Underclock: “O trap está morto”

Sempre quixemos moito a Underclock. Dende a primeira vez que escoitamos Lex:Exlex sabiamos que todo o que ía lanzar nos ía gustar. E falamos con el en 2018, e gustounos aínda máis. Daquelas, definímolo como un artista consciente co seu presente. Falando con el de novo, vemos que hai máis: é un artista, tamén, consciente do seu pasado.

Tras este proxecto está Ismael Fernández, un rapaz de Cangas que, segundo el mesmo, tiña moito que demostrarse na música. A nós, non moito. Pero sempre está ben lembrar o que che pareceu especial dun artista, e aí está Alas de Cristal para facer isto realidade. Falamos con Underclock pouco despois da saída do seu primeiro álbum. Falamos de música e de sentimentos. Falamos de arte.

Que sensacións che dan estes primeiros meses de vida do álbum?

Sei que non teño o maior público. Sei que non teño un nivel altísimo de reproducións nas plataformas. Sei que non me escoita un porcentaxe moi alto de xente. Pero, coa miña música, podo dicir que sempre quedei a gusto porque teño un moi bo feedback por parte da xente que me escoita. Estou moi orgulloso da música que fago.

Sempre tiven o sentimento de que na música tiña algo que demostrar. Sempre tiven un complexo e sempre vin que tiña que demostrar algo a través da miña música. Sacándoo libereime de toda esta carga. Agora, que sigo facendo música, a verdade é que me noto nun dos meus mellores momentos. É certo que xa sacara un EP, pero sacando o álbum quedeime tranquilo. Recibín moi bo feedback.

A verdade é que non me podo queixar da xente que teño ao meu redor porque sempre me deron moito cariño e eu intento comportarme sempre da mesma maneira cos demais. Incluso con vós, que me facedes unha entrevista. Sempre intento ser totalmente recíproco ou máis. Síntome moi agradecido. E comigo mesmo, tamén. Tiña que demostrar que non só era un chavalito perdido en Galicia cuxa música a maior parte da xente non entendía.

Nós sempre esperamos con moitas ganas o teu disco. Espero que non che sumaramos unha presión extra.

Non, non [risas]. A verdade é que non. Ademais, teño que ser honesto. O disco tíñao feito practicamente dende verán. O que sucedeu entre o tramo no que rematei o disco e o saquei foi moito máis porque teño unha carga moi grande sobre min laboral, por unha banda, e logo de encargarme da portada, fotos, estudar cando o quero sacar, como o quero sacar… E, de feito foi unha pena, porque aínda teño entre mans sacar un videoclip para o tema de Angel.exe, que é probable que saia, e teño entre mans sacar outro videoclip para o tema de Crystal Demon.

O videoclip de Angel.exe vouno facer xunto con Andrea Wod, e o outro vouno facer con Adán Cordeiro. Sei que o de Angel.exe está moi cerca de sácalo, pero como o facemos man a man, vai con moita calma. Sería en deseño 3D.

E o videoclip con Adán xa levábamos moito tempo estudando como o queríamos facer, facendo o guión, mirando que planes queríamos facer… Pero por culpa do COVID non puidemos remátalo. Pero confío en que pronto poidamos facelo.

Tiña que demostrar que non só era un chavalito perdido en Galicia cuxa música a maior parte da xente non entendía.

Underclock

A última vez que falamos contigo acababas de sacar Lex:Exlex. E comentárasme que o álbum íase chamar así, pero cambiou o nome. Canto cambiou o proxecto dende aquelas ata agora?

A verdade é que son un pouco mentireiro nese sentido [risas]. Penso que cambiei de título de disco como seis veces. Fácil. Agora meto este tema dentro, agora non… Engado un tema máis… Cambiou tantas veces que xa nin me lembro. É un pouco como unha obra de artesanía. Ir pouco a pouco, facéndoo… E que ao final quedes contento co que sacas. Non entendo a música sen pensala moito.

E si que lembro que en 2018 pensaba en sacar un pequeno EP de tres temas. Logo, facendo temas, ao final ves que non é algo aleatorio. Reúnes unha serie de temas cun concepto porque os ves relacionados entre eles. Por iso ao final cambia o título, o título dalgúns temas…

Adiantaches dende aquelas Paula, Lilith, Sangre e Doggg666. Sempre ían ser parte do álbum?

Si. Menos Lilith, que foi un tema que xurdiu porque un rapaz, Pablo Aguilar, falou comigo para facer un tema que funcionase como banda sonora dunha curtametraxe que el ía sacar como TFG, chamado Toda Aspereza. A medida que o ía facendo, porque me dera toda a liberdade do mundo, e nos entendimos moi ben, vin que casaba moi ben co resto do disco.

