‘Ultra Mono’: O cabreo xeracional de Idles

Release Date
25 Setembro, 2020
Discográfica
Partisan Records
Xénero
Punk

A banda de punk británica Idles erixiuse en 2018 como unha das sorpresas da escena alternativa. Con temas como Danny Nedelko sobre a multiculturalidade, ou a interesante Colossus, na que o frontman Joe Talbot íspese emocionalmente derribando a súa fachada de masculinidade tóxica ante as expectativas do seu pai. Estas pertencen ao álbum Joy As An Act Of Resistance, un dos LP máis destacados dese ano.

Dous anos máis tarde e no medio dunha época convulsa, os ingleses lanzaron Ultra Mono, un disco que cautiva dende o primeiro segundo e que quizais non puido ter saído nun mellor momento para ser desfrutado por completo. E é que os temas que toca ao longo dos seus 43 minutos non poden ser máis actuais: a guerra, a loita de clases, a saúde mental, a violencia sexual… Todo empaquetadiño nun LP cheo de rabia e frustración no que a brillante interpretación de Joe Talbot é protagonista.

Ultra Mono comeza cunha labazada en toda a faciana. War é un himno antibélico que mestura un ritmo machacón e guitarras disonantes con Joe Talbot describindo os horrores da guerra a través de onomatopeas e gritos desgarradores. Unha declaración de intencións do ritmo frenético e implacable que definirá o resto do traballo da banda británica. Grounds pisa un pouco o pedal do freo, pero sen deixar de lado o ton agresivo no que é un canto á unidade. Mr. Motivator volve subir as revolucións coas que probablemente sexan as letras máis polémicas do álbum que nos instan a tomar acción e “perseguir aos idiotas” nomeando a persoeiros como o actual presidente dos Estados Unidos (Like Kathleen Hannah with bear claws grabbing Trump by the pussy).

O ton agresivo e frustrante deste terceiro traballo de Idles non fai máis que escalar dende ese punto. Anxiety toca o tema da saúde mental nunha pista chea de guitarras sufocantes e un final caótico, tras o que ven a calma da intro de Kill Them With Kindness, tocada a piano por Jamie Cullum. Pero este oasis de tranquilidade dura apenas uns segundos. Con Model Village, a medio camiño do álbum, chega o mellor tema deste LP. Nel, a banda británica fai burla dos ideais de vida das persoas máis reaccionarias e de clase alta, afastada por completo da realidade do mundo actual. Acompañado dun riff machacón e incluso bailable, Joe Talbot realiza unha das súas mellores interpretacións deste Ultra Mono. Non cabe dúbida de que esta será unha das cancións que máis moverán ao público cando se poidan volver a organizar concertos masivos.

A segunda parte do álbum continúa coa mesma intensidade. Ne Touche Pas Moi e Carcinogenic son dous himnos contra a violencia sexual e a precariedade da clase obreira, seguidos por Reigns, unha crítica ácida á monarquía –menos mal que non son españois– e The Lover, un alegato de rabia contra a cultura do odio e a cancelación. A Hymn aparece case ao final como o único medio tempo do largo no que Joe, como en Colossus, volve a espirse emocionalmente, esta vez para falar da súa depresión (I wanna be loved / Everybody does). O álbum remata nunha nota positiva con Danke, onde parece respostar con esperanza á canción que a precede (True love will find you in the end / You will find out just who was your friend).

Ultra Mono é un grito de rabia constante. Un golpe sobre a mesa dunha banda que leva anos sorprendendo ao mundo. Un conxunto de mensaxes tan crudos coma necesarios, sobre todo nesta época tan incerta. O punk todavía segue vivo e corre polas veas de Joe Talbot.

8
Déixanos contarcho!
Mantente ao día das nosas novidades uníndote agora á nosa lista de suscriptores.