TIAM Gz: “Temos que loitar por seguir sendo galegos que falen en galego”

Hai poucos días publicabase (De)Construcción, o primeiro disco de TIAM Gz, un grupo de rap de Chantada. Eles son Álex (Alessov), Brais (Torozas), Iago (Iagueiro) e Matías (Mr. Mati) e tiven a oportunidade de falar con todos eles. Por mor das circunstancias pandémicas a entrevista foi por videoconferencia, pero non perdimos a oportunidade de charlar durante unha hora do seu primeiro disco, sobre as referencias de cada un, sobre o galego e algunha cousa máis.

Acabades de publicar o voso primeiro disco, (De)Construción. Pero antes gustaríame falar do principio. Como foi todo?

Iagorino: Nós éramos amigos de sempre, tíñamos algunhas letras escritas e comezamos a pensar en como quedaría todo gravado. Mercamos un micro de 20 euros para probar a ver que tal. Seguimos escribindo e Matías seguiu facendo as melodías e as bases. E así ata hoxe!

Eu a primeira vez que tiven novas do TIAM foi alá por un Revenidas do 2018. Cando vos coñecín, polo menos a Alessov e Torozas! Alí ensinachédesme unha cousa primixenia. Como evolucionastes dende entón?

Alessov: Escarnio creo que era! A canción que che ensináramos non estaba nin gravada co micro ese, aínda non o tíñamos! Era un audio de Whatsapp que nos parecía que quedaba guai! (risas).

Pouco a pouco fomos investindo dentro das nosas posibilidades para ter mellores materiais cos cartos que sacábamos dalgunha actuación. Fomos mellorando o noso estudio e os nosos coñecementos. E sobre todo gañando en experiencia, que foi o gran salto que pegamos. Houbo un cambio abismal nese aspecto.

Entón deuvos tempo a facer directos antes da covid?

Torozas: Si, de feito comezamos como un ano e pico antes da covid. Actuamos en Chantada e por Taboada tamén. Todo parecía que ía un pouco in crescendo pero chegou isto. Dende que comezou a pandemia demos literalmente dous concertos. E claro, coa xente sentada, que de verdade é unha liada.

O nome de TIAM entendo que é polas vosas iniciais non?

T: Entendes ben!

A: Eu xuntei as iniciais todas. E dixen “hostia” sae TIAM que é semellante a “team”, equipo en inglés (risas). E logo claro, había que meterlle un pouco de gancho. Cantamos en galego e somos nacionalistas, pois Galiza. TIAM Gz, abur! Xa está!

Mr. Mati: Eu o que lembro é que non tiñamos nome ata o momento no que quixemos subir a primeira canción ao Youtube. Había que pensar algo rápido porque tiñamos que ter un nome para o grupo, claro. Non houbo moita chuvia de ideas. E se lle das a volta a TIAM sae MATI, pero non lles pareceu ben, claro!

A: Cando xa estaban as cancións feitas, houbo quen lle quixo cambiar o nome e poñerlle TIMA! (risas)

I: Non o intentei, foi sen querer, ho! Cousas de cando hai alcol de por medio, xa sabes!

Falando xa do disco, o primeiro videoclip que publicastes hai xa bastante tempo foi Flows da Nada.

I: Flows da nada diría que é a primeira canción semiprofesional que puidemos gravar xa cun micro relativamente bo. Polo menos mellor que co que empezamos. Marca un antes e un despois no grupo, das anteriores penso que hai algunhas que están ben obviamente, pero hai moita diferencia na gravación e nas letras. Ademais,  se algo vai a Youtube, sempre vai ter moita máis repercusión se lle pos vídeo.

M: De feito, antes de Flows da Nada estábamos facendo moitas cancións para ter repertorio. Ían saíndo unha detrás doutra e un pouco ás présas. Esta foi a primeira vez que nos paramos e fixemos a letra conxuntamente, sobre todo o retrouso. Xa non foi co micro de 20 euros, foi cun de 200 e cunha placa un pouquiño mellor.

