Sés: “Como galega, síntome moito máis preto de México que de Portugal”

Hai figuras no imaxinario colectivo que transceden a súa propia actividade. E Sés é unha delas. Todo galego coñece a Sés. Aínda que non fale galego, aínda que só a coñeza de vista ou de bailar ‘Tempestades de sal’ nunha noite. Cando aínda había noites.

Por iso esta entrevista é especial, porque sae alguén especial. Falo por teléfono con ela ante a imposibilidade de trasladarme ata a súa residencia. Nestes tempos igual é mellor así. Falamos sobre os tempos que nos está a tocar vivir sobre o seu último disco ‘Liberar as arterias’ e sobre moitas máis cousas. Sés pode gustar ou non gustar, podes estar dacordo con ela ou non, pero o que é seguro é que vai de fronte. E iso é algo impagable.

A primeira é unha pregunta obrigada neste tempos. Como afectou a COVID á promoción do teu novo disco?

Deunos tempo a facer moi poucas datas antes do parón. Propomos a reapertura da promoción dun xeito moi natural, adecuándonos á realidade. Imos como vai todo o mundo, semana a semana e quincena a quincena. Basicamente vendo os acontecementos, sen presa pero sen pausa. Coa maior das normalidades, porque eu asumo que isto vai para longo.

Fíxate que casualidade do destino, que se achegou a saudarme no concerto de Barcelona Bonaventura Clotet, que é un dos investigadores que está agora mesmo máis adiantados na vacina da COVID. Un tío catalán, unha eminencia. O outro día víao no xornal dicindo que calquera vacina terá un proceso dun ano e medio como pouco. Xa non é só que me vexa o 2021 como data de normalidade, senón o 2022. Eu escoito aos que saben.

E como ves a situación dos músicos neste contexto?

Os músicos son os cabezas de turco. Obviamente o feito de que un avión de Iberia veña con 1000 ou 500 pasaxeiros , absolutamente pegados, con aire artificial… Pero despois que un director que viaxa nese voo chega a Compostela para tocar nun Auditorio con capacidade limitada non é moi consecuente.

Pero eu non apelo ao roio -que ademais detesto- de que a cultura é necesaria. O necesario é comer, cagar, vivir, beber e xa está. A cultura é necesaria ata un punto, igual que é necesario ir ao baño.  Pero non apelo ao outro. Eu non son defensora do sistema neoliberal económico. Nin me gusta, nin o decidín, nin o defendo. Pero é o que eles propugnan e impoñen. E en base a iso eu apelo a que sexan coherentes. Se a iniciativa económica é válida para eles, tamén o ten que ser para min.

(Esta entrevista foi realizada antes de que Sés fora diagnosticada de COVID-19)

Xa falando un pouco do disco en si, tes tatuado o verso de Luz Fandiño “Quero sangrar as miñas feridas para liberar as arterias”, que da título ao diso. Ata que punto este traballo está para ti marcado na pel?

Iso é o que calquera persoa boa e que sexa permeable á inxustiza debería levar tatuado (nun sentido figurado, claro). Non nos podemos facer escravas da ira, aínda que está ben que te enfades. Temos dereito a enfadarnos coas inxustizas.

Pero como loitadoras, disidentes ou resistentes non somos útiles así. Somos moitísimo máis potentes dende a alegría e o vitalismo. Sempre digo medio en coña medio en serio o de que hai que facer como Isabel Pantoja: “Dientes dientes para que les joda”. Pero un pouco si é así. Como eu canto, “co sorriso ante a malicia” somos máis fortes, moitísimo máis perigosas. Somos máis sólidas e temos moito máis peso. A ira e a rabia desubican. A potencia sen control non serve de nada.

No primeiro tema do disco musicas un poema de Fandiño. Nel di que é a poeta dos descoñecidos e dos ignorados. Fas túas estas verbas?

Non, non. Non me considero poeta. Creo que poeta é unha palabra moi grande, e a maioría das persoas que se denominan poeta ao meu redor, non as considero así.

Ela si o é. Eu son honesta e a canto ben porque a admiro tanto, a respecto tanto e a valoro tanto… Creo que cando coñecín a Luz Fandiño entendín a frase de “eu de maior quero ser coma ti”. Con ser unha décima parte do que é ela a min xa me chega.

