Sepultura, de volta ao liderado con ‘Quadra’

Release Date
7 Febreiro, 2020
Discográfica
Nuclear Blast Records
Xénero
Thrash/Groove metal
Our Score
8.7

Este disco conmoveume. Ningún artista, filósofo ou erudito, ao longo dos anos, tivo un papel tan importante para o meu desenvolvemento persoal como Sepultura. A pesar disto, levaba moitos anos pensando que a banda nunca voltaría aos niveis dos anos 80/90. A comezos dos anos 90, de feito, a banda brasileira estaba a contenderlle a coroa de “reis do thrash metal” a Slayer (para min, quitáronlla sen dúbida, mais sei que a maioría dos fans de metal non comparten esta opinión), antes de virar cara outra dirección, enriquecendo o propio sound con elementos de outros xéneros musicais, como o hardcore punk, o industrial, a música dos pobos nativos brasileiros (os Xavantes, en particular) e moitos máis.

Creo que Sepultura é unha das poucas bandas que pode reivindicar unha auténtica unicidade. Despois da separación do fundador Max Cavalera no ano 1996 (despois do grande éxito de Roots), a opinión xeral entre os fans era que a banda non sobreviviría sen as contribución do ex líder: percibíase a Sepultura como o grupo de Max + outros tres músicos (incluíndo o seu irmán, Igor, que tamén marcharía da banda dez anos máis tarde). Nunca compartín esta visión, mais ao escoitar o primeiro disco da banda sen el, Against, fiquei decepcionado: un discreto disco, iso si, mais non ao nivel do que eu esperaba de Sepultura. Ben, a esta altura creo se pode dicir que foi unha fase de transición: despois doutros dous álbums decentes máis pero bastante anónimos (Nation e Roorback), nos anos seguintes a banda comezouse a recuperar de xeito constante, gravando moi bos discos, aínda que non fosen obras mestras (en particular, gustoume moito The Mediator…, de 2013). Hoxe, ao escoitar Quadra, con moita alegría declaro “oficialmente” que me equivoquei: o tempo deulles razón a eles.

De feito, despois dos catro álbums inalcanzables (Beneath the Remains, Arise, Chaos A.D. e Roots), para min Quadra é o mellor disco de Sepultura: sólido, granítico, extremadamente potente e, sobre todo, unha obra que reafirma de xeito definitivo a forte identidade da banda mineira/paulista, desenvolvida ao largo dos seus 36 anos de experiencia no mundo do metal, 36 anos de presencia constante na escena – nas boas e nas malas, sempre protagonistas, nunca espectadores. Este non é soamente un novo disco, senón un poderoso resumo sonoro da historia da banda reinterpretada en clave 2020 e comprimida en pouco máis de 50 tumultuosos minutos. E non soamente dela: na primeira escoita, pareceume que os jungle boys me estivesen a invitar a seguilos nunha viaxe a través das últimas décadas do fronte máis moderno do metal extremo, o menos purista e máis aberto a contaminacións e evolucións estilísticas.

Ao escotar varias veces o álbum, a miña impresión reforzouse: de xeito parecido ao que fixo Virxilio co Dante no Inferno da Comedia, a banda brasileira (que xusto ao mesmo poeta florentino dedicou o álbum Dante XXI no 2006) está a levarnos a observar gran parte do que pasou no mundo do metal no último cuarto de século e consegue facer iso sen afastarse nunca demasiado das súas raíces, que se atopan na intersección entre o thrash e o death metal. Dito isto, Quadra non é unha simple mestura de cousas xa ouvidas. Pola contra, o grupo utiliza toda a súa experiencia para compoñer doce pezas dinámicas, orixinais (no límite do posible), capaces de canalizar os devanditos ecos históricos para marcar unha nova etapa do seu camiño. Como dixo o guitarrista Andreas Kisser nunha entrevista co histórico vocalista de Ratos de Porão, João Gordo, no 2017 (referíndose á súa falta de interese por facer unha reunion cos irmáns Cavalera malia as boas ofertas recibidas): “Sepultura é um caminho mais difícil, mas é um caminho honesto, um caminho real ”.

Quadra é un album temático, baseado no concepto de “quadrivium”, é dicir, aritmética, xeometría, música e astronomía, as artes liberais que na tradición da educación occidental se ensinan despois do “trivium” (gramática, lóxica e retórica). Non é casual que o disco conste de catro partes, que inclúen cada unha tres cancións. A primeira parte é a máis directa e potente, constituída por tres pezas de metal extremo. Abre os traballos Isolation, unha canción que nos leva de volta aos primeiros anos 90: os riffs e as rítmicas apóianse na tradición do thrash metal americano daquela época (en particular, inevitablemente, a Slayer e o seu álbum Season in the Abyss de 1990), dominado polo abrasivo timbro vocal de Derrick Green, que nesta peza de apertura nos ataca cunha carga lixeiramente máis hardcore punk que metal (conforme o seu background), mentres que os solos  de guitarra cheiran vagamente a death metal floridiano (en particular os primeiros álbums de Morbid Angel e, en menor medida, Deicide). Dun xeito parecido, seguen Means to an End e Last Time, tamén cancións moi agresivas e violentas, mais con influencias hardcore punk moito máis fortes, que ollan aos finais dos anos 90, o período de Against mais as estruturas das pezas son infinitamente mellores, máis variadas e engaiolantes.    

