tricot combinan complexidade e emoción en ’10’

Release Date
21 Outubro, 2020
Xénero
Math-Rock
Discográfica
Cutting Edge
Our Score
8

A voz é sen lugar a dúbidas o elemento fundamental da maior parte da música popular, e o idioma das letras pode supoñer unha grande barreira de entrada de cara a descubir a música de novos artistas. Ademáis da nosa lingua, Galicia ten a sorte de estar familiarizada con toda a cultura lusa e hispana, ademáis da hexemonía anglosaxona, que non resulta estraña a ninguén.

Recentemente o enorme éxito do k-pop tamén nos está a achegar unha parte da música asiática, especialmente á xente nova, que parece non atopar ningún tipo de obstáculo á hora de disfrutar destas cancións escritas nun idioma tan diferente. Porén, a música deste continente vai moito máis alá do k-pop e segue a ser unha descoñecida para a gran maioría dos galegos. Por exemplo, as guitarras están moi vivas vivas en Asia. Se na música anglosaxona son moitas as bandas de rock, especialmente no panorama máis mainstream, que apostan por un son que semella gastado, repetitivo e rancio, en Asia este xénero non entende de nostalxia.

Artistas como as xaponesas Otoboke Beaver lanzaron un dos discos de punk máis frescos e divertidos da década con ‘Itekoma Hits’ (2019). A tamén xaponesa Haru Nemuri adentrouse no rap-rock cun son que non lembra nunca a Rage Against the Machine pero que por momentos é todavía máis visceral en discos como ‘Haru to Shura’ (2018). Pero un dos xéneros do rock con máis presencia no continente asiático é o math-rock, con bandas como a taiwanesa Elephant Gym, a chinesa Chinese Football, a coreana Tierpark ou a xaponesa Toe.

Pero as grandes protagonistas do math-rock asiático este ano son tricot. Este cuarteto liderado pola cantante e guitarrista Ikkyu Nakajima publicou xa dous discos no que vai de ano. O primeiro deles, ‘Makkuro’, saíu publicado a principios de ano, con doce pistas cargadas de enerxía, agresividade, ritmos complexos e estribillos infecciosos. Porén, ’10’, a continuación a este traballo coa que a banda conmemora o seu décimo aniversario semella todavía máis interesante, mantendo todos os elementos característicos do math-rock e incorporando melodías tan accesibles como as do mellor pop.

O disco abre con ‘おまえ’, unha peza frenética que comeza cun redoble da caixa da batería que prepara a descarga de enerxía que chegará co resto do tema. As letras en xaponés poderían dificultar o conectar coa música, pero tanto a riqueza instrumental como as interpretacións vocais deste traballo son capaces de transmitir unha enorme emoción, facendo de ’10′ un disco interesante e divertido en todo momento.

O xogo de pregunta e resposta melódico en ‘サマーナイトタウン’ dota dun enorme dinamismo a esta canción onde baixan algo as revolucións e as guitarras buscan unha sutil complexidade en lugar da descarga de enerxía do comezo do disco. En ‘WARP’ o baixo é o protagonismo absoluto, cun ritmo e un tono con aires de funk, nunha pista que mesmo conta cunha parte na que Ikkyu Nakajima rapea de maneira bastante algareira, máis preto da maneira de rapear de Halcali que da de Haru Nemuri. O baixo tamén destaca en ‘箱’, unha pista polirrítmica onde se entrelaza coas guitarras, as harmonías vocais e distintos instrumentos de percusión.

Un dos maiores éxitos deste traballo é a enorme variedade de sensacións que é capaz de evocar coa paleta sonora dun cuarteto de rock, como a delicadeza da voz de Nakajima en ‘炒飯’, da man dunha colorida e ambiental instrumentación, ou a potencia do riff de guitarra de ‘體’, a peza que pecha o disco e que progresivamente se vai convertendo nunha improvisación na que se percibe como cada membro da banda disfrutou durante a súa gravación, transmitindo esa idea de celebración que da nome ao traballo.

tricot non son a banda cunha técnica máis depurada do math–rock, pero probablemente si que son unha das agrupacións capaces de lograr unha maior conexión emocional co seu público dentro deste xénero, un logro que este ano conseguiron levar a cabo ao longo de dous discos diferentes.

8
Déixanos contarcho!
Mantente ao día das nosas novidades uníndote agora á nosa lista de suscriptores.