A crise da COVID-19 impuxo un parón nas estreas de cinema e pechou as salas. Aínda que na fase 2 da desescalada xa se permitía habilitar os cines a un terzo do aforo máximo e con butacas preasignadas, unicamente o Cine Seixo de Marín decidiu abrir as súas portas a pasada fin de semana. A partir de hoxe, Galicia entra na fase 3, onde a capacidade das salas se aumenta ao 50% da habitual, sempre e cando a Xunta non indique outra medida.
Aínda así, as estreas cinematográficas seguen paralizadas. Sumado ás limitacións de aforo e ás estritas normas de protección -lembremos que as mascarillas son de uso obrigatorio en espazos pechados-, moi poucos cinemas optaron, de momento, anunciar a volta á actividade. Hoxe ponse en marcha Cinesa As Cancelas de Santiago. Este venres, farao a Sala Numax, tamén en Compostela. E o vindeiro venres 19, os Cines Viveiro.
Cinesa As Cancelas regresa cunha variada e nutrida programación
Cinesa, o principal grupo de multicines do Estado, decidiu reabrir unicamente tres salas en toda España. A de Compostela, no centro comercial As Cancelas, será unha delas. Durante esta semana, proxectará un total de 23 títulos: 11 películas diferentes ao día reprogramadas en varias ocasións ata o domingo.
A empresa optou por unha carteleira diversa, onde se mesturan clásicos –Matrix, Os cazapantasmas ou Os Goonies– con películas estreadas antes da crise sanitaria –Sonic: A película ou Aves de Presa-, así como grandes taquillazos dos últimos anos –Joker, Interstellar ou Parasitos-. Os títulos serán os seguintes:
- Parasitos (Bong Joon-Ho, 2019)
- Onward (Dan Scanlon, 2020)
- Os cazapantasmas (Ivan Reitman, 1984)
- Orixe (Christopher Nolan, 2010)
- Aves de presa (Cathy Yan, 2020)
- Adú (Salvador Calvo, 2020)
- Bad Boys for Life (Adil El Arbi, 2020)
- Bloodshot (Dave Wilson, 2020)
- Malasaña 32 (Albert Pintó, 2020)
- Sonic: A película (Jeff Fowler, 2020)
- Joker (Todd Phillips, 2019)
- Interstellar (Christopher Nolan, 2014)
- Cuestión de xustiza (Destin Daniel Cretton, 2019)
- Expediente Warren (James Wan, 2013)
- Ata que a voda nos separe (Dani de la Orden, 2020)
- Matrix (irmáns Wachowski, 1999)
- Wonder Woman (Patty Jenkins, 2017)
- Perdendo o norte (Nacho G. Velilla, 2015)
- The Gentlemen: Os señores da mafia (Guy Ritchie, 2020)
- Os Goonies (Richard Donner, 1985)
- A bela e a besta (Bill Condon, 2017)
- Jumanji: Seguinte nivel (Jake Kasdan, 2019)
- Deadpool (Tim Miller, 2016)
A Sala Numax programa unha sesión diaria
A sala independente de Compostela opta por partir cun proceso gradual nesta primeira semana, que comezará este venres, 12 de xuño. A actividade arrancará coa proxección de dous clásicos de John Cassavettes: Noite de estrea o venres, e O asasinato dun corredor de apostas chinés o sábado. O domingo, mércores e xoves, proxectarase Bacurau (Kleber Mendonça Filho, Juliano Dornelles; 2019), e o luns, A ola verde (Juan Solanas, 2019). O martes, para os máis pequenos, prográmase o filme de animación A famosa invasión dos osos en Sicilia (Lorenzo Mattotti, 2019).
Os Cines Viveiro reabrirán as súas portas o vindeiro venres, 19 de xuño
Segundo figura actualmente na súa programación, os multicines de Viveiro optarán por proxectar cinco títulos, cunha sesión ao día e cada un nunha sala: Os Goonies (Richard Donner, 1985), Onward (Dan Scanlon, 2020), Richard Jewell (Clint Eastwood, 2019), The Gentlemen: Os señores da mafia (Guy Ritchie, 2020) e O Resplandor (Stanley Kubrick, 1980).
O Cine Seixo volveu a pasada fin de semana
A sala de Marín foi a primeira en abrir na desescalada, e a única que o fixo durante a fase 2. A pasada fin de semana, proxectou as francesas Voando Xuntos (Nicolas Vanier, 2019) e Especiais (Olivier Nakache, Eric Toledano; 2019). Cumprirá estar atentos para ver que títulos programará esta semana.