A segunda parte do disco segue a ser moi agresiva e potente aínda que nunha dirección máis groove que meramente thrash: os ritmos, en xeral, fanse máis lentos. De feito, as pezas seguintes son menos directas e moito máis pesadas e sufocantes. Cancións como Capital Enslavement, que na súa apertura inclúe as percusións tradicionais brasileiras, Ali e Raging Void manteñen a agresividade das pezas anteriores mais ollan máis ao sound da segunda metade dos anos 90, amosando algunhas influencias de bandas americanas que ían afirmarse nese período (en particular, nótanse ecos de Biohazard), non menos potentes mais menos in your face: un xeito de atacar máis pesado e sinistro, xusto á encrucillada entre o thrash e o hardcore (neses anos estaban tamén a xurdir o crossover de bandas como Korn, Deftones e System of a Down e a denominada “nova escola” do hardcore punk estadounidense, cuxo maior representante quizais sexa Earth Crisis). Raging Void, en particular, cos seus fragmentos claustrofóbicos, representa un dos episodios mellores do disco: unha peza sinistra, sufocante e inquietante, dominada polas malignas texturas tecidas pola guitarra de Andreas Kisser. Esta canción representa unha boa etapa de transición cara a seguinte parte do álbum.

Na terceira parte do disco, aínda que nunca falte a potencia, é a técnica o elemento dominante. Guardians of Earth xa comeza a amosar unha preponderancia de elementos do metal máis progresivo, que parecen acenar ao death hipertécnico, ben melódico e sutilmente velenoso que, a comezos dos anos 2000, se fixo bastante popular no underground europeo e americano (penso sobre todo a discos como Genesis de Coprófago e, máis aínda, Colonizing the Sun de Theory in Practice). Esta inspiración prog emerxe con toda a súa impetuosidade na peza instrumental The Pentagram, unha obra mestra do metal máis cerebral, que consegue conxugar rítmicas que chiscan o death metal (en particular, recórdanme un pouco o álbum Orthodox de Krabathor, de 1998), sabedoría compositiva e excepcional precisión executiva. A sucesiva canción, Autem, segue nunha dirección parecida, adoptando sen embargo solucións máis típicas do thrash e do death metal: voltan o vehemente vocalismo de Derrick Green e ritmos máis sostidos, que a miúdo ollan a Fear Factory dos últimos anos 90 (o álbum Obsolete, en particular) e, de xeito máis esporádico, tamén a Voivod da mesma era (a época de Kronik).

A breve parénteses instrumental Quadra, que leva o título do álbum, introdúcenos á derradeira parte do disco, onde o factor que domina é a melodía. Aquí, a banda xa se afasta bastante da carga de agresividade do principio do disco e nos proporciona dúas pezas lentas e atmosféricas, onde a presencia de elementos orquestrais (que, en menor medida, se atopan en todo o álbum) faise predominante. Aquí, Sepultura déixanos coa nostalxia sulfúrea de Agony of Defeat e, ao rematar o disco, o lánguido limbo de Fear, Pain, Chaos, Suffering, unha peza hipnótica e repetitiva que, ao incluír un interesante dueto entre Derrick Green e a cantante Emmily Barreto, vocalista da banda brasileira de stoner rock Far from Alaska, abre a un rock alternativo máis de atmosfera (vagas sombras de Evanescence?), mesturado con rítmicas metal moi cadenciosas.

Mencións particulares merecen os arranxos orquestrais presentes en todo o álbum, a produción perfecta de Jens Bogren (voltar a Suecia para gravar o disco foi unha escolla sen dúbida moi acertada) e os numerosos convidados que aparecen no álbum: limítome a nomear a violinista Bruna Zneti e o pianista Francesco Ferrini. Sobre todo, cómpre destacarmos o papel do vocalista Derrick Green, dotado dunha extensión vocal incrible e capaz de escribir letras excelentes sobre unha ampla gama de asuntos. Chegado a finais dos anos 90 como outsider, chamado a substituír unha das figuras máis carismáticas do mundo metal internacional, el conseguiu inxectar a Sepultura unha nova vitalidade, tanto en termos musicais como líricos/conceptuais (abonda con mencionar o feito de que a idea de dedicar un album a Dante Alighieri foi súa).

En conclusión, este novo álbum, Quadra, móstranos unha banda incriblemente en saúde, capaz de alcanzar un nivel tal de madurez artística que lle permite reinterpretar as últimas décadas da historia propia e do lado máis modernista do metal extremo (que, ao cabo, quizais nin sequera ten demasiado sentido seguirmos a chamalo “extremo”), enriquecer o seu repertorio con cada vez máis elementos, unindo todo nun conxunto de gran calidade: harmónico, coherente e, sobre todo, dotado dunha personalidade extremadamente forte. Parece que, mentres o mundo se fai cada vez máis uniforme, Sepultura vai na dirección contraria e volta a afirmar con firmeza a súa existencia como entidade única. Como crítico, tomo nota, aplaudo a banda e afirmo: “Parabéns, Sepultura”. Como fan de metal e, en particular, afeccionado da banda desde 1997, derramo unha bágoa, sorrío e murmuro: “Obrigado, amigos, bem-vindos de volta”.

8.7
Déixanos contarcho!
Mantente ao día das nosas novidades uníndote agora á nosa lista de suscriptores.