The Strokes albiscan un novo camiño en ‘The New Abnormal’

Release Date
10 Abril, 2020
Discográfica
RCA
Xénero
Rock
Our Score
6.5

Moitos dabamos xa aos Strokes por perdidos. A banda encabezada por Julian Casablancas abandeirou a adolescencia duns cantos, tanto dos que agora estamos na vintena, como dos que teñen 40. Non era para menos. Emerxidos da escena local de Nova Iorque, os Strokes saltaron ao mainstream coma un petardo, liderando o éxito comercial en Estados Unidos dunha nova ondada de bandas de indie rock que se recibiría o nome de post-punk revival ou garage rock revival.

Is This It (2001) foi un auténtico fenómeno que arrecendía frescura por todos lados: soaba rebelde, frenético e moi cru. Noutras palabras, soaba dalgunha forma ao pesimismo postmoderno que marcaría toda a nova xeración de mozos. Room On Fire (2003) foi, se cadra, algo mellor -desde logo, envelleceu bastante mellor-. Pero a partir de aí, os Strokes adentráronse nunha caída libre.

Como a maioría dos grupos do garage rock revival, non souberon apreciar que a fórmula esgotábase rápido –The Kooks, The Killers ou The Libertines sufriron tamén o síndrome do estancamento-. Se non evolucionaban, se non maduraban xunto aos mozos que os escoitaban, estarían destinados a rematar na sección nostálxica das coleccións de CDs. Así saíron First Impressions Of Earth (2006), Angles (2011) -lixeiramente máis correcto- e Comedown Machine (2013). Tres castañas que levaron aos Strokes a un paréntese de sete longos anos ata hoxe, cando ve a luz The New Abnormal.

The New Abnormal non é o renacemento dos Strokes. Non se ergueron de súpeto das súas cinzas para poñer patas arriba o rock de guitarras outra vez. Nin tampouco amosan unha evolución cara a madurez, intanxible durante estas dúas décadas de percorrido da banda. Pero quizais o que fai a The New Abnormal mellor que os seus últimos traballos é que, desta vez, volve haber certo entusiasmo. Sen dúbida a Julian Casablancas sentoulle moi ben a formación de The Voidz, proxecto de realización persoal co que leva sete anos, desde o estrepitoso Comedown Machine, traballando na busca de novas rutas experimentais.

En realidade, nada soa novo en The New Abnormal; a todas luces, nunca fora a innovación a pretensión da banda. Simplemente a execución é mellor. O “copia-pega” das correntes musicais dos 80 é tan visible coma sempre, pois os Strokes nunca quixeron ser sutís coas súas referencias. Durante todo o disco podemos recoñecer clarísimas semellanzas co post-punk (o baixo de Peter Hook de Joy Division en The Adults Are Talking) e, ante todo, co new wave: Bad Decisions semella unha reinterpretación de Last Nite feita por Billy Idol, e o espírito de New Order sobrevoa ta maioría dos cortes (sobre todo, Brooklyn Bridge To Chorus).

Mais tampouco buscan soar exactamente igual que nos seus inicios. Observando Bad Decisions, probablemente o gran banger do disco, deixan claro que se quixesen facer outro Room on Fire, poderían. O propósito desdebúxase, a medio camiño entre o estilo típico dos Strokes e a achega doutras influencias nostálxicas. “Hard to fight what I can’t see, not tryna build no dinasty” (Difícil loitar contra o que non podo ver, non intento construír ningunha dinastía), reza Casablancas en At the Door. Semella que teñen claro que non queren ser os mesmos, pero tampouco saben quen queren ser nin como queren soar.

Por momentos poden chegar a escocer os berreos de Julian Casablancas, quen aos seus 41 tacos segue a choromicar por amor como se seguise tendo 20. Mais noutros rexorde o encanto da execución sen ánimo de pretensións. A languideza con toques funk e R&B de Eternal Summer funciona á perfección, e igual que o fai Ode To The Mets pechando o disco nun ton tristón, declarando que xa non hai volta atrás: “Gone now are the old times. Forgotten, time to hold on the railing” (Pasados están xa os vellos tempos. Esquecidos, hora de aferrarse á varanda).

O hastío era claro. Os Strokes estaban cansos de ser os Strokes, e con The New Abnormal buscan outros camiños sen deconstruírse radicalmente. Non estamos ante unha obra de ruptura na que a banda se redime de todos os erros executados estes últimos 15 anos. Non se escoita un canto de liberación, pois a desgastada fórmula segue de fondo. Mais si vemos unha abertura, o inicio dun novo camiño que, se se escudriña ben, podería levar aos Strokes a volver ser o que un día foron.

6.5
Déixanos contarcho!
Mantente ao día das nosas novidades uníndote agora á nosa lista de suscriptores.