SonDaRúa atráncanse nun ‘Eterno Combate’

Release Date
24 Abril, 2020
Discográfica
Autoeditado
Xénero
Rap
Our Score
3.2

Os discos que máis me fascinan son aqueles que soamente soan coma sí mesmos. Isto non ten por qué supoñer que sexan radicalmente diferentes a todo o que escoitaramos ata o de agora, senón que logran manter unha identidade propia facendo uso de recursos coñecidos. O último EP de Mundo Prestigio, Los Vengadores, é un bo exemplo disto, misturando dunha maneira moi propia o hip hop, o jazz, e o pop, conseguen ofrecer unha proposta diferente ao que escoitamos habitualmente no terreo do rap en galego.

Pola contra, a sensación que me transmitiu Eterno Combate, o primeiro disco de longa duración de SonDaRúa foi xusto a oposta. Este álbum continúa o estilo que a banda de Ponteareas foi desenvolvendo a través de singles e EPs como Liberando Mentes. Un son que combina como os seus ingredientes distintos elementos do rap clásico, do reggae e do ska nunhas proporcións que teño a sensación de ter escoitado xa mil veces en distintas bandas galegas e estatais durante anos.

Eterno Combate é un disco moi formulaico. A propia estrutura das cancións repítese unha e outra vez ao longo deste traballo, alternando estrofas rapeadas, unhas por Hugo Guezeta, outras por Álex Arnoso, con estribillos moito máis melódicos onde as súas voces se xuntan. Unha fórmula que non se rompe nin nas cancións máis reggae do disco nin naquelas onde aparecen colaboracións doutros artistas como Ezetaerre, Navia Rivas ou SkandaloGz. O máis semellante a unha excepción é Animal, cun son máis rock, onde simplemente se renuncia á compoñente melódica da voz.

Pero quizáis o maior problema de Eterno Combate é a contradicción que a propia banda plantexa na súa proposta. Un elemento fundamental da música dos de Ponteareas son as súas letras reivindicativas, cheas de carga política, unha mensaxe antifascista e de esquerdas sempre en chave nacional, que se contrapón cunhas bases musicais onde todas e cada unha das decisións que se tomaron veñen marcadas por unha mentalidade radicalmente conservadora.

Cabe preguntarse entón, a quen vai dirixida a música de SonDaRúa? Cunha mensaxe claramente dirixida ao pobo galego non se entende por que a música que acompaña a estas letras se atopa tan lonxe daquela que verdadeiramente está a conectar coa xente nestes días, por que o son que se escoita nas rúas galegas a día de hoxe definitivamente non é o rap clásico ou o reggae que caracteriza a SonDaRúa.

Este disco gustará a certo público e non hai ningún problema niso. Ademáis a música non soamente se fai para os demáis, os de Pontareas están a compoñer as cancións que queren facer. Porén, dende un punto de vista crítico non se pode obviar que este traballo deixa moi claras cales son as súas ambicións dende o punto de vista lírico á vez que se pecha case todas as portas a través das decisións estilísticas tomadas para dar forma as súas bases. Eterno Combate é un disco que chegará a certos nichos do público pero que non conectará con toda a xente á que vai dirixido, lastrado por unha produción que non aporta nada novo á musica galega.

3.2
Déixanos contarcho!
Mantente ao día das nosas novidades uníndote agora á nosa lista de suscriptores.