Estas son as medidas aprobadas polo Goberno en apoio ao sector cultural

A pesar das múltiples medidas aprobadas, o gran esquecido é o sector dos videoxogos.

O Goberno aprobou o primeiro paquete de medidas destinadas ao apoio do sector cultural por mor da crise sanitaria da COVID-19. Dedicarase un investimento de 76’4 millóns de euros. Unha das medidas principais consiste en asegurar o acceso extraordinario á prestación de desemprego do colectivo de artistas en espectáculo públicos, que poderán acceder por un período de ata 180 días, que cambiará segundo canto cotizasen o ano anterior.

Tan verdade como que se recoñece a intermitencia da profesión e ponse en valor a vulnerabilidade do sector ante esta situación, déixase fóra a outros colectivos relacionados como os técnicos de son, o cal xa xerou algunha reacción negativa dende voces do sector.

O Ministerio de Cultura e Deporte porá 20 millóns de euros en CREA SGR, o que supón asegurar ata 780 millóns en créditos garantidos no sector. Ademais, cada ámbito do sector accederá a un mínimo de 40 millóns de euros en créditos deste tipo. Aquí entra o sector editorial, as artes escénicas, a música, o audiovisual e as belas artes. Porén, nin rastro nas axudas do sector do videoxogo, que de novo é o grande esquecido.

Para o sector audiovisual, créase un Fondo Social Extraordinario de máis de 13 millóns de euros para apoiar a exhibición en salas. Tamén se recolle unha excepción temporal ata o 31 de agosto, para que os filmes aos que lle sexa imposible estrear en salas podan facelo en plataformas de streaming sen que isto afecte ás axudas.

As produtoras que recibiron axudas, percibirán un pago adiantado do 50% da axuda antes do inicio da rodaxe e os gastos relacionados coa crise sanitaria tamén serán subvencionables. Flexibilizaranse tamén prazos e obrigas tanto para a produción de longametraxes e curtametraxes sobre proxecto concedidas entre o 2016 e o 2019.

Aprobouse tamén un incremento dos incentivos fiscais á produción audiovisual das series así como aos rodaxes estranxeiros. Será deducible o 30% do primeiro millón de euros e o 25% do restante. Isto ten como obxectivo atraer máis producións internacionais, fomentar coproducións e aumentar a actividade da industria audiovisual.

Por outra banda, permitirase o abono das subvencións concedidas a pesar de que o produto non se puidera levar a cabo por mor da situación, xa sexa total ou parcialmente. Os profesionais das artes escénicas contratados co sector público e que non puideron facer a súa actividade poderán recibir anticipos ou indeminizacións (sempre e cando o contrato non sobrepase os 50.000 euros).  Ademais neste sector destinaranse 38’2 millóns de euros a través da convocatoria extraordinaria das axudas de INAEM, que non ía existir neste ano.

No sector editorial, créase un mecanismo extraordinario de axudas para o apoio urxente a unhas estruturas moi maltratadas durante estes meses e ás cadeas de distribución. Na arte contemporánea reoriéntase as axudas destinadas a súa promoción e dótanse de máis cartos e se crea unha dotación extraordinaria para  a adquisición de arte contemporánea española. É a primeira vez que se lle da un carácter específico.

Co obxectivo de estimular o investimento privado na cultural, increméntase nun 5% os incentivos fiscais de mecenado. Así será deducible o 80% dos 150 primeiros euros investidos nun proxecto cultural e un 35% da cantidade restante.

Estas medidas tamén teñen críticas por non ser suficientes, especialmente entre os realizadores de eventos como festivais de música por non declarar o estado de forza maior, e de outros membros do sector pola ausencia da axuda directa a salas de música. Tamén dos profesionais dos videoxogos pola súa non inclusión nas medidas de axuda.

Déixanos contarcho!
Mantente ao día das nosas novidades uníndote agora á nosa lista de suscriptores.