A Favorita
Yorgos Lanthimos
Estrea: 18 de xaneiro
Dentro de poucos días poderemos desfrutar nas salas de cine da nova película de Lanthimos. Recentemente puidemos coñecer que lidera os nomeamentos aos premios BAFTA e prevese un escenario similar para os Oscar. Tras destacar con The Killing of a Sacred Deer (2017), o cineasta grego volve cunha obra onde nos traslada á corte inglesa do século XVIII e explorará as inquedanzas habituais na súa filmografía.
O Blues de Beale Street
Barry Jenkins
Estrea: 25 de xaneiro
Outro que volve é Barry Jenkins. Tras o éxito de Moonlight (2016), roubándolle no último momento o Oscar a mellor película a La La Land (2016) nunha das imaxes máis icónicas da historia dos premios, chéganos O blues de Beale Street. Vindo de Jenkins podemos agardar un drama como poucos e uns movementos de cámara moi salientables. Iso se non ten ningunha sorpresa baixo a manga.
The Old Man and The Gun
David Lowery
Estrea: 25 de xaneiro
Protagonizada por Robert Redford, chéganos o novo traballo de David Lowery. O director de A Ghost Story (2017) basea desta vez o seu filme na historia real de Forrest Tucker, un ladrón que pasou toda a súa vida entre a cadea e escapar dela. Unha lenda do crime que cometeu o seu derradeiro atraco aos 80 anos.
Green Book
Peter Farrelly
Estrea: 1 de febreiro
Este filme vén de gañar nos Globos de Ouro, entre outros, o premio a mellor guión contra películas da talla de Roma, polo que é unha imprescindible nesta lista. Protagonizada por nomes de tanto peso como Viggo Mortensen e Mahershala Ali, promete ser unha cinta cun humor afiado (e afinado) na que é a primeira obra en solitario de Peter Farrelly tras deixar a histórica asociación co seu irmán.
High Life
Claire Denis
Estrea: 8 de febreiro
High Life é unha das películas que puidemos ver no Cineuropa hai uns meses. A nova película de Claire Denis trata dunha sociedade onde os reclusos son utilizados para experimentos no espazo exterior. Ten unha gran dimensión existencialista ao igual que o seu anterior traballo, Un sol interior.
Trinta Lumes
Diana Toucedo
Estrea: 8 de febreiro
A directora galega pasou 2018 triunfando con esta película por numerosos festivais, tanto nacionais como máis aló da nosa contorna. En febreiro por fin veremos a estrea nos cinemas desta película ambientada nun grupo de aldeas no Courel na que a montaxe é súa maior virtude.
Mula
Clint Eastwood
Estrea: 8 de marzo
Mula, o próximo traballo de Clint Eastwood tamén será o primeiro filme en sete anos no que o estadounidense participará como actor. Nesta película na que tamén actuará Bradley Cooper, Eastwood interpretará a un octoxenario arruinado que está a piques de perder o seu negocio, polo que se verá obrigado a comezar a traballar de novo.
Where’d You Go, Bernadette
Richard Linklater
Estrea: 8 de marzo
Despois dun 2018 no que non tivemos novidades de Richard Linklater, este ano poderemos ver Where’d You Go, Bernadette, unha película protagonizada por Cate Blanchett e cunha historia na que unha muller desaparece e é buscada pola súa familia, que racha co que acostumariamos esperar deste director.
The Beach Bum
Harmony Korine
Estrea: 22 de marzo
A nova película de Harmony Korine tamén verá a luz este ano e estará protagonizada por Matthew McConaughey, que interpretará a Moondog, un rebelde que vive a vida seguindo as súas propias regras, nun filme no que tamén poderemos ver a Zac Efron ou Snoop Dog.
Dor e Gloria
Pedro Almodóvar
Estrea: 22 de marzo
A nova “chica almodóvar” é nin mais nin menos que Rosalía. Xunto a ela, temos a grandes actores do cinema español como Antonio Banderas ou Penélope Cruz. O pouco que sabemos da película é que tratará sobre a dificultade de separar a creación da propia vida do autor. Unha obra autobiográfica? Saberémolo en marzo.
Once Upon A Time In Hollywood
Quentin Tarantino
Estrea: 9 de agosto
A estas alturas pouco hai que presentar de Quentin Tarantino, director dalgunhas das películas máis icónicas das últimas décadas como Pulp Fiction (1995), Kill Bill (2003) ou Reservoir Dogs (1992). Este ano volvera tras The Hateful Eight (2016), para algúns decepcionante. Nesta ocasión contará cun reparto de excepción con Brad Pitt e Leonardo Dicaprio entre moitos outros. Situarase no Hollywood dos anos 60 e é das obras que máis prometen do ano que acaba de comezar.
