Xa se poden escoitar Benvido e Mártiros e o
vákner os dous primeiros singles do novo disco de Luar na Lubre.
Vieiras
e vieiros. Historias de peregrinos. Trátase do 19º traballo do
grupo, no que explorarán as historias, pegadas, lendas as sonoridades e os
relatos dos protagonistas da ruta xacobea: os peregrinos.
O single Benvido, que
abre o disco, conta coa colaboración do cantante andaluz Miguel Ríos quen, por vez primeira, grava un
tema en galego. Esta canción conta tamén co músico Nani García nos
teclados. Bieito Romero, un dos integrantes históricos da banda, explica
que Benvido é “unha canción con estética celta e cunha base popeira
interesante”
O segundo dos cortes xa dispoñibles nas plataformas dixitais é Mártiros e o vákner, que narra a lenda do encontro, no século XV, nos montes de Dumbría do peregrino armenio Mártiros cunha besta maligna á que nomeou vákner. Estes adiantos do novo disco poden escoitarse nas plataformas dixitais Spotify, Amazon, Itunes, Deezer e Tidal.
Luar Na Lubre xurdiu en 1986 na Coruña. Após tres décadas de traxectoria, con 18 discos publicados e máis de 1.500 concertos en 30 países diferentes, o grupo e unha referencia a nivel internacional da música folk. A constancia e a fidelidade ao universo folk definen, desde os seus inicios, o traballo de Luar Na Lubre. Desde a publicación de O son do ar (1988), tema que chegou versionar Mike Oldfield, o grupo procurou o seu propio son. Hoxe en día, cunha identidade propia recoñecible e consolidada, a música de Luar Na Lubre forma parte do imaxinario colectivo do país.