Quería volver un pouco para atrás de novo. Por que decidides facer un grupo de rap? Vale, sodes colegas e vos gusta esta clase de música, pero iso non sempre é suficiente.

T: A min xurdiume a idea máis forte cando hai dous anos e pico fun co Álex a Ourense a ver a Ezetaerre, foi unha noitaza! Vindo para casa comezamos a falar de por que non podiamos ser nós eses. Estabamos o suficientemente capacitados para facer letras e cunha base podemos facer unha festa coma eles.

A: Eu sempre tiven por dentro iso de querer ter un grupo. Máis se era cos meus colegas e dende o ámbito da música protesta para poder compartir as miñas ideas. Penso que é unha maneira de poder ter unha repercusión na xente. É como un xeito de espallar a loita dende o individual ao colectivo a través da música que todo o mundo consome.

I: Eu persoalmente xa tiña algunha letra escrita e sempre fun un fan do rap, pero penso que cada un de nós temos o noso estilo ben marcado. Onde mellor podemos encaixar é aquí, porque se tocaramos, eu que sei, trash metal, teríamos que seguir un pouco máis as liñas. Aquí todos temos a nosa forma de soltar as cousas e é onde mellor cadramos.

Falaba Torozas de Ezetaerre. Pasades de público a colaborar con eles no disco. Para vós que significa?

T: Pois… sen palabras! (risas) Que fale outro, porque pola miña parte simplemente iso.

A: Eu sempre fun moi fan de Ezetaerre e lévoos escoitando dende a maqueta de Berros do Mar. Sempre me gustaron moito. A primeira vez que tiven a opción de velos en directo foi nun Castañazo Rock e fun eu só! Ninguén os coñecía. Poder colaborar con eles é a puta hostia, que queres que che diga. Ademais de que nos brindou a oportunidade de poder coñecer a persoas tan boas como son eles, porque son moi boa xente.

Matías, respecto á produción ti tamén tomas como referente a Petrowski ou vas por outros camiños? Porque aínda que evidentemente tendes o voso estilo diferenciado eu vexo algunha similitude co que Ezetaerre presentou nos seus últimos traballos

M: Pois non sei dicirche, a verdade. Eu si que non os coñecía. A primeira canción que escoitei foi Matar a McCarthy, do último álbum que teñen, e dende esas si que comecei a afondar un pouco no que fan.

Pero eu fago bases dende os 15 anos aínda que todo quedaba para min. Chegaba do colexio, abría o FL Studio, facía cousas e as gardaba. De feito, eu son o menos rapeiro dos catro pero de lonxe. Nunca fixera un boom bap ata o de agora. Eu facía reggaeton e trap, música que eu escoitaba e escoito.

E claro, no que se comentaba antes da evolución en min tamén se nota. Nas primeiras cancións, nin eu mesmo sabía o que estaba a facer e tiven que profundar máis no estilo, ter máis referentes do ámbito e evidentemente dentro deles si que está Ezetaerre. Pero se no disco fixemos cousas fóra do boom bap xustamente é por iso, porque son estilos dos que levo mamando dende pequeno.

E un tema que se afasta moito do rap máis puro é o segundo adianto do disco, Sandungueirada.

M: Totalmente. Sandungueirada xurdiu cando eu ía cara Alicante e escoitei I like it, a canción de Cardi B con J. Balvin e Bad Bunny. E pouco despois paramos nunha gasolineira e comezou soar a canción de Jennifer López da que está sampleada. E nada, cheguei da viaxe, fíxena, gustoume, paséillela e comezaron a saír unhas letras impresionantes.

E os demais como vos adaptades? Polo que dicides, sodes os tres moi rapeiros e aí poden chegar a presentarse contradicións non?

