‘Badaladas a morto’: Moito que contar

É extremadamente satisfactorio cando non agardas nada dun filme e logra sorprenderte. Tamén demostra como as expectativas poden cambiar totalmente como se percibe unha película. Para ben e para mal. Penso que é honesto transmitir antes de falar de ‘Badaladas a morto’ que me colleu coa garda baixa, pero non por iso o que vou contar sobre a película de Imanol Rayo é menos certo.

‘Badaladas a morto’ é un thriller rural situado nun pobo de Euskadi. Establécese en tres liñas temporais: O tardo-franquismo, os anos noventa e principio do século XXI. Conta a historia de dúas xeracións dunha familia e do contexto en Euskadi durante todos eses anos. O detonante sitúase cando na liña máis próxima ao noso presente atópanse uns ósos descoñecidos. Posteriormente o home que os atopou aparece morto.

A película paréceme moi interesante a nivel formal. Utiliza elementos que estamos acostumados a ver no Novo Cinema Galego pero aplicados a outro contexto. E os usa mellor que algunhas películas galegas porque os dota de sentido. E dun sentido moi tanxible. Se en Arima baixo a premisa de pedirlle ao espectador un esforzo remata por contar absolutamente nada, aquí os folgos vense recompensados cunha historia complexa, pero rica e concreta.

En Trote preséntase un rural duro e ata violento para contar a súa historia, pero nada remataba de cadrar. Aquí utilízanse elementos semellantes para crear unha atmosfera que apoia totalmente ao seu contexto. Ben é certo que ‘Badaladas a morto’ é un thriller e é un pouco inxusto comparar películas así sen máis, pero a sensación é esa: Ver unha película do Novo Cinema Galego pero con moito máis contido que a media deses filmes.

Nesta película a composición é extremadamente violenta. Liñas diagonais cara o espectador, partes de corpos cortados, unha fotografía cun tratamento magnífico que cambia dependendo do que conta. Imanol Rayo demostra como un plano pode ser polisémico da forma máis literal posible. Utiliza os mesmos encadres en varias ocasións demostrando como o significado semántico pode ser oposto segundo o seu contido, cambios na iluminación ou a montaxe.

Ao final a idea que se quere transmitir é o cambio do permanente, que o pobo segue aí, pero dos acontecementos traumáticos soamente quedan as cicatrices sen curar. Tamén é moi interesante como mostra o conflito vasco, sen utilizar a palabra ETA nin unha soa vez pero dun xeito simbolicamente potente. E como un conflito coas súas implicacións persoais, un xeito que lamentablemente non abunda no audiovisual.

Outro dos elementos que utiliza a nivel formal é o fóra de campo. E se ben aporta moito ao filme, tamén é protagonista do que ao meu modo de ver é o maior erro. Se ben estamos durante toda a película diante dun filme simbolicamente moi violento, a súa resolución elixe ser fóra do tiro da cámara. E, aínda que é unha decisión comprensible e consecuente co antes mostrado, perde certa forza e se estivera mostrado doutro xeito a película melloraría.

En todo caso, ‘Badaladas a morto’ é un filme magnífico. Unha obra que debería ser referencia no cine vasco e que outros directores deberían observar. A capacidade narrativa da película é incrible e demostra que se pode contar unha historia interesante e con moitas capas utilizando formas de autor e con moita personalidade. O que pasa é que aquí Imanol Rayo tiña moito que contar.

Badaladas a morto
Director: Imanol Rayo
Guión: Joanes Urkixo
Fotografía: Javier Agirre Erauso
Música: Fernando Velázquez
Ano: 2020
País: Euskadi
3.5
Déixanos contarcho!
Mantente ao día das nosas novidades uníndote agora á nosa lista de suscriptores.