Comeza a rodaxe da comedia galega ‘Cuñados’

O filme, protagonizado por Xosé A. Touriñán, Miguel de Lira e Federico Pérez, chegará aos cines nos primeiros meses de 2021

Hoxe dá comezo en Ourense a rodaxe de Cuñados, que chegará aos cines nos primeiros meses de 2021. Esta supón a primeira longametraxe de ficción de Portocabo, produtora independente encargada de series como Auga Seca, Hierro ou Vidago Palace. A trama desta comedia costumista e familiar xirará arredor das peripecias criminais de tres cuñados unidos polo azar que deciden embarcarse nun plan disparatado.

Segundo o produtor executivo Alfonso Blanco,“Cuñados será a gran comedia galega, quen destaca tamén a importancia da provincia de Ourense no filme: “Está por todas partes. É imposible serparar o entorno no que se desenvolve da película, algo que sempre é moi importante nas producións de Portocabo, o territorio”.

Este filme suporá tamén o salto á longametraxe do seu director Toño López (Auga Seca). O elenco confórmano diversas caras ben coñecidas no noso audiovisual: Xosé Antonio Touriñán, Miguel de Lira, Federico Pérez, Eva Fernández, Iolanda Muíños e María Vázquez. O equipo técnico cun bo pulso de grandes profesionais galegos, como son Araceli Gonda (guión), Santi Jul (música), Ana Míguez (dirección de produción), Jaime Pérez (dirección de fotografía), Lu Rodríguez (montaxe), Andrea Pozo (dirección artística) e Saturna (vestiario).

Déixanos contarcho!
Mantente ao día das nosas novidades uníndote agora á nosa lista de suscriptores.