‘Dark’ e a valentía de retirarse a tempo

Dark é unha das series máis destacadas dos últimos anos. Alemá e distribuída por Netflix conta a historia de catro familias no pequeno pobo de Winden a través de sucesos ocasionados en diferentes épocas. É unha serie sobre viaxes no tempo e cunha carga de misterio enorme debido a introdución de elementos científicos, filosóficos e sucesos sen resolver. Unha obra que remata coa súa terceira tempada.

Non é cuestión de dicir que remata prematuramente, porque neste caso rematou onde quixeron os seus responsables: no seu punto máis alto. Na resolución dos misterios do seu peculiar universo que tantas teorías suscitou. Un elemento pouco habitual na produción de series actual, especialmente nos orixinais de Netflix, que en moitas ocasións son espremidos ata o último momento, cando non queda nada para asegurarse audiencia a cambio de calidade.

O FINAL

A terceira tempada de Dark tiña o grande reto de pechar unha serie sobre viaxes no tempo sen contradicións no guión. Como romper o bucle perfecto de saltos de 33 anos nese Winden que semella un Twin Peaks onde ninguén é feliz? O final da segunda tempada daba unha pista. Coa inclusión dunha segunda dimensión, un segundo mundo semellante ao que pensabamos que era o único pero onde as cousas suceden noutra orde, pero sempre dun xeito semellante.

Nesta tempada é obviamente na que a nivel transcendental máis cousas suceden. Deben explicar como é este segundo mundo, introducen novos personaxes e elementos para xustificar a nivel guión cousas soltas e preparan ao espectador para o remate da serie. E aquí está o problema da tempada e que a fai a peor das tres. O camiño cara o final ten máis curvas das que son necesarias.

Se ben crear expectación para o climax é crucial, a exposición é excesiva. Pásanse capítulos dando voltas en círculos nunha trama que parece transcendental e resulta superflua, incidindo nos mesmos temas unha e outra vez e abrindo novas subtramas que nunca se percorren o suficiente. Non diría que é un problema de guión en ningún caso, todo o que se conta é verosímil, pero si que existe unha toma de decisións cuestionable que lastra o conxunto.

NOLAN BEN

Se hai algo que eu creo que é destacable da serie, é o efecto Nolan que consigue. É unha serie que trata un tema tortuoso dun xeito formalmente complexo, mais está feita o suficientemente complicada para afastarse dunha narrativa tradicional, pero dan as suficientes píldoras de información constante e de estímulos para que o espectador xa non se perda. Unha obra que coa que o espectador medio síntese intelixente.  Que constantemente queira máis e estableza toda clase de teorías. Iso si, en ningún caso se rompe o seu propio universo en pos do efectismo como en moitos filmes do director británico.

Ademais, Dark nútrese dun apartado técnico moi destacado. Especialmente, a fotografía e a banda sonora logran crear unha simbiose impresionante que acentúa a sensación de perda e dor das personaxes. Aínda que na primeira, no esforzo de dar un tratamento diferenciado a cada época e dimensión, nalgúns punto desta terceira temporada podería estar mellor pulida.

SEN SAÍDA

Algo semellante ocorre nos misterios do propio universo da serie. Non vou facer spoilers do final, pero o que nunha primeira temporada se xustificaba mediante conceptos da física cuántica remata sendo unha simple relación de causa-efecto baseada no determinismo. Non é desastroso nin malo, pero si decepcionante. Non pola expectación creada ao longo dos anos, senón porque son ferramentas que a propia serie deixaba en mans do espectador e que logo non foi quen de usar.

Da a sensación que todos os sucesos desta terceira tempada son unha constante fuxida cara adiante para non rematar mal a serie. Isto non é unha crítica por si mesma, xa que o desenlace é satisfactorio a pesar de todo, pero obsérvase un esforzo tan grande por deixar atado todo despois de chegar a un punto no que parecía imposible xustificar certas cousas, que se esquecen da propia narración en si.

En ningún caso Dark é unha mala serie, e no seu conxunto é unha das obras máis destacadas dos últimos anos, pero quedoulle esa espiña cravada. Tivo a valentía de terminar cando debía iso si, e é unha decisión que lles honra aos responsables, porque se tivo que rematar así foi para non afondar en elementos que se ben non son inxustificables, si complicados de explicar. Xa o dicía a miña avoa: Mellor o malo coñecido que o bo sen coñecer.

Creadores: Baran bo Odar, Jantje Friese
Guión: Jantje Friese, Baran bo Odar, Martin Behnke, Ronny Schalk, Marc O. Seng
Fotografía: Nikolaus Summerer
Música: Ben Frost
Ano: 2020
País: Alemaña
4
Déixanos contarcho!
Mantente ao día das nosas novidades uníndote agora á nosa lista de suscriptores.