Ailá quere reivindicar a festa

O panorama musical galego abre as portas a Ailá, unha nova agrupación que bebe da tradición oral para ofrecer unha visión moderna e lúdica da creación colectiva. O cuarteto, conformado por Ángela Carou, Abel Gañete, Manuele Pardo e Xan Pampín lanzará o vindeiro luns 26 de abril o seu primeiro traballo discográfico, Ailá. 

Ailá é unha emoción feita palabra. O propio nome do grupo, e deste disco, é un neoloxismo que fai referencia a unha redución semántica dos retrousos que evocan os Ailalelo ailalalá. Neste sentido, Ailá procura achegar ao público a esencia máis fonda da música tradicional. “O canto e o baile tradicional tiveron unha función vertebradora na vida da comunidade galega. Nelas a danza e a diversión, os momentos máis lúdicos, ocuparon un papel fundamental, e cremos que cada xeración debe recrear e revitalizar estas músicas para que pervivan. Con Ailá queremos facer festa, facer bailar”, sinalan os membros da banda, que proceden de diversas agrupacións folclóricas e charangas. 

O novo proxecto musical, fraguado nas noites de foliada na Casa das Crechas, pretende espallar polo país a vertente festiva do baile e o canto tradicional, achegándose tamén ás xeracións máis novas. Para iso, Ailá presenta un repertorio confirmado polo análise e investigación en numerosos arquivos sonoros, aos que dotan de arranxos e ritmos modernos. A hibridación con outras sonoridades, sen perder a singulariedade das músicas de raíz, fan de Ailá unha proposta festiva, coidada e meticulosa que dá boa conta do inmenso patrimonio vinculado ao canto e danza tradicional.

Déixanos contarcho!
Mantente ao día das nosas novidades uníndote agora á nosa lista de suscriptores.