Taylor Swift explora e conquista novos camiños en ‘folklore’

Release Date
24 Xullo, 2020
Discográfica
Republic Records
Xénero
Indie folk
Our Score
7.7

“Antes deste ano, probablemente tivera pensado demasiado cando revelar esta música no momento ‘perfecto’, pero os tempos nos que vivimos seguen recordándome que nada está garantido. O meu instinto dime que se fas algo que amas, debes mostralo ao mundo”. Con esta declaración, Taylor Swift anunciou en Twitter o repentino lanzamento de folklore. Tras unha década de intricadas estratexias de marketing, de easter eggs e pistas que alzaran polos ceos as expectativas e suspicacias dos fans sobre novo material co que rebentar as listas de éxitos, folklore publícase tal e como foi creado. Illado, silencioso, exento de pretensións. 

Mais cómpre non confundir a sorpresa coa falta de previsión. Taylor Swift é unha das artistas máis intelixentes do panorama mainstream, e así o leva demostrando durante unha década. A súa capacidade de transformación e hibridación constante, de country a pop, de claro a escuro -e a claro outra vez-, sempre sen perder a súa particular marca da casa, elevouna ao máis alto do horizonte musical. Veu, mirou e conquistou. E cando o consegue, cambia e conquista outra vez. 

Os precedentes que sentou Swift durante a pasada década son innegables. En canto a figura pública odiada e amada a partes iguais -nun abandeiramento en prol da liberación da muller política e relacionalmente, tan etéreo como a mesma posición a ollos de todo o mundo permite-, como no rumbo que o pop tomaría nos vindeiros anos. Nunca está de máis reivindicar o peso que tivo1989 (2014) para encamiñar unha nova e renovada resurrección do synth-pop dos 80 que tanto marcou o último lustro; e que sen el, igual non teríamos un E·MO·TION (2015) ou un Melodrama (2017). 

Conquistados todos os recunchos do pop comercial, desde a primixenia estética hipster con Red (2012) ao estío sintetizado de Lover (2019), tocaba pasar a outra cousa. E folklore segue a ser pop, pero disfrazado. En troques dos ritmos acelerados e da produción extasiante, atopámonos a unha Swift que semella enclaustrada nunha cabana perdida no bosque. Refuxiada entre guitarras acústicas, pianos e suaves seccións de corda que dan eco a súa voz. Desta vez, sen dramas románticos hiper-mediáticos de por medio. A brillante capacidade de contar historias sempre foi a súa mellor baza, mais as confesións de Swift soan, por fin, sutilmente relatadas coa madurez dos 30. 

Non sabemos se co novo decenio chega unha nova era para a traxectoria musical de Taylor Swift. E a verdade é que non o parece. folklore semella máis un proxecto de corentena; un achegamento esporádico ao indie folk sen pretensións de marcar unha ruta a medio prazo. O mundo non precisa máis referentes folk: un xénero, xa sexa pola compacticidade da súa natureza inherente ou pola banalidade funcional que os seus seguidores adoito lle damos -polo xeral, canto menos requintado e canto mellor entre polos oídos, mellor-. O cottage core no que habitan Bon Iver, Fleet Foxes, Big Thief ou Sufjan Stevens é pequeno e xa non caben moitos máis. 

O que si precisa o mundo é unha artista como Taylor Swift. Ecléctica e audaz á hora de tantear novos camiños musicais, humilde á hora de absorber novas influencias e efectiva á hora de amoldalas para si e facelas súas. folklore non aporta absolutamente nada novo: en cada recuncho do disco, aparecen pousos do primeiro Bon Iver de For Emma, Forever Ago (2008) e florituras vogais tomadas prestadas de Lana Del Rey (en cardigan ou, aínda máis descarado, en seven). E como era de esperar, as pegadas de The National fanse notables en todo momento grazas á colaboración de Aaron Dressner na produción. 