Doggg666 foi o último tema que fixen do disco porque todos os demais xa os tiña medio empezados, ou sen acabar. Xurdiu no Nadal de 2019 e quixen introducir a mensaxe que transmitía no disco.

Tanto a nivel de deseño como a nivel melódico, Paula soa diferente ao resto. Ten unha emotividade diferente ao resto. Como o encaixaches no álbum?

A verdade é que non sei como explicalo ben. Por temas persoais, Paula representa moitísimo para min na miña vida e na miña música. Ao final, saquei un tema e lle puxen o seu nome porque está relacionada co concepto que traballo no disco. Aínda que cada persoa teña os seus demos internos, existen anxos gardiáns que poden protexerte deles.

Con ela, sinto que me podo sentir totalmente cómodo e seguro. É unha protectora. Un anxo. Fóra de aí pode ir todo mal, e nese lugar que teño íntimo podo estar tranquilo. Non deixa de ser unha historia de coidados emocionais, que é unha das cousas máis importantes nas que podemos aferrarnos na actualidade.

Paula e Lilith teñen moitas similitudes melódicas. É casual ou buscado?

A verdade é que non cho podo asegurar. As similitudes na tonalidade dos dous temas foi totalmente inconsciente. Pero si que, ao final, cando toco co teclado sei o que funciona en que tema e que non, dependendo do que quero transmitir.

Igual non é tanto a tonalidade coma o tipo de son que usei en ambos temas, que se parecen un pouco. É un son estridente, pero ao mesmo tempo moi emotivo, que queda suspendido no aire. 

O teu álbum ten unha liña conceptual clara. Como traballaches nisto?

Si que ten un concepto moi claro, pero non o chamaría álbum conceptual. Tamén porque teño un pouco de prexuízo cara esa categoría. Sinto que me aparta un pouco de facer música que podería ser escoitada en calquera ambiente. Con todo, sei que cada tema ten unha mensaxe que quero transmitir e que en global funciona cun concepto común detrás.

Normalmente, non fago música pensando en contar algo. Máis ben a historia cóntoa despois, respecto ao tema que fago. Sempre quero transmitir algo, pero non busco un concepto en si mesmo como obxetivo, aínda que é certo que a nivel persoal e como artista lle dou moitísima importancia.

Son moi sensible de cara a miña música. Non entendo facer a miña música sen constantemente reflexionar como é a miña vida e como me sinto no día a día. Non é contar unha historia, pero si é un reflexo do que son e do que represento para os que me rodean. E sempre intento chegar un pouco máis alá. A xente que me escoite, haberá algunha que se quede soamente coa música e outra que a escoite coa mesma sensibilidade que teño eu pola miña música e perciba o mesmo que quero transmitir.

Colaboras con Ghaaro no apartado máis visual do álbum. Ata que punto é importante o apartado gráfico para ti?

Sempre lle din moita importancia. A idea principal de facer unha cruz cunha serpe envolta nela foi unha idea que lle din a Ghaaro. A colaboración con el foi unha idea que xurdiu porque me encanta o seu traballo, e como xa traballaramos xuntos para a portada de Lilith sentíame moi cómodo con el.

Isto é algo que sempre busco cando traballo para miña música, e en xeral en calquera cousa de ámbito artístico. Se non estou cómodo, sinto que non traballo ben. O traballo de Ghaaro aquí é importante. Paréceme unha figura bastante salientable do deseño gráfico en España.

Ademais, a raíz de facer eu as miñas portadas, púxenme moito máis ao día dos movementos de deseño gráfico que se estaban a levar. Busquei facer algo que non só funcionase, senón tamén que fose algo novo.

Considero que igual a portada peca entre comiñas de ser simple en comparación coas últimas portadas que se ven a día de hoxe na música que eu sigo. Pero eu quixen deixalo simple para que, sobre todo, tivese máis importancia o logo que me fixo Ghaaro, que queda como un logo de artista para mín, e porque cando falei con el quixen escapar totalmente dese reloxo de area que usaba eu antes. Quería escapar totalmente diso.

Igual, tamén, polo de sempre. Un pouco ese complexo que teño coa miña música é que quero rachar con todo o que fixen antes. É algo que xa vos comentara en 2018, falando do EP de 2016.

E logo, supoño que se entende, pero a figura principal que aparece no medio serían unhas ás de cristal que é un pouco un xogo que, usando o estilo que ten Ghaaro de facer os seus deseños, busquei poñer unhas ás que poden ser un tanto agresivas, ou abstractas. Que a primeira vista non fosen totalmente perfectas. Tamén por seguir un pouco co estilo no que estou máis posto ultimamente, que é o trance e a música dos 2000. As ás de cristal, que alguén o dixo no seu momento, tamén teñen un roio tribal.

Fai unhas semanas líamos nas túas redes sociais liñas ao redor da túa decisión de continuar o que estabas a estudar, enxeñaría, no canto de lanzarte á musica totalmente. Sería a profesionalización unha desas ás de cristal que se rompen cando intentamos voar?

