Squid organizan o caos en ‘Bright Green Field’

Release Date
7 Maio, 2021
Xénero
Post-Punk
Discográfica
Warp
Our Score
8.5

¿Qué está a acontecer co rock ultimamente? Xusto cando este xénero parecía pasar polas súas horas máis baixas o ‘mainstream’ estadounidense comezou a volver a interesarse polas guitarras cun revival pop-punk emo ao estilo dos anos 2000 mentras que en Europa os italianos Måneskin veñen de gañar o festival de Eurovision coa súa mistura de rock alternativo e glam.

Porén, máis lonxe das playlists de éxitos o rock tamén está a traer consigo algúns dos discos máis interesantes e atrevidos dos últimos anos. Sorprende ademáis que moitos deles están asinados por bandas moi novas que están a lanzar seus primeiros traballos recollendo o son do post-punk para darlle unha nova ollada máis actual pero igual de enérxica e chea de vitalidade como é o caso de Idles ou Shame, ou máis experimental como a de Black Midi ou Black Country New Road.

A medio camiño sitúase Squid. Este quinteto británico ven de lanzar este ano seu disco debut, ‘Bright Green Field’, onde misturan un grande abanico de influencias musicais para dar forma a unha proposta con elementos familiares que ao mesmo tempo é capaz de sorprender.

Dende os primeiros momentos de ‘G.S.K.’ queda claro que o ritmo xoga un papel fundamental na música desta banda que bebe de referencias como os Talking Heads, acompañados de sintetizadores, instrumentos de vento e dunhas guitarras cun son máis limpo do habitual neste estilo de música. Unha receta base sobre a que Squid engaden todavía máis influencias. En ‘Narrator’ aparecen progresións de acordes que semellan saídas dalgunha canción do ‘Hail to the Thief’ de Radiohead mentres a voz do vocalista e batería Ollie Judge se entrelaza coa intensa interpretación de Martha Skye Murphy.

Ademáis de contar con grandes composicións e interpretacións, ‘Bright Green Field’ tamén conta cunha produción que completa perfectamente as súas cancións e que mesmo chega a tomar decisións especialmente atrevidas como a marea de sintetizadores que termina sulagando cancións como ‘Boy Racer’, onde entre a marea de sons electrónicos semellan aparecer de maneira ocasional voces manipuladas que mesmo chegan a lembrar algúns dos trucos sonoros de Pink Floyd en ‘Animals’ (1977).

En pistas como ‘2010’ o caos é o principal protagonista, con estrofas pausadas pero empurradas por compases pouco convencionais, voces que se entrelazan unha por enriba da outra para estoupar nun ruidoso tramo central máis próximo do no-wave que non volve a aparecer en toda a duración da canción, onde todos estes elementos caóticos perfectamente organizados dan forma a unha proposta interesante e sorprendente.

Por outra banda as baterías ao máis estilo kraut rock, como se acabaran de saír dun disco dalgunha banda alemana dos anos 70 como Can ou Neu!, Dominan cancións como ‘Paddling’ e ‘Peel St.’, mentres que os elementos máis próximos ao jazz convértense nos protagonistas do interludio ‘The Flyover’ ou de ‘Global Groove’, explorando en maior profundidade algunhas das influencias que xa apareceran de forma máis discreta en pistas anteriores ata confluír en ‘Pamphlets’. Esta odisea de oito minutos de duración que volve a reunir nunha soa canción todos as pezas que deron forma a este disco cun tramo final especialmente enérxico que confirma o gran potencial de Squid.

8.5
Déixanos contarcho!
Mantente ao día das nosas novidades uníndote agora á nosa lista de suscriptores.