A Plataforma de Afectadas polo Centro Coreográfico Galego traslada as súas peticións á AGADIC

A Plataforma fai fincapé na necesidade de que a AGADIC tome medidas firmes e reais en prol da danza.

A Plataforma de Afectadas polo Centro Coreográfico Galego (PACCG) reuniuse o pasado martes 18 de febreiro ás 10:00 horas nunha reunión convocada pola AGADIC coa excusa de “elaborar un plan de danza en Galicia”. Ante este feito, a PACCG denunciou na mesma a discrecionalidade coa que a reunión foi convocada, pois contouse coa presenza dalgúns axentes do sector de danza escollidos pola propia AGADIC e deixando de lado a compañías, colectivos e festivais que solicitaran a súa presencia na reunión.

A Plataforma fixo fincapé na necesidade de que a AGADIC dea pasos adiantes e tome medidas firmes e reais en prol da danza, máis alá de expresións voluntaristas e oportunidades políticas. As reivindicacións concretas transmitidas pola PACCG son as seguintes:

  • A apertura da “Mesa de danza” á pluralidade diversa de axentes implicadas na vida cultural no ámbito de danza e das artes do movemento en Galicia mediante un procedemento regrado de convocatoria pública no que se prevean as necesarias e esixibles garantías de participación individual, presencial, delegada ou telemática así como as medidas de resposta, control e avaliación que foran necesarias para o efecto cumprimento da lexislación vixente en materia de participación, transparencia e bo goberno.
  • A renuncia da AGADIC á fusión do actual Departamento de produción coreográfica nun “Departamento de Música e Danza” de nova creación previsto no proxecto de Decreto polo que se modifica parcialmente o Decreto 150/2012 de 12 de xullo polo que se aproba o Estatuto de Axencia Galega das Industrias Culturais ao que esta plataforma presentou en forma de prazo “Suxestión á normativa en tramitación” o pasado 12 de decembro de 2019.
  • O mantemento da autonomía do Centro Coregoráfico Galego (CCG) como centro institucional de referencia para a comunidade de danza e das artes do movemento en diálogo con outros centros análogos nacionais e internacionais para o que se considera indispensable: i) a convocatoria dun proceso de selección para a provisión do posto de dirección do CCG ii) o mantemento da nova normativa estatutaria da AGADIC da relación de competencias atribuídas e esixibles ao CCG segundo se recollen no art. 27 do vixente Estatuto (sen prexuízo da necesaria adaptación das mesmas ás esixencias da Lei 9/2017 de 8 de novembro de Contratos do Sector Público), iii) a equiparación orzamentaria do CCG a outros centros similares coma o Centro Dramático Galego (CDG) ou o Centro Galego d Arte e a Imaxe (CGAI) como medida de equidade compensando, cunha proposta económica concreta, a rebaixa orzamentaria actual dun 66% respecto do ano anterior.

Dende a AGADIC, non se deu un compromiso firme nin en relación á renuncia á fusión do Departamento de Música e Danza, nin á recuperación da autonomía e capacidade do Centro Coreográfico Galego.

Déixanos contarcho!
Mantente ao día das nosas novidades uníndote agora á nosa lista de suscriptores.