Si. Xusto. Realmente é iso. As ás de cristal é un pouco xogar tamén co concepto que xa temos escoitado moitas veces do teito de cristal. Un pouco tamén o querer alcanzar os ceos, querer conquistalos, e conseguir unha transformación social pola que todos poidamos vivir comodamente. En condicións igualitarias. Intentar alcanzar algo que o sistema che está impedindo. Ao que non podes acceder. E non che toca outra: rómpense as ás de cristal e caes totalmente no inferno.

Agora que falas do inferno, destaca canto falas de Deus tamén. Crenza ou recurso literario?

Un recurso literario totalmente. Deus é a burguesía. O sistema. O capitalismo. Un conxunto de factores que fan que se nos rachen as nosas ás de cristal.

Por como o expresas, dá a impresión de que, fagamos o que fagamos, non existe ningún tipo de salvación. Temos que esperar que Deus se apiade de nós.

Pero tamén digo que o queimemos todo e que sobre as cinzas creemos algo novo. Non creo, e espero que para ninguén, que isto funcione como unha mensaxe derrotista. Porque para nada o é. Aínda queda moito por loitar e moito que traballar e construír. De feito, a ese Deus non nos queda máis remedio que matalo.

En relación a Doggg666, comentáchesnos no pasado algo moi interesante: “Para ser un oportunista, debes ter algunha oportunidade na música”.

Leva máis detrás, pero penso que se explica por si soa ao final. Foi tamén unha reacción de que naqueles días estaba vendo constantemente críticas a artistas que se sumaban ao tema do COVID para intentar rascar algunha atención dos medios de comunicación.

Pero para rascar algo nos medios de comunicación, os medios de comunicación teñen que interesarse primeiro por ti. E se non tes sequera esa oportunidade, non podes aproveitarte de ter atención porque a túa mensaxe non funciona para os medios de comunicación. Non se van facer eco do que ti queiras contar.

Tanto a nivel galego como estatal, existen oportunidades na música?

A nivel estatal, as oportunidades están moi baixas. De feito, xa temos visto como outros artistas falaban do tema de que constantemente nos festivais que se celebran neste Estado acudían a artistas de fóra do territorio, sen darlles unha oportunidade aos que creaban aquí.

Para rascar algo nos medios de comunicación, os medios de comunicación teñen que interesarse primeiro por ti.

Underclock

E iso, levado a Galicia, é aínda moitas veces máis sanguinario. Non é algo exclusivo dun xénero, ou dun estilo de música. É algo ao que os artistas de aquí se teñen que enfrontar.

Está o mainstream, onde creo que algún tamén terá dificultades para vivir da música, e logo estamos todos os demais tratando de vivir de maneira paralela á música. E aínda así vale a pena facer música, porque se non estiveramos nós, os do mainstream non poderían copiar e influenciarse do que facemos. A música de vangarda ás veces está para empuxar os límites establecidos e que outros por detrás poidan aproveitar ese campo que se abriu.

 Cara onde vai o mainstream e cara onde a vangarda?

Eu penso que a música mainstream está chegando ao final dun ciclo, e creo que a pandemia está a acelerar isto. Non hai máis que presenciar que cada vez escoitamos menos música que soe nova, ou fresca. Que traia outros ventos. De feito, considero que o trap está morto. O drill é o estilo que está dando un pouco de pulmón ao que está quedando, pero penso que está a morrer totalmente.

Cando escoitamos algo novo, de feito, é que os artistas están recuperando algo que se fixo fai dez, ou vinte anos antes. Ou traendo ideas conservadores, como pode ser o españolismo, para intentar continuar a liña actual. Ao fin e ao cabo é o que pasa normalmente. Algo morre e ten que vir algo novo detrás que volva a revolucionar algo.

É algo que sempre me puxen un pouco a min como liña que non cruzar. Eu estoume a influenciar moito polo eurodance, ou o trance, pero sempre intentando non volver facer o que xa se fixo. Porque iso non tería sentido. Cando moitos artistas sacan algo que soa minimamente novo, o usual é que estean a recuperar elementos que se usaron quince anos atrás. Por exemplo, un artista de trap meténdose a facer o rock máis mediocre que se podería escoitar. 

Non teño nada en contra de que se recuperen elementos do pasado sempre e cando o que se faga non me evoque o que xa se viviu. Pero nisto tamén xoga un papel moi importante que a nosa xeración non pasou polas mesmas experiencias que as anteriores. Por iso, igual, ultimamente vemos cousas como que volve Avril Lavigne, ou 30 Seconds to Mars, ou My Chemical Romance.

Déixanos contarcho!
Mantente ao día das nosas novidades uníndote agora á nosa lista de suscriptores.