I: Creo que vivimos nunha época no que todo é branco ou negro. Ou che ten que gustar unha cousa ou a outra, e eu penso que hai tonalidades de gris tamén. A min gústame o rap máis clásico, pero non significa que non poda escoitar outras cousas. Si que é certo que parece que hai unha demonización polos sectores máis hardcore do rap, xente que di que hai certas bases que non se poden usar.

E iso non é así. O ritmo dunha base de reggaeton non denota nada, simplemente é música. O que engadamos por riba é o que conta. Gústame formar parte dun grupo onde non lle temos medo a ningún estilo e podemos facer practicamente o que sexa

T: Eu estou con Iago, non vexo nada favorable que nos pechemos nun estilo porque ademais escoitamos moitas cousas. Se temos a capacidade de facelo, por que non o imos facer?

A: Pouco teño que engadir. A música é música e non lle podes pechar portas. Como dicían as avoas, hai que comer de todo!

Entendo ademais, que esta mestura de estilos pode axúdavos a transmitir a mensaxe tendo en conta que facedes rap combativo.

I: Si, estou de acordo. Eu penso que canto máis lonxe podas chegar, mellor. Non no sentido comercial de firmar cun estudo e que che promocione. Pero se eu teño unha letra e quero transmitir unha mensaxe concreta, pois hai que espallalo. Non só con esa escusa hai que facer un reggaeton, por exemplo, só se nos atopamos cómodos con el. Pero a verdade, non somos demasiado exquisitos, ao final simplemente flúe e estou moi contento co que sacamos.

Unha cousa que me chama a atención para ben é que xa non é que Matías estea acreditado nas cancións, senón que forme parte do nome do grupo. Hai moitos artistas que non lle dan importancia ao produtor cando ao final é algo fundamental.

I: E que nós sen o Matías non imos a ningures! Entre outras cousas, deberiamos depender de cartos. Ademais, faino moi ben. Poucos produtores coñezo eu de música en galego que poidan facer cousas da calidade de Matías eh? Incluso falando de produtoras un pouco máis profesionais. Non penso que haxa moitísima diferencia. E despois obviamente que somos amigos de sempre, como non íamos metelo, hostia?

Por alusións, Matías, algo que comentar?

M: O primeiro, que que bonito! (Risas). Pero si que é verdade que moitas veces o produtor queda un pouquiño máis ao carón ou non vai no mesmo bloque. O máis habitual é que o artista naza como individuo e o resto xa é considerado grupo de traballo. Tamén hai que recoñecer que hoxe en día xa é unha figura máis recoñecida, en moitas ocasións xa ten a marca na canción. E hai produtores como Bizarrap que son case máis importantes que o propio cantante.

Pero a maiores diso, si que din cun grupo de amigos que me tratan moi ben, e dende o primeiro momento quixéronme facer parte do proxecto. Por exemplo, iso de que en case todas as cancións apareza o “Mr. Mati está no beat” foi algo que apareceu dunha idea que tivo Álex. Dixo que tiña que comezar a meter o meu nome para que a xente soubera quen fai as cancións!

Seguindo co disco, chámase (De)construción ao igual que o primeiro tema do traballo. Para vós iso de desconstruirvos ata que punto é importante?

A: Eu creo que todo o tema da deconstrución comeza precisamente polo que falábamos antes dos gustos musicais e do estilo de cada un. Todos nos tivémonos que desconstruír para que TIAM fose TIAM. Eu teño que admitir que son un pureta e non vía cantando Sandungueirada. Daquela tiven que iniciar un proceso para entender que iso é música e está moi ben facelo.

Ademais, dende un punto de vista social, é importante que nos desconstruamos un pouco todos para edificar de novo unhas mellores persoas, agora mesmo o mundo está un pouco fodido. Entón, Penso que o título do álbum engloba un pouco todo.

Se falaba do comezo de disco, agora vou ao final, a Muinhei-rap de Chantada. Iso si que é unha boa muiñeira de interior non?

I: Un día Matías díxonos “pois sampleei a Muiñeira de Chantada” e a verdade é que non estaba nada mal (risas) así que tivemos que meterlle algo de letra. A nós danos igual se de interior ou de costa, con que valga para rapearlle por enriba, pois xa está!

