Celia Eiras

Tanxugueiras, o ‘trad’ para unha nova xeración

Sabela Maneiro, Aida Tarrío e Olaia Maneiro son Tanxugueiras, un novísimo trío que leva percorrendo escenarios desde 2016, facendo vibrar a cada vez máis xente coa súa forma de interpretar a música tradicional. En 2018 publicaron o seu disco debut Tanxugueiras, que lles permitiu levar a súa música por todo o país nunha xira extensísima, e tamén internacionalmente por Cuba, a India, Suíza ou Glasgow, o que as convertiu nunha das bandas revelación do novo trad galego.

Aínda que xa oíra falar delas desde hai un tempiño, como oínte cheguei un pouco a destempo. Non foi ata o derradeiro concerto da súa xira Tanxugueiras, no pasado San Froilán -ou sexa, outubro de 2019- cando as escoitei por primeira vez. Non puiden deixar de miralas en todo o concerto. Quedei prendada coa forza e o empaste que teñen estas tres mulleres cando xuntan as súas voces e pandeiretas. Pero o que máis me alucinou foi ver a rapazas de dezaseis anos e máis peques arrexuntadas na valla cantando os temas. Fora un concerto moi entrañable, tocaba despedirse dalgunhas cancións e da banda que as acompañou nesa xira por máis de 100 escenarios.

Un mes despois daquel concerto, Tanxugueiras sacan Contrapunto e rachan en certo modo co anterior. Manteñen só a percusión de Isaac Palacín. Agora só hai gorxas e mans batendo coiro. Algo que contrasta co seu primeiro traballo, cunha produción instrumental cargada de guitarras, baixos e acordeóns. Con este segundo álbum Sabela, Aida e Olaia evolucionan cara un son propio, volven á música máis tradicional e dótana de arranxos actuais sen perder de vista a raíz tradicional que fai medrar a súa proposta. Trátase ademais dun disco conceptual, estruturado por pares de temas que amosan a parte boa e mala dunha situación. Unha concepción que se deixou notar tamén nos novos directos do grupo, cun repertorio que comeza polas cancións máis íntimas e serenas e que vai subindo de intensidade ata despregar todo o poderío de Contrapunto en escena.

Presentárono o pasado 2 de febreiro na Sala Capitol, despois de levalo con anterioridade por Mos, Burela e Celanova. Ao chegar á Capitol topámonos cunha cola propia das grandes ocasións, desas que percorren toda a rúa da sala compostelá facendo incluso curva coa seguinte. Para engadirlle máis nerviosismo e emoción á cita, comunicábannos que se colgaba o cartel de entradas esgotadas. As tres músicas congregaron a preto de 800 persoas que as arrouparon neste novo espectáculo, que gaña agora en potencia e teatralidade, mais sen perder a naturalidade e o punto festeiro polo que as coñece o público.

A previa ao concerto estivo amenizada por un invitado especial: Xabi Aburruzaga e a súa agrupación folk, que abriron a festa a partir das sete e media. O músico vasco presentaba o seu disco Bost, no que colaboran as propias Tanxugueiras en dous temas. Como é lóxico, non interpretaron estas cancións: había que xerar toda a curiosidade e intriga para as estrelas da noite. O público permaneceu atento á actuación que brindou o grupo, acompañándoos con palmas nos momentos máis festeiros das partes instrumentais. Para dar paso ás Tanxugueiras tocaron a popular Muiñeira de Chantada que conseguiu levantar a toda a sala.

Mentres o público agardaba impaciente polas pandereteiras, o escenario, iluminado con tres focos, comezou a cubrirse de fume… A expectación non podía ser maior.

De repente o palco súmese na escuridade e aparece proxectado o nome de Tanxugueiras. Saen a escena completamente a escuras elas e o percusionista Isaac Palacín. Soa a voz en off dunha señora que asegura que ela viviu o que contan as cancións de Contrapunto. “Este é o percorrido da miña vida, como tantas outras, unha vida chea de contrapuntos”. Comeza Maltraer. As campás que soan ao inicio do tema son seguidas dun xogo de luces oscilante no que tres focos de luz se van movendo dunha tanxugueira a outra con cada badalada.

Celia Eiras

As tres cantoras, ataviadas cunhas elegantes capas negras, combinan os seus rexistros de voces e interpretan a canción cunha solemnidade que o público acolle en completo silencio. Regresa a iluminación ao palco e entran tres tamborileiras máis un gaiteiro. Interpretan Autocracia ao son dunha marcha militar mentres as Tanxugueiras cantan a historia de como sacaron a un preso a “pasear”.

