Adiantamos un anaco do novo sinxelo de Verto, ‘Pegadiño a ti’

Os Verto estiveron produtivos no confinamento. Pegadiño a ti é o seu novo sinxelo, composto en corentena. Tamén virá acompañado dun vídeo musical dirixido por Paulo Mouriño Pereiro (Mundo X) e protagonizado por Alex Mallo. Unhas horas antes da súa estrea, adiantámosvos un anaco do que será o primeiro videoclip do dúo revelación da música galega.

O seu primeiro disco, Puro Ocio, viu a luz poucos días despois de que quedaramos confinados na casa, e tivemos que aguantarnos as ganas de saír de festa que nos dan Berto e Fer. E nunha vía semellante se dirixe Pegadiño a ti: sobre non ter aproveitado ben o tempo antes de que estoupase a crise da COVID-19; o sentimento de que non vas recuperar o que perdiches antes da corentena.

Mais a canción escorrenta o cliché e trasládase ou tema universal de estar triste e entrar nun bucle no que ti es o teu propio obstáculo. Neste sentido, constrúen un “reggaetonciño”: un tema con ritmo e melodía animada, pero aire tristón. Nas súas palabras, unha “digievolución de Rebolando x Ti, o seu primeiro tema. Agora nótase a rápida toma de experiencia duns rapaces que comezaron facendo cancións para que bailen os seus colegas a unha das promesas da nosa música.

O videoclip, igual que a mestura da canción, foi gravado na desescalada. Para o director Paulo Mouriño, quen tivo plena liberdade é hora de concibir o vídeo, a idea era “reflectir o sentimento de saudade” por medio de imaxes sen moita narrativa, dunha persoa -neste caso, Alex Mallo- que podería ser calquera de nós no confinamento. Realizado con poucos recursos e con estética de cinta caseira, para Paulo, Alex, Fer e Berto, o proxecto de Pegadiño a ti demostra como catro rapaces en formación poden xuntarse e facer un produto profesional, mais sendo “amigos por enriba de todo”.

Déixanos contarcho!
Mantente ao día das nosas novidades uníndote agora á nosa lista de suscriptores.