T: De feito, eu metinlle unha referencia á muiñeira de costa e de interior porque ao final para falar de muiñeiras, que mellor que xente de Chantada? É de onde sae mellor produto!

M: Esta canción partiu de que escoitei unha canción cun violín destes así celtas. E xa que temos un disco que ten de todo, pois está ben que haxa unha canción na que falemos da nosa terra e da nosa xente. E é algo que nos parece importante, os dous videoclips que temos son están feitos nosa zona tamén, por exemplo.

E como vos influíu medrar en Chantada? Que ao final é unha localidade do interior coa súa idiosincrasia propia.

I: Somos nenos da aldea, e na aldea non podes andar escollendo quen che cae ben e quen che cae mal. Hai catro veciños e eses son os que hai, e iso musicalmente penso que tamén inflúe. Aquí non podes ser sectario.

E é verdade que en Chantada para ser unha localidade relativamente pequena, hai moitísima produción cultural. Iso é un orgullo. Ultimamente estamos nun punto onde a cultura está ou moi reivindicada ou moi demonizada, entón que se faga cultura por facer é tamén importante.

T: Eu a verdade debo dicir que non me criei en Chantada, vivín toda a vida en Lugo. Pero si que viña aquí todas as fin de semanas e considérome do Carballedo, que é ao carón de Chantada. E si que penso que a orixe afecta á hora de crear. Vivimos con outros factores dende pequenos que ao final poden condicionar.

A: Ao vivir na aldea dende pequeno ves o arraigo pola terra, e que hai que traballala. Ver que as familias saen adiante con practicamente moi pouco en base á forza do seu traballo e a súa suor, crea en ti unha certa conciencia. Obviamente non teño nada en contra da cidade, pero segundo o lugar onde esteas vas vivir cousas diferentes.

TIAM nace nun momento onde o rap combativo non está nos seus mellores momentos. Viviu unha etapa de esplendor a nivel estatal acompañado do éxito de Los Chikos del Maíz, pero igual neste momento está un pouco menos explotado.

A: A música é un produto cultural. Todo depende do momento no que vivamos e do contexto. Fai uns anos igual si que era máis normal co auxe como dis de Los Chikos del Maiz e de outros, ter música protesta, porque igual é o que necesitaba a sociedade que consumía música nese momento.

Igual agora a xente necesita música que non lle estea recordando os problemas que ten porque xa os sabe. Igual non fai falta que un paisano que está rapeando llos estea lembrando constantemente. Pero o que pasa é que cada un vai facer o que lle guste e ao fin ao cabo e non lle podemos pór límites á creatividade. Se ti es creativo falando dos problemas, avante. Se ti es creativo falando do ben que o pasas de festa, pois avante tamén.

E a vosa creatividade evidentemente moito vai cara sinalar o que está mal. Así que eu quero darlle a volta e preguntar sobre que hai que facer para que estea ben. Por onde debe ir o camiño?

I: Si que é certo que moitas veces quedámonos só na análise. En sinalar cal é o problema e necesitamos saber como atacalo e como afrontalo. Hai que comezar por concienciar sen ningún tipo de superioridade moral nin nada polo estilo. Se eu penso que unha persoa vota a un partido que lle está prexudicando, sen superioridade moral de ningún tipo nin insultar -que é algo que está moito de moda tamén- pois intentarei convencelo e crearlle conciencia.

Na época das redes sociais é tan sinxelo faltar ao respecto (e incluso gratificante), que tamén caemos niso no día a día. Eu penso o contrario. Se ti queres cambiar unha situación que está mal, debes intentar que o máximo número de persoas loite canda ti e camiñe contigo. E para iso, a música pode ser unha das moitas maneiras.

E tamén estamos nun contexto onde a xente nova está sendo bastante sinalada en moitos lugares. Vós como mozos que acaban de sacar un disco e buscan crear conciencia, que tendes que dicir neste asunto?

