Auga Seca, un thriller de seis capítulos en torno ao mundo do tráfico de armas, rodado en Vigo e Lisboa, incorpórase ao catálogo de HBO España e HBO Portugal. Logo da súa estrea mundial na última edición do MIPCOM de Cannes o pasado outubro e unha gran acollida da audiencia en RTP e TVG, a serie, creada por Alfonso Blanco e protagonizada por Victoria Guerra, Monti Castiñeiras e Sergio Pazos, terá dispoñibles todos os seus episodios para os subscritores da plataforma nos dous países a partir do 1 de abril.
Rodada orixinalmente en galego e en portugués, baixo a premisa do realismo e a naturalidade, que fai que as personaxes de cada un dos dous lados da fronteira falen na súa lingua, Auga Seca é a primeira serie en lingua galega que se incorpora ao catálogo da plataforma. Coa incorporación ao catálogo de HBO España e Portugal desta ficción, desenvolvida pola produtora galega Portocabo e coproducida xunto á portuguesa SP-i, Auga Seca avanza na súa difusión internacional a través da distribuidora británica DCD Rights.