‘A illa das mentiras’, mellor produción galega no OUFF

A illa das mentiras, o novo filme da galega Paula Cons fíxose co premio Xacobeo do Ourense Film Festival (OUFF), que recoñece á mellor produción galega do festival. A illa das mentiras é un thriller histórico ambientado ao redor da Illa de Sálvora, contando o naufraxio do barco Santa Isabel, que transportaba emigrantes cara Bos Aires en 1921. Está baseada en feitos reais dun xeito libre e supón a primeira incursión na ficción de Paula Cons tras o seu paso polo documental con A Batalla Descoñecida.

Estreada nas atípicas circunstancias causadas pola pandemia do coronavirus, A illa das mentiras acadou un notable éxito, converténdose na película máis vista da plataforma Filmin soamente tres días despois da súa estrea, por diante de películas e series como O Colapso, Fresh and Blood, Os Durrell e A Ruta dos Cartos. Ademáis, A illa das mentiras pasou por festivais galegos como o de Cans, así como internacionais, como é o caso do de Shanghai.

O OUFF celebra estes días o seu 25 aniversario. A cidade acollerá ata o 3 de outubro preto de 90 proxeccións en espazos tan destacados como o Teatro Principal, o Auditorio, o Cineclube Padre Feijóo e as salas de cine do Pontevella. Este ano o festival de cine de Ourense mantivo a sección Fas Muvis de rodaxes exprés na cidade e entregou o Premio OUFF Televisión á serie de comedia A que se aveciña.

Déixanos contarcho!
Mantente ao día das nosas novidades uníndote agora á nosa lista de suscriptores.