Baiuca acaba de estrear “Luar”, primeiro adianto do que será o seu esperado segundo álbum de longa duración tres anos despois do lanzamento de “Solpor”. Este novo sinxelo baséase nunha arquitectura rítmica, na que os tempos tribais fúndense e confunden cun beat electrónico endiañado e o salvaxismo vocal do grupo folclórico de pandereteiras e cantareiras Lilaina, colaboradoras nesta e outras cancións do inminente segundo LP de Baiuca.
Trátase dunha canción cun rexistro absolutamente inédito na obra de Baiuca, e que consegue abrir máis que nunca o campo sonoro do artista cara a unha produción máis escura e impredicible.
Este primeiro adianto conta cun videoclip obra de Adrián Canoura, encargado de todo o imaxinario estético de Baiuca, desde as portadas aos videoclips, as imaxes promocionais ou as visuais que se proxectan nos seus shows en directo, desde os seus primeiros pasos. O vídeo conecta con ese espírito de alquimia, bruxería e Santa Compaña que comeza a proxectar por onde irán os tiros conceptuais do que será ” Embruxo”.