Tras anos de especulación e negación sobre o retorno de Friends á televisión, os soños de millóns de fans cumpríronse onte: os seis protagonistas da mítica serie da NBC -Jennifer Aniston, Lisa Kudrow, Courteney Cox, Matthew Perry, Matt LeBlanc e David Schwimmer confirmaron nas súas contas de Instagram que se ían reunir 16 anos despois do remate de Friends, con motivo do lanzamento da nova plataforma de streaming HBO Max. O capítulo especial estará dispoñible en maio nos Estados Unidos, xunto cos 236 episodios orixinais.
Segundo confirmou a Warner Bros, os actores non interpretarán ás súas personaxes principais, senón que se sentarán no plató orixinal de Friends xunto á famosa presentadora Ellen Degeneres para falar das súas experiencias rodando a serie. A dirección correrá a cargo de Ben Winston -coñecido por producir diversos talk shows estadounidenses- e contará cos tres creadores de Friends -Kevin Bright, Marta Kauffman e David Crane- como produtores.