Isto poderás ver no Planeta GZ do Curtocircuíto

Tan só queda un día para que o Curtocircuíto abra as súas portas. Entre o 3 e o 11 de outubro, o festival de compostelán dará acubillo unha edición máis á mellor creación cinematográfica de curta duración. E unha sección fóra de competición á que sémpre cómpre prestarlle especial atención é a Planeta GZ: unha selección das curtametraxes de produción galega máis interesantes do último ano, que funciona como un mapa perfecto do estado actual da escena cinematográfica do país, e mais cara onde se dirixe a mesma.

As dúas sesións que conforman a proxección de Planeta GZ terán lugar o luns 5 e o mércores 7 no Teatro Principal, ambas citas ás 21.30h. Estas son as curtas que aglutina a sección este ano.

REALITY

David Fidalgo Omil

7’47”

David Fidalgo Omil firma en REALITY unha reflexión crítica e irónica sobre os programas de televisión máis vistos e a sociedade que os consome. O director do galardoado Homomaquia volve con outra obra de animación cunha importante crítica social.

Todo o mundo se asemella de lonxe

Rafa de los Arcos

14’33”

Todo o mundo se asemella de lonxe é unha curta de Rafa de los Arcos onde se retrata como a vida pode cambiar totalmente nun só golpe. Onde ante a desesperación o ser humano busca agarrarse ata ao último pau ardendo.

Hai unha virxe alí arriba

Brandán Cerviño

14’28”

O gañador do planeta GZ de 2019, Brandán Cerviño, volve á sección cun filme onde os elementos ancestrais e mitolóxicos se topan no camiño de dous rapaces. Cinema no rural cunha igrexa no cumio da montaña.

Onde dormen as gaivotas

Dani Cornes

11’42”

Esta curta, recente gañador no festival de Cans, sitúase nun futuro distópico rodado nas Illas Cíes. Dani Cornes mostra un mundo onde o cambio climático teoricamente esmagou con todo, a non ser que iso non sexa tan así.

A penumbra

Dani Viqueira

13’47”

Tras o multipremiado Limbo, Dani Viqueira volve facer unha incursión no fantástico nesta obra que parte dunha muller opositando. Cando todo se escureza e a escuridade avance, todo semella que se verá moi diferente.

Mare

Guille Vázquez

7’48”

Directamente dende o festival de Málaga ven Mare. Esta curta de Guille Vázquez está baseada no cadro The Nightmare, de Heinrich Füssli. Este filme describe un problema tan común como pouco tratado: A parálise do sono.

MARCAS

Aldara Pagán

9’34”

A nova obra de Aldara Pagán, unha das novas realizadoras máis destacables de Galicia, é MARCAS. Gravada en Super 8, representa tres poemas escritos pola directora representado dun xeito visual e coa voz de Pagán recitándoos.

Branco e fucsia

Marta Valverde

10’36”

Marta Valverde firma este filme onde se mestura documental e ficción para narrar as inquedanzas dunha xeración que non sabe onde ir. Unha mocidade que se sinte desarraigada e á que se lle vendeu un futuro se facía as cousas como debía que resultou sen mentira.

Vestixios (un arquipélago)

Enar de Dios

40’59”

Vestiges (an archipelago) é un videoensaio que investiga a nosa insaciable demanda de area, o recurso natural máis usado do mundo despois da auga. Enar de Dios traza un discurso a través da narración onde se trata o colonialismo dende o punto de vista da globalización.

Notas sobre a habitabilidade en A Barca

Cinema Semente

16’54”

Este é o primeiro filme-investigación xurdido do colectivo Cinema Semente. Nace da utopía dun espazo cinematográfico no rural galego. Mostra un pobo abandonado no sur de Galicia e unha forma de habitalo a través da propia cinematografía

As horas cegas

Lara e Noa Castro

10’23”

Lara e Noa Castro dirixen As horas cegas, un retrato da noite e de quen a percorre. Explórase a a través da figura dun repartidor e a paisaxe que conforma a propia noite. É unha ollada inmersiva e cambiante ao redor desta figura.

A loba

Iria Silvosa

9’35”

Non nos imos da noite con esta curta de Iria Silvosa. Polas terras vaise na procura da bandoleira Pepa a Loba na compaña do seu can. Unha busca entre a natureza documental e o contrario. Rodada no marco na Invernada de Cine de Cabreiros.

Déixanos contarcho!
Mantente ao día das nosas novidades uníndote agora á nosa lista de suscriptores.