Despois do seu éxito como obra
teatral, Eroski Paraíso dá o salto á gran pantalla da
man dos directores Jorge Coira e Xesús Ron. O filme, unha produción de Chévere
e Ollo Vivo, chegará este venres 13 de decembro aos cines galegos. As
primeiras localidades que acollerán o filme a partir desa data serán salas
como NUMAX (Santiago de Compostela), Duplex (Ferrol), os Multicines
Norte (Vigo), CODEX (Lugo), o Teatro Lauro Olmo (O Barco de Valdeorras), os
Cines Viveiro (Viveiro) e os Cines Seixo (Marín). Nas
semanas seguintes Eroski Paraíso tamén poderá verse en Caldas de Reis, A
Coruña, Cee, A Rúa, As Pontes, Verín, Leiro, A Estrada ou Ribadeo.
Na película nárrase a historia de Álex (Cris Iglesias), unha nova cineasta, que
decide facer un filme sobre a historia dos seus pais. Eva (Patricia de Lorenzo)
e Antonio (Miguel de Lira) coñecéronse na sala de festas Paraíso en 1989,
casaron e tiveron unha filla. Agora están divorciados, levan anos sen verse e a
antiga discoteca onde se coñeceron é un supermercado Eroski. O filme é o
retrato dunha xeración que o tivo todo ao alcance da man pero que camiñou pola
vida coma se recorrese o corredor dun supermercado, unha metáfora viva
da transformación social que tivo lugar nos últimos 35 anos en España.
A PELÍCULA
Eroski Paraíso naceu como unha obra de teatro creada pola compañía Chévere que, despois dunha xira de varios anos polo Estado Español e de máis de 30.000 espectadores, agora convértese en longametraxe.
O filme é unha comedia que explora a memoria colectiva, as voltas que dá a vida e a transformación das relacións nunha comunidade pequena. Baséase en historias reais que sucederon no Paraíso, unha famosa sala de festas de Muros que pechou en 1990 e que, ao cabo dos anos foi convertida nun supermercado Eroski. Un feito que se repetiu en infinidade de lugares onde os cines, as salas de festa e outros espazos de socialización se volveron espazos de consumo.