A Mostra Internacional de Cinema Etnográfico combinará actividades en liña con presenciais

O festival celebrarase en Compostela entre o 25 e o 29 de agosto

A 15ª edición da Mostra Internacional de Cinema Etnográfico – Museo do Pobo Galego, que terá lugar do 25 ao 29 de agosto na cidade de Compostela, presentou onte o seu programa. Por mor da nova situación sanitaria, a MICE presenta este ano un “formato de difusión online e presencial en diferentes puntos da cidade, na que o público asistente estará nun entorno seguro, con protocolos de seguridade e prazas reducidas”, apuntou Jacobo Sutil, director de AGADIC.

A MICE recolle quince filmes a concurso coproducidos por dezaseis nacionalidades diferentes e nos que as obras de procedencia europea e asiática teñen especial relevancia. A selección ofrece un panorama completo de traballos audiovisuais feitos no campo da etnografía e a antropoloxía visual dos últimos dous anos. 

Algunhas destas películas chegan á MICE co respaldo de ter pasado por prestixiosos festivais como o Doclisboa (caso de Terrade Hiroatsu Suzuki e Rossana Torres), o Tribeca’s Contemporary Art Fair (o filme 11,565 Kilometres Projectde Beichen Zhang) ou Cinéma du Réel (Hamadado director galego Eloy Domínguez Serén). Dez dos quince filmes veranse por primeira vez en España e un terá nesta 15ª edición a súa estrea galega. 

Ana Estévez, directora da MICE, apuntou tamén que nesta edición de 2020, a mostra recibiu máis de 1.300 inscricións, das cales se fixo unha selección moi rica que trata temas sociais, culturais e persoais desde perspectivas distintas, que van dende o documental autoetnográfico (Au printemps tu verras), o traballo con material de arquivo (Research/Souvenir (Dialogues) ou a inserción da cineasta na comunidade (Quartier Nomade). 

A MICE combinará proxeccións en liña dos filmes internacionais cos pases presenciais dos filmes galegos a concurso na Sección Oficial. Nesta edición, a creación audiovisual galega está composta por Eu tamén necesito amar de Antonio Caeiro, a xa mencionada Hamada, de Eloy Domínguez e as curtas En la boca de la mina de Brandán Cerviño e Dende que chegou a luz de Santiago Teijelo. 

Unha presenza galega que se estende ao resto da programación fóra da competición na sección Cinema Bonaval coa estrea en Galicia de Xoves de comadres de Noemi Chantada, logo do seu pase polo Festival de Málaga, ou a primicia do documental Dorothé na Vila, de Alejandro Gándara e Olaia Tubío, o xoves 27 ás 22h00 da noite. Unha película que segue os pasos, corenta anos despois, da musicóloga suíza Dorothé Schubarth na súa viaxe por Galicia a finais dos 70 para atopar as voces que recolleu e descubrir as súas historias de vida. 

A programación non competitiva recupera, na medida do posible, as liñas temáticas que ían centrar as seccións Trazas e Impropias, adiadas ao 2021: a oralidade e a memoria histórica e das mulleres. Nestas proxeccións, agrupadas no Parque Bonaval, pasaranse Las Cinéphilasda arxentina María Álvarez, documental premiado no OUFF de 2017; De monstruos y faldas, da realizadora e docente Carolina Astudillo; ou Santa Baia de Montes, a primeira curta da ourensá Sabela Souto. 

A directora Ana Estévez recalcou “o carácter gratuíto das proxeccións e o reparto da programación en diferentes espazos”. As entradas para as sesións de NUMAX xa poden retirarse na súa billeteira. As sesións do Museo do Pobo Galego e do Cinema Bonaval poderán retirarse online a través da aplicación Vivetix. 

As actividades audiovisuais de MICE Petís, unha visita guiada á exposición ‘As pequenas cousas’ e un concerto pechan a programación da mostra

O público familiar e infantil de 7 anos en diante poderá acudir á programación presencial nas mañás do mércores 26 e xoves 27 de agosto o Museo do Pobo Galego. A sección MICE Petís ofrecerá unha sesión de catro curtas para o público máis novo seleccionadas por Marcos Nine (realizador e director artístico do festival Cinema Crianza). Tamén haberá programación en liña a través da canle de Youtube e a oportunidade de realizar un obradoiro de xoguetes ópticos e zoótropos no Vimeo do Museo do Pobo Galego coa asociación Espacio Rojo. 

Na mañá do sábado 29 de agosto ás 11h00 realizarase unha visita guiada á exposición temporal ‘As Pequenas Cousas’ da man dun dos seus comisarios Jorge Moreno Andrés. Esta edición da MICE trouxo por primeira vez a Galicia esta mostra, iniciativa de Mapas de Memoria, recolle documentos, cartas e obxectos de persoas que foron perseguidas e represaliadas polo franquismo. A exposición, que estará aberta ao público ata o 20 de setembro, trata a memoria histórica pensada e construída dende a antropoloxía visual.

O sábado tamén terá lugar a actuación de Richi Casás no Claustro do Museo do Pobo Galego como peche á entrega de premios da MICE. A súa música conecta as raíces do tradición galega coas do jazz e está moi vencellada ás gravacións que a musicóloga Dorothé Schubarth fixo na súa Cerceda natal. Para esta sesión vermú, Casás vén cun formato reducido e íntimo acompañado da guitarra de Fran G. Galán. O concerto será de aforo limitado previa retirada de entrada. 

Déixanos contarcho!
Mantente ao día das nosas novidades uníndote agora á nosa lista de suscriptores.