Gonzalo Cases / Pequeño Salto Mortal

Vetusta Morla firman un punto sen retorno

Sería demasiado atrevido dicir que Vetusta Morla é o grupo español de rock máis relevante da última década? Gustan moito, e tamén desgustan moito. Adoito acúsaselles de pretenciosos, de ser demasiado crípticos e de non dicir nada en realidade. Pero o que non se pode negar é a audacia dos seus logros. Sen Vetusta Morla, probablemente o indie nunca tivera saído dos pequenos e reconfortantes estudios de Radio 3 para espallarse por todo o espectro radiofónico; e con el, a un público moito máis amplo. Os de Tres Cantos alzaron a música independente a un nivel xamais acadado en España.

Non é en van, porque Vetusta Morla ten un dos mellores directos do Estado. Levan amosándoo durante 12 anos, desde aquel xa mítico concerto en 2008 nunha pequena praza de Aranda de Duero dentro do Marco do Sonorama Ribera; ao ano seguinte xa eran un dos cabezas de cartel do festival. Logo viñeron tres exhaustivas xiras con inéditas enchentas en calquera abarrotado recinto que se lles poña por diante -incluso en cinco noites consecutivas-, de constante renovación escénica e de evolución das cancións, sempre en construción.  

Chega 2020 e a banda madrileña decide ir un paso máis alá. Tras case dous anos xirando co seu último disco, Mismo Sitio Distinto Lugar (2017), anuncian MSDL-Canciones dentro de canciones, un “novo exercicio artístico” que repensará os temas desde un “prisma diferente”, acompañado dunha nova xira que “arroupará as novas vidas das cancións”. A primeira cita sería na Coruña o 29 de febreiro, e pouco tardaron en voar as entradas, provocando que abrisen unha segunda data para o día anterior. Os segundos da historia en facer un dobrete no Coliseum da Coruña, despois de Joaquín Sabina.

Gloria NM / Pequeño Salto Mortal

21.50 horas do sábado 29, a xente agólpase ás portas do Coliseum. O persoal do recinto diríxeos aos seus asentos, pois desta vez todos teremos que ver a Vetusta sentados, incluso en pista. A megafonía anuncia que o concerto está a piques de comezar: “Requirimos da colaboración do público, polo que pregamos que se manteñan nos seus asentos durante toda a sesión. Este espectáculo fará uso de luces estroboscópicas e láser.”

Apáganse as luces e acéndense os focos, alumeando tenuemente un escenario no que, confinados nunha gaiola de cordeis brancos, pódense albiscar as siluetas dos membros da banda. Unha guitarra acústica toca os primeiros acordes da nova versión, aínda inédita, de Mismo Sitio, Distinto Lugar, último corte do disco homónimo. Pucho canta a letra con voz pausada e, ao remate, todo é calma, incluso os ordenados aplausos continxentes dunha emoción case pulsional. A megafonía pediunos tranquilidade, así que imos estar tranquilos.

Engaiolados dentro dos sedais, dan a primeira sorpresa. A xira xa anunciaba un re-arranxo das cancións do último álbum, pero non eran de esperar novas versións das cancións de sempre. Cando comeza a soar Rey Sol -tema de Un Día En El Mundo (2008)-, as bágoas comezan a brotar dos meus ollos. Estaba a escoitar coma se fose a primeira vez algo que levaba 10 anos escoitando en bucle ininterrompido. Ao son dun canon a tres voces que reza “rey de corona rota préstame un vilo de luz…”, entrevense entre os cordeis dúas figuras alleas á banda, movendo dous espellos que reflicten a luz dos focos por todo o recinto.

Continúa a calma contida, incluso con Fuego; aínda non nos atrevemos a cantar. Mais cara os últimos versos, Pucho saca a man co micrófono da gaiola e concédenolo por fin. Sae da rede e deixa aos demais dentro, autoproclamándose mestre de cerimonias: “Esta noite, imos converter o Coliseum de Coruña no Teatro Coliseum de Coruña”.  Pídenos que fiquemos sentados, pois o propósito desta nova xira non é outro que colocar á banda nun segundo plano e facer protagonistas ás cancións. “Nestes tempos, estase perdendo o costume de escoitar. Escoitemos as letras, entendamos as cancións”.