Joker
Todd Phillips
Estrea: 4 de outubro
Este personaxe do universo DC é moi interesante mais nunca foi o protagonista de ningunha obra na gran pantalla. En 2019 chegoulle o seu momento e agardamos que o faga pola porta grande. O Joker dá para moito e é un lenzo sobre o que pintar moi suculento, saber como a encarnación do mal rematou nese estado é unha pregunta á que por fin teremos resposta este ano.
O Que Arde
Óliver Laxe
Estrea: 2019
Non existe confirmación oficial de que o noso director máis internacional estree en 2019 a súa nova obra en salas, pero si que a súa intención é levala ao Festival de Cannes, polo que agardamos que para final de ano esté connosco. Esta vez Laxe céntrase nas vagas de lumes que asolan os bosques galegos cada ano. É a súa primeira película rodada dentro do noso país e realmente esperamos con ganas ter a oportunidade de vela.
Netflix comunicou hai uns meses a futura estrea da historia do primeiro matrimonio homosexual no Estado Español. Foron dúas mestras galegas no ano 1901. O filme non é en galego como moitos pediron tralo anuncio, pero é unha historia que xa inspirou unha exitosa obra teatral e diversas adaptacións literarias. Unha película que en Balea Cultural agardamos con moitas ganas, e que a avala a dirección de Isabel Coixet, entre outras cousas, gañadora do Goya a mellor directora o ano pasado por La Librería.
The Irishman
Martin Scorsese
Estrea: 2019 (Netflix)
Martin Scorsese, unha das figuras máis puristas do cine contemporáneo, sorprendeu a todos ao anunciar que a súa próxima produción sairía en Netflix. A obra apunta a ser a Roma do 2019 tanto en relevancia como en calidade. Máis se temos en conta que diante das cámaras haberá nomes como Robert de Niro ou Al Pacino. O filme será un biopic de Frank Sheeran, un home ao que se lle atribúen 25 asasinatos relacionados con actividades mafiosas.
The Last Thing He Wanted
Dee Rees
Estrea: 2019
Mudbound convertíase o ano pasado na primeira película de ficción dunha plataforma de streaming en conseguir un nomeamento ao Oscar, e en ocasións viuse absorbida polo debate que este feito ocasionou sen reparar nas virtudes da cinta. Este ano, a súa directora volve á carga coa historia dunha xornalista que remata sendo traficante de armas. A obra será protagonizada por Anne Hathaway e estamos ansiosas por ver como se desenvolve Rees nun contexto tan diferente ao do seu filme anterior.
A Virxe de Agosto
Jonás Trueba
Estrea: 2019
Este director confirmou con La Reconquista (2016) que é unha das figuras máis renovadoras do cinema español. Tres anos despois, volve con La Virgen de Agosto. A película tratará de como un verán e os acontecementos que suceden nel, poden renovar por dentro a unha persoa. Trueba falaranos sobre a confianza nun mesmo a través dunha personaxe feminina encarnada por Itsaso Arana, tamén protagonista de La Reconquista.
Mulleriñas
Greta Gerwig
Estrea: 2019
Greta Gerwig e a súa Lady Bird, pareceunos do mellor que aconteceu no cinema o ano pasado. Unha visión fresca para un tema mil veces tratado. Aínda nos queda agardar ata decembro, pero a directora estadounidense volve este ano cunha adaptación de Mulleriñas que desexamos que nos convenza tanto.
As Fillas do Fogo
Pedro Costa
Estrea: 2019
A última vez que tivemos o pracer de oír falar do director portugués, foi pola estrea de Cavalo Dinheiro en 2016 grazas a NUMAX Distribución. Pouca información hai polo momento de As Filhas do Fogo, pero tratándose de Costa, soamente podemos agardar un filme cheo de poesía dun xeito ou doutro, renovador e esixente co espectador.
Radegund
Terrence Malick
Estrea: 2019
Terrence Malick saca película e iso significa como mínimo un medio sorriso. Se ben os seus últimos traballos son bastante irregulares, o director de A delgada liña vermella (1998) ou Malas terras (1973) sempre merece como mínimo atención. Radegund presenta a interesante historia de Franz Jägerstätter, un austríaco que se negou a loitar para os nazis na Segunda Guerra Mundial, rematou sendo executado por eles e posteriormente beatificado pola Igrexa.