Fotos: Ariana Iglesias Novas

shego: “Se de 7 cancións unha é reivindicativa, iso ditamina o que temos que ser”

shego é unha banda formada en Madrid que bebe do lo-fi, do garage punk e da electrónica en ocasións. O grupo nace nun salón durante o confinamento, da man de Maite e Raquel, á que despois únense Irene e Aroa para conformar a banda ao completo. Xuntas son o perfecto exemplo de frescura e espontaneidade. É imposible pensar nelas sen asocialas a un gran carisma, talento e actitude, que demostran nun directo enérxico, explosivo, xuvenil e fresco. É unha desas bandas que teñen un brillante futuro por diante que se está comezando a palpar.

As súas letras teñen un ton crítico coas que podes identificarte, e cantan sobre temas usuais nunha conversa de amigas nunha terraza como poderían ser as relacións tóxicas e o postureo. Ese futuro brillante que pode intuírse na súa traxectoria, quizais teña a súa clave en dicir esas verdades coa naturalidade que as caracteriza.

Sacan o seu E.P. con Ernie Records tantos chicos malos y tan poco tiempo no que cada tema ten un estilo distinto desmarcándose da clásica categorización no que critican o postureo, os fuckboys e fan alusións ao amor propio. 

As súas voces solápanse dun xeito moi fresco dende autotune soando á vez con voces moi naturais; pasando por coros moi tenros, berros, melodías de baixo contundentes e encantadoras, guitarras rítmicas e punteos moi ‘garage’; ata un estilo lo-fi pop do máis meloso. Un cóctel moi interesante cunha actitude moi potente. 

Ese ton doce, ás veces ruidoso e crítico, fai da súa proposta musical unha que paga a pena explorar. Aproveito antes do seu bolo na Iguana Club en Vigo, para preguntarlles sobre a súa viaxe na industria musical e outras historias.


Este mes de marzo protagonizades a portada da Mondo Sonoro, e fostes recentemente confirmadas para o BBK, facendo a xira do E.P… como foi ata agora dende ese confinamento no que comeza shego? Como o sentides?

Maite: Xusto estabamos agora no hotel vindo para aquí e preparándonos e xusto lle dicía a Raquel que que forte, ou sexa, como que o traballo consiste en meterse nunha furgoneta e ir a cidades, que nesas cidades a xente diga “ah! Pois ven non sei quen de non sei onde, vou ir velo”. Entón é raro porque cando pensas en facer un grupo non pensas en toda a loxística que leva consigo e todo o movemento, as viaxes… Entón é bastante chulo aínda que teña a súa parte de cansazo e tal pero tamén é unha cousa incrible, que vas por alí por España e creo que é o que menos se pensa.

Raquel: E xusto tamén Aroa dixo cando paramos na viaxe que se nos acostumaremos a isto de viaxar, chegar a un sitio, marchar e sabes? 

Aroa: Vaise facer máis ameno co tempo ou…? Como hoxe, que a viaxe se nos fixo súper curta cando de normal estaban sendo máis longas.

Como xorde esta aventura con Ernie Records?

Raquel: Pois por ter moita cara, a verdade. Foi porque tiñamos unhas cancións que queriamos que nolas producise Carlangas e un día dixemos  “veña, pois mandámoslle uns audios”, que estaban bastante mal tocados pero así foi.

Aroa: Por instagram non?

Maite: Si, por instagram enviámolas. 

Aroa: E como que a Carlangas lle molou o tema e dixo que nos producía e agora estamos con Josiño que era a súa discográfica e que lle iamos molar.

Como definiriades shego para alguén que nunca escoitara de vós?

Aroa: Divertido!

Maite: Si, a medio camiño entre algo máis pop e algo un pouco máis cañero. Pero divertido de escoitar e con letras coas que te podes sentir identificada e cantar na ducha.

Vexo que non vos cinguides a un único estilo musical nin sequera no EP tantos chicos malos y tan poco tiempo. Planeades explorar algún outro estilo ou vai xurdindo?

Raquel: Bueno… Si. Gravamos fai moi pouco o novo disco que sacaremos e a verdade é que investigamos bastante e xogamos cos sons. A min cústame moitísimo definir o estilo que podemos ter, porque non creo que sexa algo concreto, sabes?

Irene: Con cada canción, é como preguntarse a onde a queremos levar, temos a sorte de poder facer iso que a xente que nos escoite o acepte bastante, á xente mólalle iso.

“Pablo” é unha versión de “Paul” de Big Thief, ata que punto poden ser unha influencia ou que artistas influencian o voso son?

Aroa: Antes estabamos no coche, e antes cando nos preguntaban isto sempre dicíamos pois Bad Gyal encántanos non sei que… Pero iso, que íamos no coche escoitando a Estopa como tolas, encántanos Estopa, por exemplo. Como que temos referencias que se afastan…

Irene: Shakira, (risas)

Aroa: Si, Shakira, que se afasta moito do que logo facemos. Pero si, creo que Big Thief polo menos nesa canción si que nos influenciou bastante.

Como é o proceso creativo? Compoñedes xuntas?

Maite: Estámolo vendo. Pero dende logo estamos arranxando as cancións xuntas e aínda que partamos dunha idea X si que poñemos en común as cousas para que evolucionen, como a dirección que nos mole a todas. Se unha non ten algunha idea de por onde levala, pois poñela en común ou se algunha di “a que soa isto? Algunha ten algunha idea de por onde levar isto, que vos apetece facer agora a nivel son?” Pois si que intentamos que se acerque o posible a iso.

Lendo sobre vós, vexo que sempre automaticamente levades posta a etiqueta de reivindicativas, ata que punto o sentides así?

Aroa: Eu creo que non é que levemos a etiqueta, senón que nola poñen, sabes? Porque supoño que é reivindicativo de por si que existamos, se é algo máis reivindicativo que iso tampouco…

Raquel: Non hai unha intención de selo en realidade.

Maite: Eu creo que se nos sae nalgún momento, de 7 cancións, unha é reivindicativa como que iso ditamina un pouco o que temos que ser. E non, en realidade é un pouco o que nos apeteza.

Sei que agora estades coa xira, que nos agarda de shego nun futuro?

Aroa: Un montón de concertos, pero moitísimos, e gravamos un disco como xa dixo Raquel que sairá nun futuro.

Maite: Veñen colaboracións tamén, estamos nun momento así como a espera de moitas cousas que van a pasar bastante chulas. E desexando que pasen.

Colaboración con quen? Ou é un segredo?

Raquel: Non se pode dicir!

Irene: Bueno, xa se dixo. Con Goulja e Jordi vai saír unha, que nos mola moito o que fan.

Irene: E hai outra pero esa ímonola gardar para nós (risas). 

Raquel: logo máis, bueno, hai unhas cantas.

Este é o penúltimo bolo de Irene, supoño que agora as túas enerxías irán integramente ao teu proxecto en solitario. De Irenegarry que nos agarda?

Irene: Pois gustaríame sabelo (risas). Espero que facer música e pasalo tan ben coma aquí, porque me custa desfrutar do meu eu soa e con elas aprendín a divertirme un montón e tomalo de maneira construtiva e pensar que é unha oportunidade de explorar un lado artístico que sempre me apeteceu explorar entón creo que iso é un pouco a idea.

Déixanos contarcho!
Mantente ao día das nosas novidades uníndote agora á nosa lista de suscriptores.