A gaiola ábrese pouco a pouco, descubrindo unha estrutura de catro redes que estratifica aos membros da banda. Algunhas novas e vellas cancións -pero todas renovadas-, de Mapas (2011), La Deriva (2014) e MSDL (2017), sucédense impresionando ao público unha tras outra. A nova tesitura sonora desvela a uns Vetusta nunca antes escoitados: as guitarras perden peso, e os teclados e o MIDI toman as rendas. O xogo de iluminación é case hipnótico, con luces estroboscópicas que xiran arredor de todo o lugar e láseres que se erguen por riba das cabezas da pista, apuntando directamente aos tendidos.

Gonzalo Cases / Pequeño Salto Mortal

Álzanse voces de sorpresa cando Guille Galván empeza a tocar o arpexio da intro de Los Buenos -canción sen versión de estudio que levaban sen tocar en directo, salvo eventos especiais, desde 2015-. O desconcerto apúntase aínda máis cando Pucho comeza cantando a primeira estrofa de Valiente. Pero todo volve cedo á súa normalidade nun tema que non precisa renovacións, pois escoitalo en vivo xa é agasallo suficiente, e os seis rematan sentados no escenario cun Coliseum entoando con eles ao unísono.

Xa pasado o ecuador da sesión, o ambiente estaba en punto de ebullición, e a cada canción facíase máis complicado permanecer no asento. A nova versión de 23 de Junio brindou o maior espectáculo da noite. Xa pouco quedaba do ritmo de vals orixinal, pero Pucho e os dous figurantes que o acompañaron e axudaron coa representación escénica durante toda a sesión bailárono como tal de inicio a fin. Con Baldosas Amarillas, convidaron a todos os alí presentes a facer un apoteótico coro dual. De La Marea, esquecida nos setlists xa había moitos anos, descartaron toda pretensión orixinaria, transformándoa nun auténtico himno de garage rock.

Tras Mapas, canción que sempre supuxo un despregamento espectacular para a banda, intentaron facernos crer que todo rematara. Pero o público non e parvo e, ben coñecido de Vetusta Morla, sabía que non ían desbotar agora o seu vello costume do bis longo, por moi demodé que se estea facendo agora. Ninguén se moveu do seu sitio, e pouco tardaron Guille e Pucho en volver ao escenario para tocar un acústico de Profetas de la Mañana.

Tras un longuísimo agradecemento a todo o equipo técnico que fixo posible a posta en escena, a banda volveu ao completo para poñer punto e final á actuación. Con Valiente -á que non lle faltou a simbiose recíproca de Los Buenos– o auditorio non puido resistirse máis: en pista e palcos, todos comezamos a saltar e a bailar á “voz do apuntador”. Agora si, era hora de que caesen as redes, e non había mellor guinda que Punto Sin Retorno. Comezando como unha doce nana, percusión e guitarras rebentan como un vendaval artellado con miles de flashes de móbiles e frenéticos láseres. A ovación, de varios minutos, inundou o Coliseum.

Vetusta Morla deixouse no caixón moitos dos seus temas imprescindibles, e fixeron ben. Non había mellor ocasión para deixar os clásicos do directo impolutos –Los Días Raros, Cuarteles de Invierno, Sálvese Quién Pueda, etc.- e agasallarnos cunha ollada nova ao seu repertorio. A xira Canciones Dentro de Canciones supón un punto de inflexión na súa traxectoria: un paso máis adiante cara a madurez e cara a reflexión sobre a música e o espectáculo artístico que envolve esta. É un punto sen retorno, e dixérono claramente no último verso pronunciado: xa cruzaron un novo umbral, e sen fuel para regresar.

Déixanos contarcho!
Mantente ao día das nosas novidades uníndote agora á nosa lista de suscriptores.