Na noite do 11 de maio, David Casal, membro do colectivo cultural Alter Ego, coñecido como Davo nos seus círculos íntimos, anunciaba nas súas redes sociais o lanzamento do que será o seu primeiro poemario, chamado De pé no océano.
Para esta andanza, David Casal e a Editorial Círculo Rojo confiaron mutuamente uns nos outros para sacar o traballo adiante. Ademais, os poemas contarán con ilustracións de Javier Blanco Armada, que figura como parte da equipa que levou adiante a curtametraxe Tapias, gañadora da categoría Outra Compostela no Festival compostelán Curtocircuíto de 2017. A edición será de 100 exemplares, e terá un prezo de 8 euros. Para a súa compra, haberá que contactar de forma directa co autor.
Davo Casal aproveitaba tamén a nova do lanzamento da obra para anunciar que fará presentacións do libro en Vigo e Compostela, aínda sen data oficial para facelas.
