Pokemon en galego? Así reza a bio de Instagram de Rexion de Galdia, un misterioso usuario con soamente uns días de vida e que se destapa como un proxecto para sacar á luz un universo de Pokemon en galego e inspirado no país.
Segundo fontes da organización, o proxecto é publicar unha pokedex completa de cen pokemons baseados na cultura, flora, fauna e mitoloxía galegas, lendarios incluídos. Explican que a idea a moi longo prazo sería facer un fangame, é dicir, un xogo independente da franquía principal elaborado por fans, pero que o prioritario é completar a Pokedex para logo “ir traballando no outro a medida que se poida”.
Un dos títulos de Pokemon alternativos máis famosos dos últimos anos é o Pokemon Iberia, ambientado na Península Ibérica, xogo do que os responsables deste proxecto se desmarcan completamente: “Non buscamos a parodia, senón un traballo orixinal baseado en Galicia ao igual que outras rexións dos xogos oficiais están ambientados en rexións con inspiración en Reino Unido, Xapón ou Hawaii.”

O POUCO QUE SE SABE
De momento pouco se sabe de detalles sobre a posible historia, pero si se coñece a cara da Profesora Toxo, a encargada de guiarnos nos comezos da aventura. Esta estudou en Galar, e leva anos estudando as similitudes entre os Pokemon de Galdia e os da rexión onde está localizada as recentes edicións oficiais Espada e Escudo.
Tamén coñecemos a un dos starters, os clásicos Pokemon onde se nos da a elixir ao comezo do xogo, Roisalea. Este Pokemon tipo paraugas é de tipo planta e parece facer referencia a histórica poeta Rosalía de Castro. Polo demáis, nada se coñece polo momento. Na súa conta de Instagram seguirán subindo contido durante os próximos días.