David Lynch, youtuber durante o confinamento

David Lynch é un deses artistas cuxa obra está marcada de maneira clara pola multidisciplinariedade. A maior parte da Xente coñece a Lynch polo seu traballo como director de cine en películas como Mulholland Drive, Blue Velvet ou O Home Elefante, porén, a súa carreira artística comezou como pintor, e as súas primeiras filmacións non buscaban máis que dotar de movemento aos seus cadros. Pero ademáis da pintura e o cine, Lynch tamén probou a producir contido para televisión, en concreto a serie Twin Peaks, coa que revolucionou a narrativa televisiva en 1990 e de novo en 2017 coa súa secuela. Pero a maiores disto, Lynch tamén se adentrou na música, gravando dous discos, e na escultura e o deseño.

Quizais por esta razón non nos debería sorprender que durante estes meses de confinamento e distanciamento social David Lynch decidise probar a realizar contido para unha nova plataforma audiovisual: YouTube. Dende o pasado 11 de maio, a canle DAVID LYNCH THEATER ven subindo contido diario a YouTube. O formato máis repetido, o do Weather Report, uns breves vídeos onde o propio Lynch sentado no que semella un taller, xunto a un teléfono antigo e acompañado dunha taza de café, da unha breve predición meteorolóxica da xornada en Os Ánxeles en base ao que ve pola ventá. Unhas pezas minimalistas que revisitan unha idea que Lynch xa puxera en práctica hai máis dunha década, pero que desta vez sempre rematan cun “have a great day”.

Lynch tamén emprega a súa canle de YouTube para publicar de maneira ocasional uns vídeos titulados What Is David Working On Today? onde o cineasta amosa e explica algúns dos proxectos nos que está a traballar no seu taller, como un pequeno trípode feito de madeira para usar co teléfono móbil, do cal sinala que se poden mercar moito mellores pero é máis divertido facelo un mesmo. O director estadounidense tamén empregou a súa nova canle de YouTube para publicar pezas como a curtametraxe animada Fire (Pozar) ou algúns episodios da súa sitcom surrealista Rabbits.

De maneira similar a moitos outros youtubers, Lynch está empregar a súa canle como unha ferramenta para achegarse á súa audiencia. Outra das publicacións recentes na súa canle foi todo un clásico de YouTube, un vídeo de preguntas e respostas onde responde todo tipo de cuestións enviadas polo público. Un formato máis que habitual nesta plataforma, pero que ao igual que o resto dos seus vídeos consegue adquirir un tono diferente, tan realista como surrealista, e sen recurrir en ningún momento á montaxe frenética cada vez máis habitual de YouTube.

Déixanos contarcho!
Mantente ao día das nosas novidades uníndote agora á nosa lista de suscriptores.