Cos efusivos primeiros aplausos, o cambio de vestiario: as tres quítanse a capa e amosan uns vestidos negros con transparencias e botas militares; a súa propia versión das saias longas e as zocas que se asocian coa cultura tradicional.

Tras presentar aos músicos e agradecer o cheo na Capitol, deseguido interpretaron Que non mo neguen. Con ela metéronse a toda a audiencia no peto, que coreou con forza e co puño en alto o estribillo “Son muller forte e libre”. Xunto con Non cho sei, Ai a ribeira e Oleró -na que subiu a tocar a banda de Xabi Aburruzaga-, foron os únicos guiños ao anterior traballo das Tanxugueiras.

Continuaron con pulso firme coa tenra nana Miña nena, que se acompañou dun contrabaixo; e co seu canto á sororidade Irmandade, que dedicaron emocionadas á súa amizade. Bo bocado para seguir con O querer, tema co que o escenario -iluminado ata o momento con tons azuis e vermellos- se tinguiu de cor verde para poder cantar “río verde río verde”. Neste novo directo Tanxugueiras contan unha historia e para iso contan cun deseño de luces e unha posta en escena que vai acorde co que están cantando.

Chegados a este punto da actuación -no que fixeron un alto para valorar a súa traxectoria e acollida do novo disco-, os que poboaban a sala estaban totalmente entregados e coreaban con ganas os últimos temas. Perfidia o primeiro. “Temazo!”, berrou alguén ao comezo. Con Desposorio -sen dúbida a máis popeira- ao final repetiron a capela o estribillo co público. Logo a impresionante conxunción de voces de Albedrío. E para finalizar, cun xogo de luces frenético deron paso a Malquerenza, unha das cancións do ano -ao menos, nesta casa-. Xúrovos que saltaron chispas das ferreñas.

Celia Eiras

Quedaba o bis Miña mai, coa intensidade das pandeiretas e querendo homenaxear a todas as mulleres que mantiveron coa transmisión oral a cultura galega.

Mentres a audiencia as despedía entre aplausos infinitos, Tanxugueiras cantaron un popurrí con algúns dos seus temas nunha versión reggae que volveu levantar á Capitol. Poñendo así o peche a un concerto que conseguiu que sigamos falando del ao saír. O trío demostrou versatilidade e unha grande capacidade para sintetizar o máis potente da súa música e levalo a escena, interpelando entre a tradición e a modernidade.

En Galicia lévase conxugando a tradición coa modernidade desde hai moito tempo. Hai xa máis de dez anos, propostas decididamente vangardistas como Ecléctica Ensemble ou Projecto [‘trepia] levaron ao século XXI cantos tradicionais ao mesturalos con samples e instrumentos electro-acústicos. Á versión do trad que interpreta Tanxugueiras atribúeselle o mérito de renovar o xénero para as xeracións máis novas, convertindo a música de raíz nunha sorte de pop galego capaz de enganchar cunha xeración á que lle faltan estes referentes. Precisamente esta parte de raíz é a que as distingue e separa doutra personalidade renovadora do folclore (no seu caso con base electrónica), como é Baiuca.

Mais a xente que sempre viu a música tradicional como algo alleo, agora estase achegando a ela co que é pura tradición. O directo das Tanxugueiras é realmente hora e media de pandeireta e voz; renovador, si, e ao mesmo tempo, cercano á raíz. Ademais teñen un público moi interxeracional: nenos e nenas, xente nova, señoras maiores que seguro que sería a primeira vez que ían á Capitol… É algo bonito de ver nos concertos. De feito, están facendo algunhas presentacións pola tarde para que poidan acudir familias. Achegando tamén así estes sons a un público que doutro xeito non podería vivilo en directo.

En breve poderemos velas en As Pontes, Cangas, Vilalba e Monterroso, e proximamente novas localidades e palcos. Tanxugueiras chegan para situar a música tradicional galega en novos escenarios. Quen sabe se O Son do Camiño ou Portamérica. Se non puideches velas, non as perdas na seguinte cita porque o espectáculo que artellaron Sabela, Aida e Olaia é posiblemente o máis cautivador que hoxe en día se pode ver enriba dun escenario en Galicia.

Déixanos contarcho!
Mantente ao día das nosas novidades uníndote agora á nosa lista de suscriptores.