Os Premios MIN, organizados pola Unión Fonográfica Independente, son un auténtico exemplo de recoñecemento da creación, diversidade e calidade artística das producións independentes realizadas dentro do Estado. Na súa 12ª edición, cuxa entrega de premios celebrarase o vindeiro 11 de marzo, recoñécese un ano máis gran parte da mellor música feita en Galicia durante o pasado ano.
Os nomeados na categoría a Mellor Álbum en Galego son os seguintes:
- A Banda da Loba: Fábrica de Luz
- Familia Caamagno: Había que Intentalo
- Heredeiros da Crus: Derretidos
- Os Amigos dos Músicos: Segundo Fogar
- Tanxugueiras: Contrapunto
As Tanxugueiras volven ser finalistas tras gañar o ano pasado este galardón co seu álbum debut, Tanxugueiras. Con Contrapunto, o que para Balea foi o mellor disco galego de 2019, as tres pandereteiras asumiron a súa definición artística e musical.
Por outra banda, Novedades Carminha conseguen con Ultraligero catro nomeacións nos apartados estatais: Premio The Orchard ao Álbum do Ano, Premio Fluge ao Mellor Artista, Mellor Álbum de Pop e Premio Ticketmaster ao Mellor Directo.