‘Amnesia 3.0’ é a primeira webserie interactiva en galego

O festival de contidos dixitais Carballo Interplay acolle o vindeiro xoves 19 ás 22 horas a estrea da primeira webserie intectiva en galego. Trátase de Amnesia 3.0, proxecto gañador do Premio á produción de proxecto convocado polo propio festival o ano pasado.

A estrea será a través da rede, cun coloquio posterior coas creadoras desta “macroprodución con micropresuposto” ao máis puro estilo Black Mirror: Irene Pin (directora e guionista), Iria Iglesias e Natalia Porca (produtoras)

O evento constitúe un fito dentro da ficción dixital galega, pois ofrécese a posibilidade de que o espectador se achegue á historia por un ou outro itinerario que el mesmo poderá escoller. Así mesmo, expande o panorama das webseries a un xénero pouco explorado como é o da ciencia ficción. Esta miniserie de tres capítulos conta ademais coa colaboración de caras coñecidas do audiovisual galego como Monti Castiñeiras, Sabela Arán e Isabel Naveira.

Amnesia 3.0 é unha proposta para abandonar os límites do relato convencional. Partindo de tres puntos de vista diferentes, o público pode seguir a historia desde un ou outro roteiro. As túas decisións non mudan a historia, pero si como a percibes.

Déixanos contarcho!
Mantente ao día das nosas novidades uníndote agora á nosa lista de suscriptores.