‘A unidade componse da desorde’ recibe a axuda ao talento de AGADIC

A unidade componse da desorde recibe a axuda ao talento na categoría de longametraxe concedida por AGADIC. Esta película tratará sobre a figura de Xela Arias e será dirixida por Bruno Arias, o seu sobriño.

“Eu estou que non o creo, aínda o estou a asimilar. Na carreira sempre vemos estas axudas como algo inaccesible e que nos dean a nós isto a verdade é unha cousa tremenda”, explica Arias. Practicamente todo o equipo do filme rematou hai pouco a carreira de Comunicación Audiovisual e nalgúns casos aínda a están a cursar.

O director do filme ve este proxecto como un reto complicado pero bonito: “É unha responsabilidade grande, porque xa non é que queira facer unha película, e que agora teño que facela. Pero tamén afronto isto con moitas ganas, é algo que levo dentro dende hai moito tempo”.

Para Arias, isto transcende o puramente profesional. “Este é o proxecto máis persoal e íntimo que afrontei na miña vida. Explorará a contradición entre que a miña tía sexa unha referencia tan importante na miña vida e que morrera cando eu só tiña cinco anos”.

Tamén comenta que a súa intención é falar moito máis da persoa que da figura pública de Xela Arias, porque durante este ano de Letras Galegas xa se fixeron moitas cousas relacionadas coa súa obra: “Nós non concibimos a película nin moito menos como un produto das Letras Galegas. Queremos distanciarnos da clase de cousas que se fan nese contexto. Non significa sexa malo, pero queremos concibir algo novo que non se basee simplemente en reivindicar a parte literaria”. Ademais, engade que lle parece importante reivindicar que os autores recoñecidos con esa distinción, existen máis aló dese ano concreto.

Ademais do propio Arias, formarán parte do equipo de A unidade componse da desorde Lucía Ramiro (coguionista xunto ao director e axudante de dirección) Bea Villar (produción) e Miguel González (dirección de fotografía). Nos próximos días irán descubrindo máis integrantes do equipo pero o que poden adiantar é que “todos teñen en común que son xente moi nova”.

Déixanos contarcho!
Mantente ao día das nosas novidades uníndote agora á nosa lista de suscriptores.