The Smile escapan da sombra de Radiohead en ‘A Light for Attracting Attention’

Release Date
13 Maio, 2022
Xénero
Rock
Discográfica
XL
Our Score
8

Dende o momento en que foi anunciado, quedou claro que The Smile non sería un proxecto paralelo máis de Radiohead. Contar coa presenza de Thom Yorke e Jonny Greenwood sería como se John Lennon e Paul McCartney formaran unha nova banda ao marxe do resto dos Beatles. Durante as súas tres décadas de carreira xuntos, Ed O’Brien, Colin Greenwood e Phil Selway xa amosaron en numerosas ocasións as súas aportacións á banda, pero tampouco cabe dúbida de que Thom e Jonny son o corazón do grupo.

O primeiro disco de The Smile, a banda que formaron xunto ao batería Tom Skinner soa, efectivamente parecido a Radiohead, pero ao mesmo tempo conta cunha identidade propia que xustifica a súa razón de ser. Unha das principais características de Radiohead é coidado absoluto de todos os detalles en cada unha das súas cancións. Nada queda ao azar e cada vez o lanzamento dos álbumes leva máis anos. Pola contra, en ‘A Light for Attracting Attention’ todo semella máis espontáneo e as suas referencias son máis evidentes.

O disco comeza con ‘The Same’, unha canción na que Thom canta sobre como “todos somos iguais” polo que “non temos que loitar”, unhas letras que soarían demasiado tópicas se non fora pola música que as acompaña, tremendamente claustrofóbica e chea de tensión, que recontextualiza estas palabras como unha petición desesperada mentres a xente pola rúa continúa a camiñar ignorando esta petición de Thom e mirándoo como se fose un bicho raro.

‘The Opposite’ é tal e como cabería esperar polo título unha canción completamente diferente. Desta volta xa a aparece a batería de Skinner e a guitarra de Jonny Greenwood, xogado co pedal de delay para dar forma a un riff tan rítmico como melódico. Unha cara máis rockeira da banda que se acentúa aínda máis en ‘You Will Never Work In Television Again’, unha peza cunha actitude case punk que lembra por momentos á música do Thom Yorke do ‘Pablo Honey’ pero desta volta cunha complexidade rítmica engadida, mentres que en ‘Thin Thing’ a vabda achégase ao math rock.

O post punk tamén está moi presente en ‘We Don’t Know What Tomorrow Brings’ mentres que ‘A Hairdryer’ bebe directamente do krautrock. En The Smile tamén teñen cabida os arranxos orquestrais de Jonny Greenwood en cancións como ‘Pana-Vision’, ‘Speech Bubbles’ ou ‘Free In The Knowledge’, máis cinemáticos ca nunca. Por outra banda, os ventos que aparecen en pezas como ‘The Smoke’ aportan unha influencia do jazz que encaixa á perfección coa batería de Skinner, que xa se move con soltura neste xénero.

A Light for Attracting Attention’ tamén conta con novas versións de cancións que xa foran interpretadas en directo por Radiohead. Trátase de ‘Open the Floodgates’, unha peza especialmente atmosférica na que os sintetizadores e a guitarra de Jonny Greenwood envolven con suavidade a voz de Thom, e de ‘Skrting on the Surface’, un dos momentos máis fermosos do traballo que ao mesmo tempo se encarga de pechar o disco.

The Smile soan parecisos a Radiohead, pero ao mesmo tempo diferentes. ‘A Light for Attracting Attention’ é un disco menos cohesionado, con cancións moi diferentes entre si, en ocasións menos elaboradas que as que acostumaban a firmar Thom e Jonny, e ao mesmo tempo cunhas influencias da psicodelia e o kraut rock dos anos ’70 máis presentes do que se permitiría nunca Radiohead. Se ben non acadará o status de clásico, este disco aporta frescura e novo material á espera do seguinte traballo do quinteto británico. Tal e como escribía un usuario na web Rate Your Music, Radiohead-lite seguen sendo mellores que a maioría de bandas.

8
Déixanos contarcho!
Mantente ao día das nosas novidades uníndote agora á nosa lista de suscriptores.