Onte presentouse oficialmente a serie 3Camiños, a primeira serie transmedia e internacional sobre o Camiño de Santiago. A produción da serie, encabezada pola empresa compostelá Ficción Producións coa colaboración de Amazon Prime e da produtora alemá Beta Films -entre outros moitos grupos internacionais- conta cun financiamento da Xunta de 1’5 millóns de euros, co fin de promocionar o Camiño e o vindeiro Ano Xacobeo 2021.
A ficción estará dirixida polo cineasta ourensán Norberto López Amado, e rodarase en tres países e cinco continentes. Narrará a experiencia de cinco mozos de diferentes países en tres Anos Santos -2000, 2006 e 2021-, nos que compartirán a experiencia de realizar o Camiño Francés, desde Roncesvalles ata Muxía.
O máis interesante do formato será que, ademais de distribuírse internacionalmente por Amazon Prime a finais deste ano, virá acompañada dunha campaña transmedia a cargo da axencia creativa Fluor Lifestyle. Ademais, a banda sonora, composta por Manu Riveiro -integrante de Milladoiro, será interpretada por varios músicos recoñecidos, entre os que se atopan Iván Ferreiro e Anni B Sweet.