Xurxo Fernandes achega outra reviravolta ás raíces en ‘Levaino!’

A exploración dos nos sons non é nada novo. Leva sendo un proceso continuo, cun percorrido enorme e con vertentes tan dispares como interesantes. Os nomes e correntes son tan dispares que se pode asociar o termo de música galega con Luar na Lubre, Mercedes Peón, Carlos Núñez, as Tanxugueiras, Milladoiro, Baiuca ou Ana Kiro. Un longo etcétera no que sempre se suma. Sempre se engade algo. Sempre se descobre unha pequena re-exploración que se escusa nas nosas raíces para crear algo novo. Algo inmenso.

A maneira máis socorrida e útil é moitas veces, simplemente, escoitar. Mergullarse no popular. Nas verbenas. Nas festas. Recoller aquelo que, moitas veces, soamente se atopa na transmisión oral. Non deixar que se perda. Que non caia nun esquecemento que non merece.

Xurxo Fernandes é parte desa exploración. Dende fai moito tempo. Radio Cos é o mellor currículo que precisa. Leva tantos, e tantos anos explorando as raíces da música galega que un álbum seu é, sen dúbida, unha boísima nova. E así, Levaino! chega ante a ilusión.

En Levaino!, a música oral é a protagonista total. Non só a galega, senón moita máis. As recollidas de Xurxo Fernandes van Coristanco ou Tordoia, si, pero tamén pasan por Turquía, Bulgaria ou Grecia. E, unha vez xuntas, buscan puntos en común.

E hainos. Por suposto que os hai. E se non os hai de primeiras, atópanse. As pezas funcionan de maneira orgánica, mantendo sempre unha liña común na que custa diferenciar que ven dun lugar e que doutro. O éxito está, pois, en que esa conexión de ideas a primeiras tan dispares conseguen unha fusión concreta e próxima. Tan natural como a súa recollida. Todo rodeado de suaves liñas dun baixo que serve como fío condutor dunha historia a outra.

A progresión existente en Arrieiro do Paraíso, así como os ritmos de Ergue a xouba e a propia Levaino! que da título ao álbum, e supón unha culminación das ideas que se recollen ao longo do disco, son os puntos máis acertados do álbum.

E é que, se ben esa Levaino! consegue destacar por méritos propios, moitas outras non teñen ese éxito. Ao longo do álbum sentiremos repeticións rítmicas, e se ben se ve que existe un esforzo e unha documentación impecables, chegar ata os puntos destacados pode custar. Porque nos temas non escollidos, a escoita é reiterativa. E nesa repetición, esquece a sorpresa. Atopa un punto cómodo no que situarse. Falta esa maxia que aparece nos momentos cume. E deixa un sabor amargo que algo na teoría tan interesante na práctica non consiga destacar.

A exploración, con todo, é benvida. Como xa se dixo, o esforzo é agradecido. Os momentos destacados fano por méritos propios e son capaces de crear sensacións marabillosas. Pero falta fondo. A mestura de culturas remata nunha loita na que ningún son consegue sobrepoñerse. E se ben resulta orgánico, non chega consigo o paso adiante que o conxunto precisaría.

Xurxo Fernandes atrae en Levaino! diferentes vertentes da tradición oral e busca puntos e común. Ás veces de maneiras interesantes, e outras decepcionado. Un álbum moi ben organizado, ao que agradecerlle o esforzo, pero que tamén deixa con ganas de máis.

5.6
Déixanos contarcho!
Mantente ao día das nosas novidades uníndote agora á nosa lista de suscriptores.