta Boo como invitada cargan a cada estrofa contra o sistema das prisións estadounidenses, tentando en soamente catro minutos recoñecer o que funciona mal, os motivos para isto, as maneiras nas que o sistema ten de desviar a atención sobre elo e buscar solucións. Para isto último, El-P da un paso atrás e deixa a Killer Mike tomar os mandos: falará á clase media traballadora, acomodada, cun claro “They coming for you the day after they comin’ for me” (Irán a por ti o día despois de ir por min), tentando mostrar que, aínda que ás veces semelle que as diferencias son xigantescas, ao final non se difire tanto contra o inimigo común.

Esta temática non é nova en Run The Jewels, e de feito era en Run The Jewels 3 (2016) cando sinxela e directamente chamaban a un tema Kill Your Masters no cal non deixaban sen lugar a dúbidas a súa opinión nesta cuestión, e a cal eles mesmos cunha nova colaboración con Zack de la Rocha (Rage Against the Machine) lembrarán en JU$T, no que volven reafirmarse na mesma cuestión, sinalando de maneira clara a eses “Masters” coma aos ricos, incidindo especialmente naqueles que se enriqueceron mediante o escravismo.

O endurecemento nas líricas é no que máis destaca este álbum. Aparte dos dous mencionados, temas como ​ooh la la, ​pulling the pin ou ​goonies vs. E.T. volverán incidir na temática nomeada anteriormente, destacando neste último as estrofas finais de Killer Mike coma o posicionamento máis forte, mellor escrito e duro que os Run The Jewels se atreveron a lanzar ata o momento.

Peza a peza, El-P lanzará moitas das súas mellores obras na produción ata o momento, permitindo a Run The Jewels manter a frescura nun estilo no que levan dende 2012 (contando dende aquel R.A.P Music que mencionamos ao principio) tentando pulir ata o máis mínimo detalle. Para este cuarto álbum deciden non dar minutos de respiro, lanzando a cada canción verdadeiros temas rompedores nos que a percusión soa como nunca. Cada peza semella ter como misión que as voces que cuspirán críticas por riba delas estean perfectamente acompañadas, invitando a recoller a rabia orfa que os ouvintes de rap viñan acumulando dende fai unha década.

Con todo, todo aquelo que aporta a nivel produtivo desaparece nun RTJ4 claramente protagonizado por Killer Mike. Os seus versos son sempre secundarios, aportando máis como acompañante que como solista, e se ben ten algún momento de lucidez —destacando ​a few words for the firing squad (radiation) ou ​holy calamafuck—, as súas partes son máis un punto en negativo que en positivo.

Alén disto, os temas nos que a crítica social é deixada de lado cara cuestións máis introspectivas —never look back e the ground below— teñen o nivel do álbum na produción, mais semellan descafeinados ao lado da enerxía e electricidade que o resto de pezas son capaces de aportar. Se ben non fan desconectar do traballo, pois van seguidos un do outro, fan que este ao completo perda algo de esencia.

A conexión entre Killer Mike e El-P goza dun momento de saúde excelente, e afastándonos de críticas pormenorizadas vese que, xuntos, desfrutan de facer música a día de hoxe máis incluso que cando comezaron. Oito anos despois das súas primeiras colaboracións, RTJ4 non chega a superar a segunda edición do dúo, mais establécese como o seu traballo máis sólido deste cunhas letras máis duras ca nunca e unha produción igual de excelente.

9
Déixanos contarcho!
Mantente ao día das nosas novidades uníndote agora á nosa lista de suscriptores.