Para min en Luz entra todo o bo. Representa a humildade, a sabedoría, a coherencia, o pobo, o orgullo, a dignidade. E o facer cousas por amor á arte, non polos aplausos ou polo diñeiro. Non é unha señora que sexa rica porque se compren os seus libros para vender nas bibliotecas dos institutos, que é precisamente o que se fai con outros. E iso é o que admiro dela.

Luz cando recita, aparte desa dignidade e forza que ti sinalas, sempre sinala o perseguida que estaba a lingua cando ela era nova a través dos recordos que ten. Como ves ti a lingua na actualidade?

Está morrendo. O galego está no mesmo caso que o zapoteco, que é unha das linguas autóctonas que hai en México. O zapoteco é unha lingua que non falan os nenos, e polo tanto no futuro será unha lingua de vellos.

Eu son cantante e música, pero estudei filoloxía. Calcúlase que morren 14 linguas anualmente. E iso son moitas linguas. Moitísimas. Non é unha opinión, é un dato. A nosa lingua vai morrer. É moi triste. E vai morrer porque o goberno da Xunta fai para que morra. Iso é así.

Fotografía: Francisco Ares

Como ves dende o teu prisma como artista a túa relación con Galicia?

Eu non sería sen Galicia. Non sería. Non é chauvinismo: considero que somos unha nación máis, un territorio máis, unha identidade máis. Gústame máis falar de cuestións antropolóxicas que puramente políticas. Non porque fuxa da política, iso xa o sabe todo o mundo, senón porque me interesa máis. É máis científica. É un discurso máis interesante, máis limpo, menos manipulable.

Igual que Rosa Parks non reclamaba unha supremacía, senón a igualdade, eu para o noso país quero o mesmo. Unha vez, mentres choraba de rabia, miña nai díxome unha frase que me quedou gravada na mente, e creo que da moi boa resposta á pregunta que me acabas de facer: “O problema que tes é que o mesmo que che mata é o que che da a vida”. E iso é Galicia para min.

Aínda que defendas esta postura antropolóxica, cres que se pode facer unha música non política?

Non! Non é posíbel. Igual se a fas en Marte ou en Venus, pode ser. Pero non coñezo compositores marcianos. A Terra, para a súa desgracia, está chea de seres humanos, e os seres humanos son seres políticos. Somos seres humanos en canto a sermos series sociais.

A miña diferencia con Maluma? Que el defende un sistema neoliberal e eu defendo un sistema feminista e igualitarista. Esta é a única diferencia. Agora, dende o punto de vista de facer música política? Iguais. Incluso el máis ca min. Creo que el defende a súa política con moitísima máis agresividade ca min. E non é por atacar a Maluma. Eles son maioría. A política máis agresiva e devastadora fana eles.

En “Espiñas sen rosa” falas de para vivir en liberade hai que ser “Mala muller”. Que é para ti ser unha “Mala muller” neste contexto do que falas?

Simone de Beauvoir dicía que non se nace muller, senón que se chega a selo. Que quere dicir isto? Que a muller se define socialmente. A sociedade non lle impón ao home unha definición da súa identidade masculina. Á muller si. A definición feminina é de submisión, obediencia, ausencia de opinión. Entón, para ser libre, hai que ir en contra dese concepto de muller patriarcal. Hai xente que non o entenderá. Hai xente que vota a VOX.

Se hai algunha canción que eu destacaría do disco é ‘Quen son os meus’. Interésame esa incorporación de ritmos latinos. Ata que punto ten música a latinoamericana ten influencia en Galicia?

Uf, Moitísima! Probablemente é un dos lugares do Estado no que máis influencia ten. Xa o dixo Castelao: “O galego non protesta, emigra”. Aí tes xa a resposta á túa pregunta. O feedback da música latinoamericana vén marcada na nosa lingua. Estamos a falar dun país onde existiu e existe a migración.

E tamén está o mundo das orquestras, que aquí en Galicia é tan potente que ten moitísima presenza real na música. Eu crieime con Vicente Fernández, con Jorge Negrete, con música cubana e arxentina. E isto pasou na maioría das casas.