I: En todas as épocas da humanidade sempre se intentou buscar un culpable dos males. Volvemos ao de antes, que cando hai un problema fai falta atopar un responsable e tirarlle pedras na casa. Por iso en prensa cando hai un acto criminal sempre se busca rapidamente quen foi, o seu nome e a súa cara para intentar canalizar esa ira.

Neste caso coa covid, houbo un grupo de mozos e mozas que fixeron festas, medrou algún gromo por culpa diso e xa se montou a cuestión. Eu penso que calquera xeración de calquera época que se vira nesa situación faría exactamente o mesmo ou peor.

Isto está estudado, sábese que moita xente que ten unha idade máis avanzada sempre busca no pasado ese refuxio de felicidade. Miramos eses tempos con simpatía. Pasaranos a nós tamén nun futuro. Aquí, no Estado español, a xente maior tende a botar á dereita porque se criaron nun réxime de dereitas e quedan coa idea de que todo tempo pasado foi mellor. Porén, na grande maioría dos estados de Europa do Leste a xente máis maior vota esquerda. Penso que iso é bastante simbólico de como é a mentalidade humana en moitos casos.

T: Eu penso que a xente nova, en concreto os estudantes nas cidades universitarias, somos aqueles que todo o mundo criminaliza pero sen nós pouco podería facer, somos o futuro. E é moi fácil botarlle agora a culpa á xente nova que está sen vacinar e que evidentemente vai concentrar os positivos. Non somos os únicos que facemos as cousas mal. Persoalmente, non lle vexo moita diferencia a unha quedada entre amigos ás tres da mañá que a unha comida cos teus compañeiros de traballo ás tres da tarde. O virus non elixe e penso que se están pasando un pouco, e digo isto cunha máscara posta! (risas).

Ademais de facer toda a vosa música en galego, é un feito que destacades en diversas ocasións.

A: Vou parafrasear aí a un grande. Como dixo Castelao, xa que somos galegos é por obra e graza do idioma. E agora mesmo creo que a nosa lingua é a xuventude. Que nese sentido, tamén está demonizada no punto de que falar galego xa se relaciona falar en galego con que veñen os nacionalistas a facer o non sei que… o que queiras tío, eu sempre falei a miña lingua, que é lingua da miña terra e vouna falar sempre.

Creo que hai que tirar por ela porque se non, véxoa abocada á desaparición. Sería moi triste que algo que nos fai máis ricos como persoas deixara de existir. Somos persoas que se defenden en Sudamérica, Portugal, en países de Africa… Falar linguas soamente nos fai ser mellores. Temos que loitar por seguir sendo galegos que falan en galego, non galegos que falen castelán.

I:  A min sáeme á hora de escribir reivindicalo, pero tamén é un síntoma de que a lingua non está totalmente normalizada. Non imaxino a un rapeiro alemán reivindicando facer rap en alemán, será unha cousa normal para el. Entón, tamén creo que é importante facer música en galego sen máis, e que evidentemente se queres reivindicar, que se reivindique. Pero simplemente con facela, xa chega, porque iso apoia esa idea de normalidade. Aínda que tamén é certo que a situación non é normal.

Que me podedes dicir sobre o futuro de TIAM Gz? Tendes concertos pechados xa?

M: Pois a curto prazo aínda non sabemos. Todo vai depender de como evolucione a pandemia agora no verán, que sempre é cando máis datas podes sacar para concertos. Estamos un pouco á expectativa. A nivel musical, con moitísimas ganas de seguir facendo cousas, de seguir probando estilos e de colaborar con xente que nos aporte cousas porque iso sempre tende pontes. Pola nosa conta, seguiremos traballando para intentar atopar ese estilo que é non ter estilo co noso obxectivo de rap protesta en galego. Vai haber TIAM para rato!

Déixanos contarcho!
Mantente ao día das nosas novidades uníndote agora á nosa lista de suscriptores.