Verto fan que volver escoitar ‘Embora’ sexa inevitable

Release Date
9 Abril, 2021
Discográfica
Autoeditado
Xénero
Pop, Funk

Hai pouco máis dun ano, publicabamos unhas liñas sobre Verto. Sobre aquel Puro Ocio que serviu como carta de presentación dun deses grupos que estaban a soar forte polo noso país. Daba igual onde. Redes sociais, Youtube, a televisión. Alí estaban. Alí soaba Oie Gayego. Así soaba unha retranca chea de ritmo que prometía, nun futuro, moito máis.

E continuaron adiante. O seu son non deixaría de evolucionar. Alá por xuño de 2020, mes de saída daquel Pegadiño a ti, as lembranzas aos seus primeiros temas non eran máis que ecos do que fora o seu son anterior. Asentaban o camiño para algo diferente. Un son que se mergullaba noutras correntes musicais e que, chegados ao venres pasado, se concretaría en Embora.

E, a dicir verdade, á saída de Todo o que che din non era moi optimista. Non me chegaba. E pasoume o mesmo con Como son Goku. Era algo que xa vira. Que xa escoitara ata a saciedade noutros momentos vitais que xa me quedaban moi afastados. Algo dentro de min pensaba que Embora ía decepcionarme e non sabía como detelo.

O primeiro sorprendido, pois, fun eu. Porque Embora non precisaba inventar nada para funcionar. Porque é un álbum resultado do que foi antes, e conquista no seu presente. E o resultado é un álbum ás veces triste, outras divertido. Pero sempre conectado, honesto e entretido. Sempre.

Dende esa Intro, a viaxe que se nos ofrece non nos vai dar un segundo de descanso. En todo momento, case ata o final do álbum, os nosos pés non deixarán de bailar evocando sentimentos que vemos afastados nunha realidade que nos obriga a quedarnos nas nosas casas. Verto desafían o estado de alarma. Discuten os toques de queda. Saben que algo dentro de nós e que xa dabamos por esquecido quere ver a luz. Os ritmos dos temas sincronízanse cos latexos dos nosos corazóns cunha naturalidade que asusta.

Dita continuidade é o éxito principal deste Embora. Porque aqueles sinxelos que non me remataban de convencer ven coma o corpo que se constrúe tema a tema é tan envolvente que calquera dúbida desaparece. Porque todo casa. Ao chegar a ese Interludio entre Todo o que che din e Como son Goku, a sensación é que os tres temas foron concibidos como unha soa canción longa que foi separada despois. Cada un deles consegue que o anterior resulte necesario. Cada baile que producen é parte dunha cadea que de maneira indirecta se nos anunciaba a gritos con aqueles Don’t stop, I love it, I love it que daban comezo ao álbum. Parar este álbum? Por que? Non ten sentido.

Esa conexión que se crea dun tema a outro provoca que resulte un auténtico reto non querer escoitar o álbum de novo. Recrear os momentos favoritos dun disco que a simple vista semella sinxelo pero que crece a cada nota é case unha obriga. E, grazas a isto, e véndote a ti mesmo escoitar unha e outra vez esa canción de corenta e seis minutos, poñer e desfrutar unha das catorce cancións reais por separado é tan sinxelo como cantar o retrouso da túa canción favorita.

Todo isto é algo que non foran capaces de conseguir en Puro Ocio. Pero, tendo en conta que daquel debut ata este novo disco hai pouco máis dun ano, o resultado é máis sorprendente. Os Verto fixeron un traballo titánico para atopar un son no que semellan máis cómodos que nunca, sen afastarse do son que lles comezou a definir. E, igual que fai un ano, Verto continúan a ser un grupo actual cun son actual.

A evocación aos oitenta que se pode facer é unha etiqueta sinxela nun álbum no que conviven sons que evocan aos Bee Gees, Franco Battiato , Prince ou Stevie Wonder, pero que carecería de sentido sen esas influencias do hip hop ou o disco máis actuais. Porque non, este disco non existiría tampouco sen o que Drake ou Daft Punk asentaron como bases poucos anos atrás. O éxito dos Vertos radica en coller todas estas influencias, pasadas e presentes, conscientes ou non, e apropiarse delas atopando un punto propio do que xurdir. Un punto presente, que casa coa actualidade das súas letras.

Embora está feito para bailalo. Para, chegados ao seu tramo final, descansar. Para escoitalo ao completo. E, unha vez remates, volver a empezar. E volver a bailalo. Unha e outra vez. Os Verto dan un paso adiante cun son máis traballado que no seu debut, e cunha idea clara que son capaces de levar á práctica cun tino envexable.

8
Déixanos contarcho!
Mantente ao día das nosas novidades uníndote agora á nosa lista de suscriptores.