Non hai tampouco que confundir a defensa da identidade galega, xa diferenciada, con algún tipo de loita contra as identidades hispanas. Todo o contrario. Para min somos identidades irmáns e países irmáns, e eu estou orgullosísima, cada vez que viaxo a Latinoamerica, de empaparme desa cultura que tanto me namora.

É indiscutible a influencia. E para min é interesante destacar que compartimos idioma co mundo da lusofonía. Pero Portugal é un país imperialista. Como galega eu síntome moito máis preto de México, como país colonizado, que de Portugal como país colonizador. Con Portugal comparto a lingua, pero con México comparto idiosincrasia.

Nestes tempos hai moitos proxectos que buscan renovar a música hispana en galego como poden ser Esteban & Manuel, Ortiga… Como ves estes proxectos emerxentes dende a túa posición de artista doutra xeración?

Ultra fan. Eu son doutra xeración pero hai algo que sempre lle digo aos meus colegas: Non sexades carcas. Os do heavy criticaron aos do rock, os do rock aos do punk, os do punk aos do hip hop, os do hip hop aos do trap… E así sucesivamente. O de “Os novos de agora” xa o dicía Platón.

Eu teño unha irmá á que lle levo 17 anos e ten códigos que eu non entendo. Pero que non os entenda non significa que teña que faltarlles ao respecto nin que non me interesen. Pero que a miña ausencia de ligazón emocional a eles non sexa debido ao descoñecemento ou á impertinencia.

En concreto, Boyanka Kostova paréceme do mellor que saíu nos últimos anos de Galicia. Do máis interesante. Do máis digno. Do máis real. Do máis coherente. O máis interesante destes pibes é que eu mos creo. E non me creo a gran maioría. Ademais parécenme ultra carismáticos. Non pretenden, son. E a min iso paréceme básico.

Saber tocar un instrumento paréceme que non ten puto mérito. Porque hai tantos… Interésame que me digan algo. Son consciente de que eu non vou entender o trap como entendo o rock & roll ou a muiñeira, pero estou completamente en contra dese acoso e derribo que sofren o reggaeton ou trap como xéneros machistas porque o punk e o rock & roll son igual de machistas que eses.

Non se pode criminalizar un xénero musical. Ademais, é perigoso porque o que fas dicíndoo é que se sobreentenda que os demais non o son. E iso é mentira. A muiñeira é machista. A salsa é machista. O rock é machista. O punk é machista.

Pensas que os grupos que saen agora o teñen máis difícil a nivel laboral que a xente da túa?

Non. Non o creo. E ademais creo que é obvio. Facer un disco agora é moitísimo máis barato que hai 30 anos. Son moito máis libres agora, porque antes unha discográfica se che dicía que non, adeus. Neste aspecto trátase dunha xeración privilexiada, con plataformas dixitais que a fan moito máis libres. Cando hai talento, agora é moito máis difícil que algo se censure, moito máis.

Falando disto, a nivel musical, se ben nunca sabes por que camiños che vai levar a vida, cres que vas avanzar a outros sons máis experimentais ou dos que estás falando ou vas seguir facendo o que fixeches ata agora?

Eu non son unha música que faga esas cousas. Creo que cando ti non finxes, es o que che vai saír. Imos aprendendo, pois a música ante todo é un oficio. Se es honesto, irás cara onde a vida e o teu aprendizaxe te leven.

Odio a planificación a priori. Se os Clash decidisen planificar, non teriamos o mellor grupo do punk da historia. Porque non se trataba de rebeldes sen causa, senón de analizar a realidade, argumentala, e propoñer unha contra-argumentación. Strummer dicía “Non somos indiferentes. Somos seres pensantes que desprezamos o estable e actuamos e cantamos en consecuencia”. Por iso son The Clash e non os Sex Pistols.

E como che digo Joe Strummer, dígoche o mesmo no Estado español con Fermín Muguruza, que é un dos meus ídolos. Creo que a nivel individual se eu me caracterizo por algo é por ter asumido totalmente o que son. Eu son persoa. Son moi pouquiño, pero son de verdade.

Déixanos contarcho!
Mantente ao día das nosas novidades uníndote agora á nosa lista de suscriptores.