Dioivo colabora con Méndez Ferrín no tema ‘Retorno a Tagen Ata’, escóitao!

A canción da banda viguesa de metal está baseada na novela homónima de 1971 do célebre autor, que participa coma narrador da historia, celebrando 50 anos da obra

Dioivo é un dúo de metal procedente de Vigo, que naceu no 2016 poñendo música ao poema de Rosalía de Castro “Sempre pola morte Esperas”. Agora, os vigueses atrévense cunha nova adaptación ao metal dunha obra clásica da literatura galegaRetorno a Tagen Ata de Xosé Luís Méndez Ferrín. E esta vez contan coa colaboración do propio autor, que lle puxo voz ás narracións da canción. O pasado xaneiro cumpríronse xusto cinco décadas da publicación desta breve pero influínte obra, e o grupo decidiu editar este tema, apenas tres meses despois do seu último EP Dioivo III, a modo de homenaxe.

A canción, que xa está conseguindo unha boa acollida por parte do público galego, foi gravada por Dany Soengas, membro de coñecidos grupos vigueses de metal coma Atreides ou Skydancer. Xa está dispoñible nas principais plataformas dixitais de música, así coma en Youtube nun vídeo gravado por Brais Gómez Salvador nos Estudios Metrópolis de Vigo.

O tema mestura as recitacións coa guitarra eléctrica e a batería, e as voces melódicas coas voces raspadas propias do metal máis extremo, dando voz aos diferentes personaxes da obra. Trata así a historia de Rotbaf Luden, unha rapaza emigrada na Illa de Anatí que volve á súa terra de orixe Tagen Ata -zona baixo o dominio do imperio de Terra Ancha- para coñecer ao célebre poeta da súa terra Ulm Roan.

Ademais de Retorno a Tagen Ata, Dioivo ten editados tres discos nos seus cinco anos de existencia, titulados respectivamente Dioivo (2016), Dioivo II (2019) e Dioivo III (2021). Neste último contaron coa colaboración dos vocalistas Dana e Marcos, da banda de folk metal Mileth, no tema Ferro e Xenreira, e a finais de maio publicaron un videoclip para Golpe por Golpe.

Déixanos contarcho!
Mantente ao día das nosas novidades uníndote agora á nosa lista de suscriptores.