Unha das maiores carencias do álbum é, quizais, a súa extensa duración. Da concepción exenta de pretensións máis alá da procura da sinxeleza e a espidura lírica tradúcese un percorrido extremadamente homoxéneo e desvestido de capas. Por iso, máis dunha hora de cortes que, un tras outro, apenas aportan cambios de ritmo, tempo e ton acaban cansando. Terminantemente, folklore semella limitarse a funcionar como música de fondo para comer pipas no parque. E no momento no que a emoción de escoitar un novo disco de Taylor Swift desaparece, poucos farán uso de folklore como un traballo íntegro, e moitos máis acudirán a el para a escoita selectiva dun pulso de cancións. 

Con todo, a autolimitación de folklore induce máis luces que sombras. O confinamento sentoulle ben ao asombroso inxenio que fai brillar a Swift para narrar historias, e en cada un dos 16 cortes atopamos un relato entrañable. Para unha figura como Taylor Swift, abrir o disco cos versos “I’m doing good, I’m on some new shit. Been saying yes instead of no” é toda unha declaración de intencións. E a colocación de the 1 como pista de apertura é tamén extremadamente intelixente: non só supón unha das cancións máis dinámicas do álbum, senón que a súa estrutura rítmica de “boom boom clap” funciona como unha accesible ponte entre o pop oitenteiro ao que Swift nos tiña afeitos e o que nos depara na seguinte hora. 

Outro dos fitos que nos deixa folklore é the last great american dinasty. Unha narración cinemática da historia da mecenas Rebekah Harness, onde os versos se despregan como fotogramas, sucedéndose ao tempo que brotan alegres punteos de guitarra. O contraste perfecto faino exile, un sereno e desgarrador dueto con Justin Vernon (Bon Iver). E voume dar a licenza de referenciar a Anthony Fantano cando advertiu que nos preparemos para escoitar esta canción en cada voda dunha muller branca. 

invisible string é outra mostra de todo o que buscamos nun traballo coma este. Por unha banda, o tema encádrase á perfección no imaxinario dun disco coma este: o destino como atadura de dúas persoas que están por coñecerse (“And isn’t it just so pretty to think all along there was some invisible string tying you to me?”). Por outra, emprega de forma espléndida a repetición lírica da estrutura e do recurso da sinestesia, agromando tamén as cores dos áxiles arpexios de guitarra. 

mad woman funciona como unha declaración de liberación feminina, moi ao estilo de Swift e enmarcado na sección temática das súas cancións máis autobiográficas. Orquestrado case coma un canto celestial, unha sobria progresión de piano desvanécese parecendo poñer o punto final a aquel mediático enfrontamento de longo percorrido con Kanye West. Pola súa banda, betty fai o maior uso das formas folclóricas americanas que dan nome ao disco, ao tempo que desprega un relato en terceira persoa reminiscente da literatura de Mark Twain

Se hoax tivera sido desbotada do tracklist, e peace rematase poñendo a guinda ao disco, tivera sido o final perfecto. Neste, agora si, atopamos a man todopoderosa do Bon Iver máis maduro e crepuscular -o outonal de iMi (2019)-, nunha catártica pista que describe a toma de madurez no microcosmos romántico de Swift; o que tanto empeño puxo en mostrar ao mundo: “Give you my wild, give you a child, give you the silence that only comes when two people understand each other”.

folklore chegou no momento axeitado. Para o mundo, nun verán máis hermético e solitario do normal. Para Taylor Swift, no punto de inflexión dunha estelar carreira que precisaba saír da comodidade do pop con data de caducidade. Non é un disco perfecto; tampouco busca selo. folklore é o seguinte paso na carreira dunha artista que nunca tivo reparo en expoñerse ao ollo público, amosando a súa integridade como creadora. E que nada lle vai impedir poñer á vista de todos o que ela queira, cando ela queira. 

7.7
Déixanos contarcho!
Mantente ao día das nosas novidades uníndote agora á nosa lista de suscriptores.